Alegacións ao PRUX do Parque Natural de Corrubedo

Verdegaia vén de presentar alegacións ao PRUX de Corrubedo, un documento ambiguo que non garante a protección do Parque, non establece medidas concretas para os obxectivos que di perseguir, e nin tan sequera se propón establecer cal é a carga máxima de visitantes dun Parque que sofre unha presión cada vez maior.

A finais do pasado mes de setembro a Dirección Xeral de Patrimonio Natural someteu a información Pública o proxecto de Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Non foi sen tempo, xa que levabamos agardando por este documento máis de 26 anos.

O PRUX en tramitación é un documento de 167 páxinas que teoricamente debería informar o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque co fin de preservar os seus valores naturais. O PORN do Parque Natural de Corrubedo é un documento moito máis conciso, de pouco máis de dúas páxinas, pero que senta as bases para determinar os futuros usos que se lle poden dar ao Parque nas distintas zonas do mesmo segundo as necesidades de protección e de como se debe xestionar. Estas decisións deberían concretarse en planos quinquenais mediante os correspondentes PRUX. Ata o de agora, nada diso aconteceu debido ao desleixo da Administración.

O PRUX agora publicado non planifica nin precisa adecuadamente os usos que se lle poden dar ás diferentes zonas do Parque. O PORN establecía catro zonas con distintos grados de protección: área litoral, duna móbil, lagoas e marismas e zona perimetral. O PRUX pretende agora emendar o PORN, designando ilegalmente tres zonas de protección: de uso limitado, compatible e xeral.

Na zona de uso xeral permítense moitas actividades de dubidosa inclusión nun espazo protexido, incluso actividades mineiras. O establecemento desta zona de uso xeral vai en contra do Plan Director da Rede Natura 2000, que establece só como área de conservación de uso moderado a zona perimetral, designando o resto do Parque como área de protección de uso restrinxido. Verdegaia pediu nas súas alegacións a eliminación das instalacións dunha canteira que se atopan dentro da superficie do parque e que son incompatibles co mesmo.

Os Parques naturais desígnanse co obxectivo principal de protexer determinados espazos, respectando as actividades tradicionais que se desenvolveron na contorna e que posibilitaron a conservación dese valores naturais. Non son, como parece pensar a Administración, parques temáticos para atraer o turismo. Por iso é moi grave que o PRUX diminúa a protección da praia, que alberga hábitats de gran importancia (especialmente para as aves), designándoa tamén ilegalmente, como zona de uso compatible. O PRUX debería establecer medidas para limitar o número de persoas que acceden á praia estipulando unha a carga máxima de visitantes de acordo a criterios científicos, e tendo en conta que o número de persoas que acceden á praia aumenta cada ano.

Na declaración do Parque creouse unha xunta reitora integrada por representantes dos intereses sociais, económicos, propietarias… para colaborar coa Administración na súa xestión e administración. Posteriormente, esta xunta reitora transformouse en xunta consultiva. Ata o de agora a xunta reitora ou consultiva non cumpriu a súa función; pero o PRUX tampouco establece medidas medidas para que a súa xestión se faga coa participación das persoas e intereses afectados e dá as costas aos pequenos propietarios de vivendas e parcelas que perciben o Parque como un instrumento que mingua os seus dereitos e intereses e non como a grande oportunidade que debería ser.

O Parque Natural de Corrubedo é o máis pequeno de Galiza e está situado en unha zona moi antropizada pero de gran valor polo grande número de hábitats e especies naturais de gran valor para ada biodiversidade. Porén, sobre o mesmo hai unha gran presión urbanística e turística, o que pon en risco a evolución saudable de ditos hábitats.

O Parque fai parte ademais doutros espazos da Rede Natura 2000, pero está desconectado (na zona do Cabo de Corrubedo) dos espazos costeiros de Rede Natura que se atopan máis ao norte. O PRUX recoñece a importancia de crear corredores ecolóxicos cara a estes espazos, pero desafortunadamente non se establecen medidas concretas. En Verdegaia creemos que é necesaria a ampliación do Parque cara a estas zonas máis antropizadas para establecer medidas de protección nas mesmas. De igual modo, outros corredores ecolóxicos naturais que xa funcionan nos cursos de auga que chegan ao Parque e na súa vexetación de Ribeira, deberían estar igualmente protexidos.

O Parque está delimitado en máis do 70% da súa contorna por estradas, o que propicia tamén o seu illamento. Sería necesario crear corredores naturais ao longo destas estradas para facilitar os fluxos biolóxicos entre o Parque e a súa contorna. Ademais cremos necesario que se establezan medidas para moderar a intensidade e velocidade do tráfico de vehículos en ditas estradas.

A D.X. de Patrimonio Natural publicou un documento moi extenso pero absolutamente indefinido, xa que non concreta os usos do parque nin establece as medidas de xestión adecuadas para acadar os seus obxectivos. Continuamente se usa a fórmula “O organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural poderá regular...” para deixar todo na máis absoluta indeterminación e dar a potestade a dito organismo autonómico competente para facer calquera cousa que pretenda.

Por estes motivos Verdegaia solicitou unha nova redacción do PRUX adecuándoo ás necesidades de protección do Parque.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s