As actuais circunstancias excepcionais obrígannos a adoptar novos procedementos como o uso de luvas para manipular froitas e verduras nos comercios de alimentación que só teñan autoservizo nestas seccións.
Tal como puidemos verificar, en moitos casos a clientela non xestiona as luvas utilizadas de modo adecuado, xa sexa por despiste ou por descoñecemento de que están empregando un obxecto que é moi contaminante se liberado na vía pública.
As luvas de plástico empregadas en supermercados, froiterías e gasolineiras están elaboradas con LDPE (Polietileno de baixa densidade) e dada a lixeireza que as caracteriza probablemente rematarán penduradas nas árbores ou no leito dos ríos que antes ou despois as transportarán ata o Océano colaborando dese modo a un dos principais problemas ambientais da actualidade como é a acumulación de plásticos nos océanos.
Por isto facemos unha petición a todas as persoas para que se afagan pouco a pouco a incorporar na rutina diaria a xestión de todos os materiais que se utilizan, dende o máis inocuo ata o máis contaminante. Se nos facemos responsábeis dos obxectos que utilizamos dende o momento da adquisición ata o momento que o desbotamos, estaremos colaborando a ter rúas máis limpas, unha sociedade máis comunitaria e un medio ambiente menos contaminado.
Queremos lembrar tamén que o uso de luvas non está indicado máis que para situacións puntuais como o autoservizo de froitas, verduras ou gasolina, e o contacto con persoas enfermas de Covid-19. Utilizar luvas noutras situacións cotiás é mesmo contraproducente, pois, como nos lembran as autoridades sanitarias, o uso incorrecto de luvas pode xerar unha sensación de falsa protección e aumentar o risco de infección. As luvas tamén se contaminan, e podes infectarte se tocas a cara cunhas luvas contaminadas, algo que é probable facer de xeito inconsciente. Lémbrannos que, en xeral, a limpeza axeitada e frecuente de mans é máis eficaz que o uso de luvas. Que teñen, engadimos nós, o problema adicional de seren moi contaminantes.
Nestes momentos tan angustiosos pensemos tamén nos peixes que confundirán bolas de poliespan con alimento, nas aves que comerán plástico pensando que son peixes, nos ríos e praias que acumulan lixo simplemente porque individualmente non nos facemos responsábeis dos residuos que xeramos, ou nas micropartículas de plástico que acaban pasando á cadea trófica e afectando a nosa saúde.
Usemos as luvas só cando sexa estritamente necesario, e asegurémonos de que as deixamos no contedor axeitado unha vez que xa non as precisamos.
Esforcémonos entre todas por conseguir un mundo con menos plástico!