ENCE, Fronte á chantaxe, responsabilidade!

Tal como recollen os medios de comunicación, o Sr. Colmenares, “Consejero delegado de ENCE”, á saída da Junta de accionistas, explicou cal vai ser o futuro da fábrica que ENCE ten en Lourizán. E nun discurso absolutamente cargado de mensaxes cos que pretende chantaxear á cidadanía da comarca e aos partidos políticos, afirmou que ou ENCE queda na Ría, ou marcha fóra de España. E pretende xustificar esta decisión na “falta de seguridade xurídica” no noso país! Poida que estea a pensar en retomar os seus plans expansionistas no Uruguay ou no Brasil de Bolsonaro, aínda que hai quen afirma que están a pensar no reino alauita de Marrocos.

E resulta intolerábel que desde a cúpula de ENCE, que cando mercou a fábrica de Pontevedra sabía que -de acordo coa lei- non poderían estar en Lourizán máis alá do 2018, falen agora de falta de seguridade xurídica. Acostumados a facer canto lles veu en gaña, a incumprir as leis medio ambientais e a conseguir os favores dos gobernos (abonda con lembrar a forma en que se lle aplicou a “supramunicipalidade”, a eliminación do RAMINP, a concesión irregular da AAI, a non aplicación dalgunhas leis e a modificación de moitas outras en beneficio dos seus intereses), son quen de falar de “falta de seguridade xurídica” cando a avogacía do Estado, coa lei na man e logo dun estudo rigoroso e exhaustivo da xurisdición de aplicación, ditamina que a concesión dunha prórroga de 60 anos polo goberno en funcións de Mariano Rajoy foi ilegal.

Porque, contrariamente ao que afirma o Sr. Colmenares, ENCE non ten a razón xurídica nin a razón social. Moi ao contrario; desde o punto de vista xurídico, a razón asístenos aos que vimos defendendo que a lei limita a 75 anos o tempo de permanencia dunha empresa en dominio público, e desde o punto de vista social á inmensa maioría da poboación que entendemos que Lourizán non é o emprazamento axeitado para unha empresa como ENCE. Porque, por máis que se empeñen en negar a evidencia, no caso de ENCE non está xustificado este emprazamento; e a norma, avalada polo Tribunal Constitucional, é moi clara a este respecto: “as prórrogas ás concesións vixentes, só poderán concederse cando se trate de instalacións ou actividades que pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación”, un suposto que non se da no caso de ENCE.

E esquece interesadamente o Sr. Colmenares a existencia da chamada Responsabilidade Social Empresarial, unha corrente doutrinal asumida universalmente no mundo da empresa, que aposta polo compromiso coas sociedades onde están emprazadas, e que implica a sintonía coas demandas formuladas desde a cidadanía da contorna. No caso de ENCE, debería supor a asunción da débeda histórica coa inmensa maioría da cidadanía que aspira a ver a Ría libre de empresas contaminantes. Pero esquece tamén que, cando abandone Lourizán, terá que cumprir a esixencia de deixar a zona que hoxe ocupa tal como estaba cando chegou á Ría no 1958.

Porque “compromiso coa sociedade” non é a compra de vontades que ENCE practica, nin as continuas alusións a non investir en Pontevedra e á catástrofe que suporía para as familias pontevedresas tal decisión. Iso chámase chantaxe! porque saben moi ben que, tal como recoñece o profesor Enrique Valero, unha persoa nada sospeitosa de manter posicións anti ENCE, “se ENCE abandona Pontevedra, esas familias non se ían ir ao paro, buscarían outra saída á súa materia prima e hai un montón de empresas esperando por ela”. Porque hoxe, o único que está en cuestión é o emprazamento de ENCE en Lourizán; e fronte a esta situación, a empresa ten a responsabilidade de buscar alternativas aos seus traballadores, e os traballadores a obriga de esixirllas. Porén, tal como o deixa ver o Sr. Colmenares, pouco lle importan a ENCE os seus traballadores nin o futuro do monte galego cando recoñece que, de construír outra fábrica, a súa localización respondería a criterios puramente económicos, buscando man de obra e madeira máis baratas. Só os utiliza para defender os seus privilexios! E os traballadores, lonxe de defender os seus intereses fronte a esta actitude da empresa, déixanse utilizar por ela e dirixen os seus esforzos a atacar a uns inimigos que -como o Concello ou a Deputación- só esixen o cumprimento da lei e nada teñen que ver coa máis que posíbel perda dos seus postos de traballo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s