A APDR resposta ás declaracións de ENCE sobre o uso de aceites

empresa ENCE vén de dar resposta á nosa denuncia pública na que -con datos facilitados por fontes de absoluta fiabilidade na man- afirmamos con rotundidade que desde hai cando menos 5 anos a fábrica de Pontevedra está a queimar aceites usados “pretratados”. Sostén ENCE na súa nota de prensa que cumpre “escrupulosamente toda a regulación vixente e mesmo a Autorización Ambiental Integrada (AAI), sen aportar ningún dato no que sustentar tales afirmacións. Sóalles de algo esta formulación? Con seguridade, moita xente lembrará que se trata da mesma cantilena utilizada até a saciedade para tratar de convencer á xente da legalidade dos seus vertidos á Ría e das emisións á atmosfera antes de seren condenados por delito ecolóxico! Tamén daquela dicían que na APDR acusabamos sen razón e sen probas!

Created with GIMP

Pois ben, desde a APDR reafirmámonos na nosa denuncia e pedímoslle a ENCE, de seren certo o que di, e facendo uso desa transparencia da que tanto se gaban ás veces, fagan públicos os seguintes datos ao respecto da compra e utilización de aceites na fábrica de Lourizán:

1.- Que cantidade de aceites ten mercado anualmente ao longo destes últimos 5 anos.

2.- Quen son as empresas fornecedoras destes aceites.

3.- Os albarás ou facturas de entrega da mercancía.

4.- Que tratamentos se lle teñen aplicado aos aceites usados subministrados.

5.- Os resultados das analíticas realizadas a todos e cada un destes aceites, nos que consten as concentracións (en ppm) de, polo menos, policlorobifenilos (PCBs), metais pesados (mercurio, cadmio, chumbo, cobre, níquel, manganeso…), outros metais (selenio, arsénico, vanadio, cobalto, cromo,…), cloro total e xofre total.

Pola nosa banda, estamos en condicións de afirmar que ENCE merca anualmente arredor dunhas 18.000 t de aceites usados, procedentes de -entre outras- as empresas “CODISOIL”, “AMBIENTE Y RESIDUOS”, “INGAROIL”, “RECASA” e “GREENFLOW”; que, na meirande parte dos casos, as empresas limítanse á obtención de aceites “pretratados” (que non perden a súa condición de residuos), e que, de acordo coas análises que temos no noso poder (un número importante das partidas subministradas a ENCE), ningún destes aceites cumpren os requisitos esixidos pola Orde AMP/205/2018, que fixa os límites permitidos para os compostos recollidos no punto 5 da relación que presentamos, límites esixidos para o seu uso como combustíbeis.

Debemos lembrar que na AAI non se fixan valores de emisión para ningún dos compostos que se relacionan no punto 5 e que se emiten á atmosfera na combustión de aceites usados, polo que, o suposto cumprimento do recollido nesa autorización non implica o cumprimento da lexislación no caso que nos ocupa; que, ademais, a AAI non permite a ENCE -en ningún caso- a combustión de aceites usados. Así mesmo, debemos lembrar tamén, que ter recibido os selos que cita na súa nota ENCE -máis alá da utilización propagandística que poida facer deles- para nada acredita o cumprimento da lexislación, e moito menos na materia que nos ocupa.

Xa por último, resulta pueril a utilización en beneficio propio dun asunto que para nada ten que ver co seu cumprimento ou non da lexislación e que mesmo ten pouco que ver coa calidade das augas da Ría! Con efecto, e agás para o que fai á contaminación por coliformes, que as praias da nosa Ría teñan recibido bandeiras azuis non ten nada que ver coa calidade das súas augas; en todo caso, e de seren iso certo, terían que deixar de repetir esa outra cantilena de que “a Ría está contaminada polos vertidos da EDAR de Os Praceres”, non? Ou é que a concesión das bandeiras azuis na nosa Ría realízase en función da fonte de contaminación e pecha os ollos á procedente da amentada EDAR?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s