O Grupo Ecoloxista ADENCO recibiu estes días a comunicación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre o inicio dun novo expediente sancionador contra o Concello de Ponteareas por verquidos de augas residuais sen depurar ao río Tea. Nesta ocasión o expediente sancionador aberto pola Confederación ven derivado dun verquido directo de augas residuais ao cauce do río Tea desde un pozo de bombeo da rede de saneamento municipal no lugar de A Freixa en Ponteareas, situación que foi denunciada no seu momento por ADENCO e que provocou un grande verquido nesta área de freza dos salmónidos.
Miles de euros en multas por actuación agresivas co río Tea
Nos últimos anos son múltiples as sancións económicas ao concello de Ponteareas por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e outras entidades derivadas de actuacións agresivas no espazo protexido inserido na Rede Natura 2000, río Tea. Así, á destrución dun parapeto defensivo do Castro da Croa, e a varias multas impostas polas afeccións ao medio derivadas das sendas á beira do Tea, estanse sumando agora posibles novas sancións económicas derivadas de verquidos no Tea, desde a depuradora municipal e desde este pozo de bombeo da rede de saneamento.
ADENCO considera necesario a solución dos problemas ambientais do río Tea
Desde o colectivo ecoloxista seguiremos de cerca este novo tema e, máis alá de sancións económicas, que pagamos todas, seguiremos insistindo na procura de solucións reais e rápidas a todos os problemas cos que conta o río Tea. O espazo protexido, que conta cunha grande riqueza en fauna e flora non pode continuar padecendo as agresións derivadas das actuacións das propias administracións públicas. Nese senso, desde ADENCO continuaremos denunciando calquera actuación agresiva co río Tea e esixindo solucións aos graves problemas existentes no espazo protexido.