Despois da denuncia presentada ante a Valedora do Pobo e as solicitudes realizadas en reiteradas ocasións ante o Concello de Ponteareas e a Consellería de Medio Ambiente, a Xunta vén de comunicarnos, a través da da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que logo das últimas análises, aínda hai terras con lindano en Xinzo, Ponteareas.
Na resposta á solicitude de información que realizou o Grupo Ecoloxista, a Xunta relata nun informe cronolóxico os feitos que deron lugar a que nunha canteira de Xinzo se despositasen terras contaminadas con lindano.
Como sempre dixemos, Adenco considera necesario aclarar a magnitude dos verquidos e as informacións existentes nos medios sobre outros posibles aterramentos con lindano noutras parroquias do Concello, concretamente nunha canteira de Cillarga, en Ribadetea.. Tamén, se considera preciso, perante as posibles responsabilidades que puidesen existir, coñecer se existiu algún permiso ou control nos aterramentos con lindano e cales foron as persoas e entidades implicadas nos mesmos.
Na documentación remtida pola Xunta, ademais de constatar a existencia de restos de lindano nas terras analizadas, na analítica realizada o 21 de xaneiro, “requírese á empresa onde se depositaron as terras para que presente unha proposta de investigación analítica na explotación mineira para caracterizar o solo remanente previa retirada de todos os residuos de lindano que aínda permanezan depositados”.
Desde Adenco seguiremos informando, esixindo que as administracións informen e que o problema se solucione, buscando a descontaminación efectiva das terras e evitar contaminación nas augas, derivadas de arrastres ocasionados polas choivas.