A Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira e Verdegaia convocan unha concentración contra a declaración das praias da Calzoa e da Foz como praias caninas polos seus valores naturais

A Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira e Verdegaia convocan unha concentración contra a declaración das praias da Foz e da Calzoa como praias caninas, o vindeiro domingo 17 de xuño ás 12 h. no aparcadoiro da praia da Calzoa, baixo os lemas “Canina si mais non aquí” e “As aves da Calzoa tamén teñen dereitos”.

Os colectivos convocantes contan co apoio doutras asociacións como ADEGA, Amigos da Terra, a Asociación de Veciños de Coruxo, a Asociación Treze Catorze, o Colectivo de Defensa Ambiental A Terra Non Se Vende, o Grupo de Anelamento Anduriña, o Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, a Rede de colectivos A Ría Non Se Vende, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Ornitoloxía e coas máis de mil sinaturas recollidas nos últimos meses en contra desta medida municipal.

Vólvese así solicitar ó Concello de Vigo que estas praias non se convertan nas praias caninas que proxecta esta administración, debido a que estes areais contan con valores naturais incompatibles con este tipo de uso, a diferenza doutras praias próximas e pouco frecuentadas por bañistas e usuarios que serían perfectas candidatas como praias caninas.

Con respecto ós valores naturais destes dous areais, cómpre dicir que están localizados a carón do treito final do río Lagares e da Xunqueira do Lagares, feito que lles achega unha grande importancia ambiental, sobre todo no tocante á presenza de aves acuáticas alimentándose e descansando debido á súa proximidade á citada marisma, que posúe unha importante comunidade de aves. En praias próximas a estes dous areais a biodiversidade é moito menor.

Ademais, na praia da Calzoa aparece o Hábitat Natural de Interese Comunitaria “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria” (dunas brancas) catalogado co código 2120 na Directiva 92/43/CEE. Segundo esta directiva europea, un hábitat de interese comunitaria atópase ameazado de desaparición na súa área de distribución natural e require da designación de zonas de especial conservación.

No tocante ós invertebrados salienta o mangón (Arenicola marina) que é un anélido poliqueto que conta cunha das súas poucas poboacións viguesas na praia da Foz.

En canto ós vertebrados cómpre subliñar a lontra (Lutra lutra) que se observa na praia da Calzoa con frecuencia no seu camiño do mar á xunqueira do Lagares. E tamén a presenza de aves acuáticas. Dende xaneiro de 2005 e ata a actualidade, a Asociación Fontaíña realiza censos de aves acuáticas invernantes, en paso prenupcial e posnupcial respectivamente na praia da Calzoa, e nestas xornadas de estudo ornitolóxico lévanse observado preto de corenta especies de aves acuáticas diferentes.

Cómpre lembrar que neste areal aparecen aves catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres como a garzota (Egretta garzetta) ou a gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus); as especies engadidas neste anexo deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat.

Ademais, na praia da Calzoa aliméntanse aves limícolas en migración e exemplares invernantes que repousan ou pasan a noite no interior da Xunqueira do Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello. Non ten sentido a protección da Xunqueira sen esta zona de alimentación. Moitas destas aves precisan esta zona para alimentarse e poder continuar o seu camiño migratorio dende as zonas de cría (no ártico) ata as de invernada (en ocasións tan ao sur como Sudáfrica).

No tocante ás gaivotas, cómpre salientar a observación de aves aneladas con ata 27 citas de aves aneladas con Pvc en distintos países como Noruega, Dinamarca, República Checa, Alemania, Holanda, Francia, Bélxica ou Inglaterra, como a gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus), especie catalogada no Anexo I da Directiva 2009/147/CE e da que se observaron 10 exemplares anelados diferentes; a gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus), da que se observaron 6 exemplares anelados diferentes; a gaivota patiamarela (Larus michahellis), da que se observaron 5 exemplares diferentes anelados, todos eles no Parque Nacional das Illas Atlánticas; a gaivota escura (Larus fuscus), da que se observaron tamén 5 exemplares anelados diferentes; ou a gaivota cáspica (Larus cachinans), moi escasa en Galicia e da que observou un exemplar anelado nestes areais.

Con frecuencia obsérvase como algúns donos de cans encirran neles para que corran cara ás aves, pensando que, como non as van atrapar, non lles ocasionan ningún dano. As molestias que lles poden producir estas mascotas durante ese tempo que as aves precisan para alimentarse, marcan a liña entre a vida ou a morte para elas. As aves dependen en grande medida da baixamar para alimentarse, polo que o tempo do que dispoñen diariamente para comer e sobrevivir é escaso.

Por estes motivos o Concello de Vigo debería buscar outro emprazamento máis axeitado para a localización dunha praia canina que é incompatible coa conservación dos valores naturais que albergan as praias da Foz e da Calzoa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s