Do 29 de maio ao 6 de xuño terá lugar a 1º Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI 2021), iniciativa organizada pola Red Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras – Rede InvECO, e os proxectos LIFE STOP Cortaderia e LIFE INVASAQUA, co obxectivo de poñer o foco nunhas das principais causas de perda de biodiversidade (e tamén con fortes impactos na saúde e nos sectores socioeconómicos) a nivel mundial: as especies exóticas invasoras. Esta proposta, que xa tivo a súa 1ª edición a nivel nacional en Portugal no mes de outubro do 2020, conta xa con máis de 80 entidades asociadas de España y Portugal, entre as que se atopan centros de investigación, ONGs, universidades, e demais institucións públicas e privadas.
Con máis de 130 actividades programadas entre os formatos online presencial, a SIEI 2021 se posiciona como un evento masivo de participación a nivel ibérico, acollendo conferencias, roteiros, e moitas outras tipoloxías de acción. Todas elas poden consultarse a través da web oficial da SIEI 2021, para quen desexe afondar nesta proposta.
Hábitat fará a súa aportación nesta ambiciosa iniciativa desenvolvendo unha conferencia online, na que poñeremos novamente en valor os tres anos de esforzos investidos (2018-2020) no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules coa retirada do Carpobrotus sp. (uña de gato ou herba do coitelo), planta exótica invasora que compromete e restrinxe a diversidade biolóxica presente nesta contorna. Faremos un repaso á orixe deste proxecto, establecido no marco do programa “Custodia do Territorio e Voluntariado” acordado entre a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña e o G.N.Hábitat, aos seus obxectivos, a metoloxía aplicada, as actividades desenvolvidas, os resultados obtidos, as tarefas pendentes para a recuperación deste espazo, e as liñas de traballo colaborativo que se foron abrindo coa área de botánica da Universidade da Coruña, todo grazas ás tarefas levadas a cabo da man do voluntariado ambiental.
A emisión desta conferencia será o xoves 3 de xuño do 2021, ás 19h. Se queres participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia, un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.
Podes seguirnos na nosa canle de Youtube: