A APDR advirte dos graves prexuízos do novo plan forestal galego

A análise pormenorizada do anovado Plan Forestal Galego, recentemente presentado diante do Consello Forestal de Galicia, permite cualificalo de decepcionante; trátase dun documento pouco fundamentado, que camiña en sentido contrario ás direccións establecidas no marco europeo e estatal no que fai á sostibilidade e que propón unhas liñas de actuación claramente prexudiciais para o sector forestal galego.

En primeiro lugar, non se sustenta nun inventario forestal actualizado e fiábel, o que impide que se poidan fixar uns obxectivos realistas, pero, ademais, non asume a necesidade de facer unha valoración dos custos e beneficios que o hipotético desenvolvemento deste plan pode xerar nin explica -no caso dun balanzo positivo- quen van ser os beneficiados. Repercutiría no conxunto da sociedade, como cabe agardar dun plan deseñado pola administración pública, ou os seus beneficios irían parar a unhas poucas empresas privadas?

Afírmase que se busca o equilibrio entre o CO2 emitido e o asimilado sen ter estimado os fluxos de carbono actuais e sen facer previsións para a situación futura co suposto cumprimento do plan. Sen coñecer a magnitude das reservas de carbono orgánico nos nosos montes, o ritmo cuantificado da cantidade de carbono fixado e as emisións de CO2 por combustións, utilización de combustible fósiles, degradación de solos e destrución de ecosistemas, non se pode asegurar esa pretendida neutralidade de carbono. Ao noso entender, a actual degradación do monte galego, está a destruír enormes cantidades de carbono orgánico dos solos (pola erosión) e a provocar emisións netas de CO2, unha situación que se verá potenciada coa promoción de especies pirófitas como o piñeiro e o eucalipto que pretende o anovado Plan Forestal.

Estamos diante dun PFG absolutamente conservador, que presenta como ideas máis “atrevidas” a elaboración de fibras téxtiles sintéticas a partir de celulosa, e a produción de enerxía a partir de biomasa, dous proxectos que entendemos negativos para o noso país.

Polo que fai á fabricación de viscosa, cun investimento de 950 millóns de euros, vai supoñer a instalación dunha nova celulosa ou o aumento desmedido da produción na de Pontevedra, dúas opcións que consideramos inaceptábeis; preténdese asimilar a expansión, en boa medida por medio de plantacións ilegais, do eucalipto en zonas onde non se plantaba utilizando o Eucaliptus nitens, unha nova especie catalogada como perigosa no informe técnico elaborado polo Comité Científico do Ministerio do Medio Ambiente, que recomenda “non permitir a plantación desta especie no noso territorio e controlar e erradicar as naturalizacións observadas”.

Doutra banda, a produción de electricidade a partir da biomasa residual (os restos de tala e podas), ten un rendemento en xeral baixo e dificilmente pode atender as necesidades das posíbeis plantas, o que obrigará a recorrer ás árbores cultivadas para este fin, uns cultivos en ciclos curtos, cun laboreo frecuente e intenso, que provocan danos ambientais irreversíbeis.

E aínda que establece algúns obxectivos ambientais e sociais razoábeis, o novo PFG non concreta actuacións cribles cara a consecución destes obxectivos nin aporta instrumentos que permitan frear o deterioro dos nosos sistemas forestais. A pesar de recoñecer este deterioro e a perda da fertilidade de moitos solos, non establece o freo a esta tendencia; o incremento da superficie de piñeiro e a falta de planificación da suposta redución nun 5% da superficie dedicada a plantacións de eucalipto, xunto coa proliferación de plantacións non autorizadas, dificilmente permitirá evitar o deterioro xa amentado.

Así pois, este anovado PFG, lonxe de favorecer a loita contra o cambio climático e a resiliencia fronte a el, abondará nos problemas xa coñecidos, aumentando a combustibilidade ao favorecer cultivos intensivos de madeiras con escaso valor económico e social.

Un comentario en “A APDR advirte dos graves prexuízos do novo plan forestal galego

  1. Pingback: INVITACIÓN A DEBATIR SOBRE A REVISIÓN DO PLAN FORESTAL DE GALICIA – O Sequeiro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s