As herbas atopadas ao carón do río Tomeza, coinciden coa “Orella de rato” que levamos buscando dende hai catro anos.
Esta herba descrita e debuxada polo Padre Sarmiento un 31 de Marzo de 1755, día que coincidía co luns de pascua, na rota de Cabanas a San Cibrán nas proximidades do río Tomeza.
Naquel entón a planta aínda non tiña nome botánico e a nomea como “anónima”. En 1797 o Botánico Person a nomea como Myosotis discolor Pers.
No río Gafos nunca a atopamos, no herbario de Lourizán a cita recollida mais próxima é na Pedra do Lagarto.
En 2015 publicamos, dirixida por Javier Silva-Pando, a “Flora do río dos Gafos” e so atopamos a Myosotis segunda Murray que tamén ten de nome popular “Orella de rato”.
Dende o ano 2018 polo luns de Pascua un grupo de persoas namoradas do noso “Ilustrado” pontevedrés do século XVIII, o Padre Sarmiento emprendemos a busca visitando os lugares onde Sarmiento a atopou.
Este ano emprendemos a busca co apoio do programa de Noites Abertas da oficina de xuventude do Concello de Pontevedra, voluntarios de Vaipolorío, cantos máis a buscar mellor, asesorados por Calros Solla, Ramón Laxe, Xosé Feijoó e botánicamente por Amancio Castro.
Xa nunha zona propicia onde o río chámase Tomeza, un dos voluntarios de Vaipolorío, Adrián Macho Dapena deu a voz de alarma sobre unha planta que reunía algunhas das características que explicamos antes de pornos en marcha.
Podería ser a planta, a lupa así o reafirmaba.
Na zona localizamos varias ducias da planta que ademais de facerlles fotos macros, dadas as diminutas flores, recolléronse tres plantas para levarlle a Javier Silva, que ao estar de viaxe non puído acompañarnos este ano.
Xa na casa consultando a Flora Ibérica coincidía co que buscabamos.
Aos cinco días do achado levámoslle as mostras a Francisco Javier Silva Pando Conservador do herbario do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán. e logo dun exame microscópico dou afirmativo e incluíuse no herbario de Lourizán co número de rexistro LOU 075640, figurando a localización e os nomes dos responsables da cita: Adrián Macho, Xosé Feijoó e Amancio Castro.
A Myosotis discolor Pers Subsp. discolor (“Orella de rato”) xa está oficialmente no río Toxal 266 anos despois de que o Padre Sarmiento a atopara e a describira nese lugar.
