9-F Deseucaliptizamos Darbo (Cangas)

A Comunidade de Montes Veciñais de Darbo (Cangas), en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, convocan a primeira brigada deseucaliptizadora no Morrazo o domingo 9 de febreiro .

Que faremos? Imos arrincar brotes de eucaliptos nos montes de San Roque, tras a corta feita no ano 2018; algúns pódense arrincar a man directamente e para a maior parte precisaremos machadas.

Lugar de encontro: Capela de San Roque (onde hai unha pequena chaira para deixar o coche). Esta é a localización.

Horario: 9:30 h: exposición do plan de traballo e reparto de tarefas. 13:30 h: fin da xornada.

Para participar precisades estar dadas de alta como brigadistas e anotarvos ata o día 5 de febreiro enviando un email á Comunidade de Montes de Darbo no correo: cmontesdarbo@gmail.com ou no teléfono 661977634.

As accións das Brigadas deseucaliptizadoras, con un non menos importante sentido de confraternidade e comunidade, articúlanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal de agradecemento ás voluntarias). A Comunidade de Montes de Darbo ofrecerá ó rematar a xornada un pequeno albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morrazo, que inclúe opción vexetariana para as persoas que se anoten nesa opción. Haberá garrafas grandes de auga, pero para aforrar envases invitamos a que cada persoa traia da casa a súa garrafa, que poderá reencher coas nosas.

Outras recomendacións: Traede roupa e calzado cómodo para traballar no monte, luvas, pantalón longo e roupa de auga se fose preciso. Aínda que imos ter algunhas machadas e luvas, agradeceremos que no posible traiades as vosas da casa.

Queremos convidar a todas as veciñas e veciños do Morrazo que se queiran achegar, mais tamén a brigadistas doutros lugares a traballar connosco e liberar o noso monte dunha especie foránea adaptada a climas alleos extremadamente secos que, a día de hoxe, avanza sen control e supón a principal ruína do monte e dos bosques de Galiza e Portugal.

Logo das últimas grandes vagas de incendios, co terror de tantos poboadores do rural que cada ano vemos como o lume avanza e xa asedia as propias vivendas, creceu a conciencia do problema entre moitas persoas veciñas.

Estamos convencidas de que, no marco das Brigadas deseucaliptizadoras e a firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espacio como parte dunha natureza que, en definitiva, é a casa de todas e todos.

Sabemos que non hai solucións dende arriba e que calquera con vontade e ganas podemos participar e ser actores e actrices do noso futuro. Cada día somos máis brigadistas. Cada día hai máis iniciativas locais afíns crecendo e organizándose por todo o territorio galego. Queremos seguir avanzando, con máis forza aínda que acacias, eucaliptos e lume, e formar parte do principio do fin das invasoras na nosa fermosa vila, na nosa comarca, no noso país… Vivimos nunha terra privilexiada pola auga e o clima e non temos dereito a roubarlle ás xeracións futuras a casa, a saúde, a vida…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: