Por e para que arde Galiza?

Primeiro, a culpa é de quen pon a chama e prende o lume, mais se non houbera combustíbel non ardería nada. Con isto queremos dicir que ademais da cuestión da culpabilidade concreta no inicio dos lumes, a política forestal está a ser neglixente. Para determinar o primeiro é precisa calma e unha investigación xudicial, para o segundo, só atender á evidencia.

Galiza arde por:

  • Porque se especula co terreo e coa re-cualificación del, por iso esiximos que as zonas queimadas non poidan ser re-cualificadas, posibilidade aberta coa última Lei de Montes. Polo mesmo demandamos a non aprobación da lei #LeiDepredacionGaliza o vindeiro 17 de outubro.
  • Por terrorismo ambiental, pero de quen? Esta é unha das grandes preguntas que se abren sempre que hai vagas de incendios. O Goberno galego está a tirar de titulares grosos para agochar outras responsabilidades, por exemplo se os propios medios para as investigacións son suficientes.
  • Pola situación de deterioro do medio rural e unha mala xestión da ordenación do territorio.
  • Porque seguen a empregarse prácticas co lume que no contexto actual, social, territorial e climático, supoñen un grave risco.
  • A política do eucalipto. Por que non se inclúe como especie invasora no catalogo galego de especies invasoras? Quizais por Ence, empresa contaminadora da ría de Pontevedra? Ou por algún outro interese?
  • Porque xa case non temos especies autóctonas, nos montes do litoral galego, a maior parte do monte esta plantado co Eucaliptus, Pinus Pinaster, Pinus radiata especies pirófitas e dunha forma desordenada, que favorecen o avance dos lumes.
  • Porque a mudanza climática é unha realidade, polo que temos que tomar medidas de cara a sostibilidade do monte na Galiza.

Convidámoste a ler a nota de prensa e as medidas para loitar contra os incendios que xa propuxemos no 2013.

Os malos atacan! Todo o mundo a cadrarse tras o Goberno!

O fume e o lume: unha revisión do discurso institucional e da realidade dos incendios.

Unha vez máis vemos arder os nosos montes e desta volta con especial presenza mesmo en espazos urbanizados e con consecuencias tráxicas para vidas humanas. E unha vez máis vemos como o Goberno galego e outros responsábeis políticos, nunha estratexia comunicativa coordinada e co altofalante dos medios de comunicación, alude á presenza dunha trama de terrorismo incendiario, xunto a uns factores meteorolóxicos incontrolábeis. A realidade pola contra semella desmontar esas recorrentes afirmacións auto-exculpatorias. Todos os informes sobre responsabilidades nos lumes nas últimas décadas, da Fiscalía galega de medio ambiente ou do SEPRONA, sinalan que nunca existiu até o de agora unha trama organizada incendiaria no sentido no que o insinúa a Xunta, mesmo reducen a incidencia dos tan manidos pirómanos a un 7% dos incendios dos que se pode determinar a súa causa. O problema do lume non é polo tanto nin o de nebulosas organizacións criminais nin o de persoas desequilibradas. Porén, tampouco as causas do lume son naturais. Unha inmensa maioría son provocados polo ser humano e mesmo nos poucos que non o son, habería que recordar que as orixes dunha catástrofe poden ser naturais, pero as súas consecuencias non, pois dependen da capacidade das comunidades e institucións para afrontalas. As causas polo tanto haberá que buscalas en prácticas concretas, en intereses específicos, na situación real do rural e do territorio, na política forestal ou de prevención e extinción do lume, máis que en mitos xustificativos.

Cando sucederon os incendios da zona portuguesa de Pedrogão Grande, dende a Xunta aseguraban que iso non sucedería aquí pola maior preparación e medios. Porén, cunhas condicións meteorolóxicas moi adversas, si, pero previstas, os sucesos están á vista. Ante isto cabe denunciar as responsabilidades políticas na situación dos sistemas de prevención e extinción, o fracaso da ordenación do territorio, que a crise do rural galego está en paralelo á presenza de incendios catastróficos, a incidencia do cambio climático, tamén provocado polas actividades humanas e produto por exemplo de procesos industriais ou modelos de transporte sobre os que o Goberno galego tamén ten parte activa. O Goberno quere esconderse co fume, non asumir responsabilidades no modelo de país que está a deseñar coas súas leis de montes, plans forestais, directrices de ordenación do territorio ou leis de fomento de iniciativas empresariais. Que non nos enganen. Propómosche a seguir unha reflexión sosegada sobre factores, causas e responsabilidades. Na Galiza estanse a dar dende fai décadas a metade dos lumes do Estado. Partillamos con Portugal e cada vez máis coa franxa cantábrica algunhas características que compre analizar.

——–

Breve resumo histórico da situación:

– Dende o ano 1961 existen estadísticas anuais de incendios forestais. En todo este tempo o ano 1989 marcou un punto de inflexión. Ese ano queimáronse preto de 200.000 hectáreas. A tendencia ascendente dos danos provocados polos incendios pode verse moi claramente dende os anos 70. Antes do 1989 xa houbera tres ocasións nas que se tiñan superadas as 100.000 hectáreas queimadas. A proporción de monte arborado movíase entre os anos 80 e 90 sobre un 50% do total queimado, para baixar logo a porcentaxes na contorna do 20% até o 2006. Dende entón tivo oscilacións que provocaron novos incrementos seguidos doutros descensos. Cómpre ter en conta, iso si, que os incendios en monte baixo non fan menos dano aos ecosistemas que os de masas forestais, se cadra son menos perigosos en canto a súa velocidade de expansión.

– Dende a apertura dos anos 90 a situación mellora en canto á superficie total queimada ano tras ano. Principalmente pódese destacar o inicio de políticas más activas na extinción e control de lumes así como campañas de concienciación da poboación ao respecto. De todos modos o número de incendios manterá o seu incremento até 1995, que rexistra uns 15.000 lumes. Dende o 2007 a redución da cantidade de incendios xa é notábel, porén, non existe unha redución de superficie queimada equivalente. Para analizar estes datos hai que ter moito coidado cos valores estatísticos, pois un incremento de incendios pode deberse a un mellor rexistro ou a un cambio nos criterios de clasificación estatística, máis que a unha diferencia real nos lumes. En todo caso parece posíbel concluír que se ben hai unha redución no total de lumes, increméntase o seu potencial catastrófico.

Por que arden os montes de Galiza?

Semella que os factores principais están bastante acoutados e teñen que ver cos usos tradicionais do lume nas actividades agrícolas e gandeiras ou queimas para eliminación de vexetación. Outros factores destacados son máis variados: descoidos en actividades recreativas, busca de novos terreos para a caza, vinganzas persoais, expresión da conflitividade política no ámbito local, intereses na re-cualificación do solo, provocar a baixada do prezo da madeira, etc. Unha clasificación alternativa sería en factores intencionais asociados á propia queima, factores intencionais secundarios, nos que o lume é un instrumento para outros fins, e factores non intencionais derivados de descoidos ou neglixencias. A gran dispersión da poboación no territorio, o aumento de estradas e de masas forestais ao seu carón, a maior presenza de actividades recreativas nos montes ou a existencia dunha desordenada e difusa rede de espazos industriais en contacto con áreas forestais, son só algúns dos elementos a considerar entre os factores de risco. Non estaría mal recordar que Galiza é a comunidade con menos espazos naturais protexidos do Estado ou que a Lei de Montes aprobada no 2015 polo Goberno central do PP rebaixa os límites a procesos de urbanización en territorios queimados.

Isto sería todo en relación aos motivos do inicio dos incendios, pero se cadra é máis importante comprender que factores levan a súa propagación e características e para isto  é fundamental analizar como está o noso territorio en relación á biomasa, que funcionamento teñen as comunidades que o habitan ou como está a mudar o clima. Aquí atopamos paralelismos con outros territorios do mundo e moito que aprender sobre o panorama non moi alentador que se debuxa para o futuro inmediato. Despois de anos de negar a mudanza climática, agora tócalle aos gobernos enfrontar as súas consecuencias, cando aínda temos pendente evitar as súas causas ou cando menos mitigalas. Pero para isto teriamos que falar das bases de funcionamento do capitalismo industrial, non si?

Se os usos tradicionais do lume están considerados o principal factor, como é que ten aumentado a presenza de incendios xusto cando o mundo rural entra en crise?

A resposta a isto é complexa, pero precisamente esa crise é parte do problema. A desestruturación das comunidades,  a perda de poboación, a caída ou en todo caso un baixo nivel de ingresos, o endebedamento familiar, etc, son elementos que poden explicar que se acuda ao lume como medio tradicional e barato de traballo. Por outra banda, a forestación pode ter unha connotación positiva, pero no caso galego as cousas non están a funcionar así xa que está baseada en especies de monocultivo que aportan máis problemas e riscos ao medio natural que beneficios. É un proceso que substitúe antigos mecanismos de multifuncionalidade nun contexto  de crecentes dificultades para que unha poboación envellecida e minguante manexe o territorio cun modelo sostíbel, tal como o era a agricultura tradicional. A superficie de especies de plantación ten aumentado bruscamente nos últimos tempos ultrapasando o que a propia Xunta prevé no seu plan forestal: as masas de eucalipto superan xa as 400.000 ha, cando Medio Rural propón para o 2032 un límite de 245.000 ha. Esas masas de piñeiro e eucalipto supoñen un combustíbel de gran potencial en caso de lume. Para alén diso, o modelo de plantacións non só é excesivo, senón desordenado. O crecemento de eucaliptais ventureiros ou a desaparición de propietarios con parcelas repoboadas están a abrir dinámicas moi negativas de cara ao futuro. Engadir que a progresiva degradación dos terreos abre paso a outras especies invasoras como as acacias, nova e real ameaza a gran escala.

Non hai que esquecer que a este deterioro e abandono do noso rural contribuíron as políticas de industrialización e forestación iniciados co franquismo e non axudaron as políticas da UE sobre o leite, mais tamén contribúen a el a privatización da sanidade que leva os recursos aos lugares con máis poboación, o peche dos centros de ensino do rural, as políticas de transporte de viaxeiros (dende a desaparición do tren de proximidade ata o desleixo polas concesións de transporte de viaxeiros en autobús). E certamente contribuirá a empeorar a situación a Lei de Depredación de Galiza, que entrega o territorio ás grandes empresas mineiras e eólicas, e á eucaliptización.

Só se queiman os montes de plantación?

Non, os lumes nos parques naturais deixan ver que tamén poden arder os montes con especies autóctonas, mentres que pola contra hai superficies de plantación que non sofren apenas lumes. A análise non pode ser simplista e temos que ver como factor clave a actividade humana, a relación das poboacións co seu territorio, xunto a elementos naturais non só vinculados ao tipo de arborado. Neste sentido non pode obviarse que o cambio climático, provocado polo ser humano e polo tanto tamén responsabilidade nosa, vai a agudizar a situación no futuro. Galiza é unha área de transición entre climas oceánicos e mediterráneos, con marcada tendencia a unha perda de características asociadas aos primeiros. As secas prolongadas van ser un fenómeno máis frecuente, xunto a presenza de eventos meteorolóxicos extremos, vagas de calor, fortes ventos, choivas torrenciais, etc. É nesta combinación de elementos nos que hai que contextualizar os incendios de masas forestais autóctonas, que en todo caso supoñen sempre unha maior resistencia ao lume en canto depositarias de humidade.

Que acontece para que se concentren os lumes en momentos tan concretos?

Aquí habería que sinalar os factores meteorolóxicos, a combinación ben coñecida de 30 graos de temperatura, menos de 30% de humidade e vento de máis de 30 Km/h. Pero non debemos deixar de contextualizar isto en marcos algo máis amplos que falan de picos de  risco extremo en mesetas cada vez máis duradeiras de risco elevado. A capacidade para prever estas situación é básica e para iso é preciso desestacionalizar as labores de prevención e loita contra o lume. A mudanza climática estende os riscos a períodos moito máis diversos e ademais xera situacións de fondo como foi a seca dos últimos meses. Una mala resposta neste sentido favorece chegar a situacións de descontrol como a vivida estes días.

Que danos provocan os incendios?

Depende moito do tipo de incendio, intensidade, duración, características do espazo queimado, medidas tomadas na recuperación do terreo, etc. Polo pronto temos un dano concreto, terríbel nestes días, que é o perigo para vidas humanas e vivendas. En canto aos ecosistemas, ademais da morte directa de animais e vexetación, a degradación dos espazos naturais ten efectos tamén a medio e longo prazo. Para unha avaliación máis completa habería que agardar á evolución de fenómenos como as choivas posteriores, xa que un dos efectos negativos máis difíciles de reverter é a perda de solos. Os danos polo tanto poden ir dende os efectos con capacidade para seren superados no curto prazo até as perdas irreparábeis de vidas humanas, de miles de animais, de ecosistemas enteiros. Outro vector sería o das valoracións económicas, que non é o noso papel avaliar pero que evidentemente tamén existe, xerando perdas pero tamén beneficios a certos actores, o que pode achegar información valiosa para comprender o problema.

Con todos estes factores, é que ninguén ten responsabilidades?

Ao contrario, todos os axentes implicados teñen capacidade de acción e polo tanto responsabilidade, tamén nós como poboación ou colectivos sociais. A postura do Goberno galego buscando escusas ante a incapacidade para afrontar situacións como as deste fin de semana debería por si mesa levar á dimisión automática dos responsábeis políticos. As competencias na ordenación do territorio e na xestión da prevención e extinción de incendios son elementos innegábeis, tanto nas causas como nas consecuencias do acontecido. Un exemplo destas responsabilidades está na política de privatización dos medios de extinción que conduce a desigualdades entre os distintos operativos, fai que o persoal que traballa na extinción o faga en situación de precariedade e non teña coñecemento do territorio, non favorece a comunicación nin a colaboración coas persoas afectadas e moito menos a transparencia para a análise e avaliación dos recursos, e mesmo podería conducir a algúns incendios intencionados. Certamente, se o que se quere é libre mercado, as empresas e persoas que inzan os montes de eucaliptos deberían contribuír economicamente ao sostemento dos medios de extinción, pois non pode ser que os beneficios se privaticen e as perdas sexan sempre para as persoas contribuíntes.

Que facer?

Rescatamos agora, porque conservan a súa validez, un conxunto de medidas que no 2013 propuña a Asemblea Galega Contra o Lume, da que facía parte Verdegaia.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES

  • Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.
  • Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.
  • Un Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.
  • Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.
  • Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos
  • Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.
  • Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.
  • Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.
  • Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.
  • Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.

Un comentario en “Por e para que arde Galiza?

  1. Pingback: Queimaram a Galiza (e mais que arderá) | Milésio (xoan.net)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s