
Se es un apaixonado da flora e fauna e queres sacarlle un bo rendemento a túa cámara compacta, este domingo tes unha estupenda ocasión para iniciarte nunha actividade que combinará dous fermosos eidos: a fotografía e a natureza. Guiados por Xabier Prieto Espiñeira, avezado naturalista ferrolán e autor do blogue “Bichos e demais familia“, coñeceremos os aspectos técnicos máis elementais na fotografía de natureza, e faremos unha saída a campo para poñer en práctica o aprendido.
O obradoiro terá lugar o domingo 18 de xullo, de 10:30 a 13:30h. Comezaremos cunha breve exposición teórica no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-), para continuar cunha saída práctica guiada pola contorna natural da Torre de Hércules, acompañados das nosas cámaras fotográficas.
A actividade é de balde e aberta ao público. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario online: Formulario de inscrición
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
As actividades e os participantes nas mesmas respectarán as medidas que fosen establecidas pola autoridade competente, no marco da situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!
Agardámoste!