Proxecto mineiro de Touro: apaña o cobre e corre (outra vez)

A explotación do cobre en Touro resucita para aproveitar o alto prezo do metal empurrado pola demanda asiática. Sobre a paisaxe luar das explotacións históricas abandonadas, o novo proxecto nen resolve vellos problemas nen garante solucionar os novos.

A empresa Cobre San Rafael SL ten a concesión de explotación do xacemento “San Rafael” (O Pino e Touro) por 90 anos até o 2068. Aproveitando o alto prezo que o cobre ten acadado dende 2007, debido en grande parte á forte demanda de materias primas dos xigantes asiáticos China e India, pretende reabrir e ampliar as minas de Touro, abandonadas dende 1986.

Dase a circunstancia que, ao igual que acontece co seixo en Mesía, o capital para o proxecto pódese rastrexar até China. Así, Atalaya Mining, a empresa chipriota que case monopoliza a explotación do cobre no estado, e que pretende facerse co 100% de Cobre San Rafael SL -se a Xunta autoriza a explotación- está participada por Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd (case o 22%).

O proxecto presentado, de 16 anos e medio de duración, afectará unha superficie de 689 hectáreas e amplía 4 explotacións xa iniciadas (Arinteiro, Vieiro, Bama e Brandelos), abrindo outras dúas (Arca e Monte das Minas). Isto é, haberá ao longo da vida da mina 6 cortas mineiras principais (e outras 4 satélites), 10 ocos en total, O sistema de extracción é a ceo aberto, e durante a vida útil sacarán 267 millóns de toneladas de materiais, dos cais 102 millóns serán de mineral de cobre para beneficiar unhas 356.464 toneladas de cobre metal. Os beneficios brutos poderían acadar os 1926 millóns de €, ao prezo actual do cobre.

A enxurrada de postos de traballo non agocha as importantes eivas ambientais

Alén das coñecidas ofertas publicitarias (enormes investimentos, revitalización da comarca, importante contribución ao PIB galego, etc.) comúns a este tipo de proxectos-miragre, a empresa ofrece tamén entre 400 e 500 postos de traballo fixos, naturalmente sen garantía algunha de que os vaia criar.
Porén, a “letra pequena” ou non tan pequena do proxecto aponta a serias eivas ambientais:
-De entrada non se contempla abordar a contaminación do río Portapego nin da balsa hiperácida de Angumil. O proxecto tira para adiante esquecendo solucionar desfeitas anteriores. A restauración destes puntos contaminados tería que ser unha esixencia incluida no proxecto de restauración ambiental das novas minas: Se se retoma a explotación debería retomarse tamén a restauración.

-Invocan a minaría de transferenza, que non require a criazón de entulleiras xa que os estériles reutilizanse no selado dos ocos mineiros. Porén o proxecto recóllese a criazón dun “depósito de estériles auxiliar ou temporal para los primeros años” (como mínimo até o 4º), así como de 4 entulleiras. A  explotación debería axustar a extración para minimizar o número de entulleiras para que realmente sexa considerada como minaría de transferenza

-O proxecto precisará desviar dus regos (o do Burgo e o dos Pucheiros) coa criazón de cantes artificiais de aprox. 1km en cada caso. Tampouco se especifica onde se vai a obter auga necesaria para as operacións mineiras, que poderían afectar á traída minicipal e aos mananciais locais. E non fica claro a onde van ir os milleiros de metros cúbicos depositados na vella de Arinteiro e que é preciso baleirar na fase previa das operacións.

-Prevese o vertido de 1,8 millóns de metros cúbicos augas de proceso ao medio durante 3 anos. O resto dos anos (do 4 ao 13) as augas producidas e tratadas serán reutilizadas, co que segundo a empresa a vertedura sería 0. Para o tratamento farase unha planta depuradora para correxir a acidez e eliminar os metais, que funcionará coa técnica de aireación, encalado e decantación das lamas. Mais este sistema non garante a total eliminación de metais tóxicos (como o arsénico) e dos reactivos nas augas de proceso. A planta funcionará durante a vida útil e aínda que haberá plano de seguemento ambiental posterior ao peche, non fica claro quen se fará responsábei de eventuais fenómenos de verteduras e lixiviados provintes das cortas e escombreiras restauradas.

-Todos os estériles tanto de mina como de planta teñen a consideración de residuos non inertes e a súa perigosidade determinarase mediante ensaios químicos sobre a marcha. Segundo a empresa, produciranse dus tipos de residuos: aqueles non susceptíbeis de xerar drenaxes ácidas (NAG) e os que si (PAG). Xestionaranse con sistemas diferentes, procurando illar os mais activos da acción das augas pluviais para diminuir os fenómenos de lixiviación e drenaxe ácida. Porén, todos os estériles son susceptíbeis de producir drenaxes ácidas nalgunha medida (de feito a empresa fala sempre de “potencialmente xeradores ou non xeradores” de drenaxes ácidas). A consideración da súa cantidade, actividade e perigosidade farase con análises “sobre a marcha”, o que non é máis que outra versión do “ti vai facendo”.

Unha traxectoria ambiental non exenta de irregularidades e denuncias

Atalaya Mining, a empresa accionista de referenza e proximanente maioritaria de Cobre San Rafael SL, foi sancionada en 2016 pola Junta de Andalucía (4 faltas graves) por incumprimento da autorización ambiental nas minas de cobre de Río Tinto (Huelva) e denunciada pola Fiscalía andaluza en 2017 polas mesmas causas. Ao parecer, producíronse excesos de partículas en suspensión polo transporte de entullos, as voaduras e a circulación de camións que non trataron axeitadamente consonte a autorización ambiental concedida no seu momento. Asemade, incumpríronse as normas de seguridade e os requisitos técnicos na construción das entulleiras, así como superáronse até dez veces os valores medios de cobre, zinc e arsénico nas poboacións próximas en relación con outros lugares non afectados pola actividade mineira.

Non temos por que supoñer que con estes antecedentes, isto non vaia acontecer tamén en Touro, cunha administración (a Xunta) moito máis permisiva que a andaluza, que xa é dicir!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s