O Grupo Ecoloxista ADENCO ten coñecido recentemente o novo Proxecto de senda fluvial no treito de Chan de Gándara en Padróns ate Fozara que foi aprobado polo Pleno de Ponteareas. Neste Proxecto modificado, e tras dous anos de loita do colectivo ecoloxista, existen importantes cambios, sobre todo o feito de que as principais actuacións están comprendidas en camiños xa preexistentes e mesmo por estradas secundarias.
Desde ADENCO considérase positiva esta rectificación do Concello sobre o proxecto inicial no que existían actuacións máis agresivas co río Tea e alértase sobre que, tal e como se ten demostrado nos treitos da senda realizados nas áreas de inundación, calquera actuación desenvolvida nestes espazos supón unha irracionalidade ambiental e un despilfarro de recursos económicos. Desde o Colectivo crese que as recentes multas relacionadas coas sendas no Tea impostas por parte de diferentes administracións públicas están a favorecer o cambio de actitude dos gobernos locais da Comarca.
Nese mesmo senso, ADENCO lembra que existen máis expedientes sancionadores abertos polas obras da mal chamada restauración da senda do Tea e que en varias das multas establecidas nos últimos meses indícaselle ao concello a obriga de restituír as cousas ao seu primitivo estado.
ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental e cultural existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e seguirá esixindo responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea.