No Anuncio do 3 de xuño de 2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, fixo pública a DAE correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara a neutralidade carbónica. Nesta declaración faise un severo reproche á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, da Consellería do Medio Rural, por ter esquecido na súa redacción aspectos ambientais fundamentais.
Este plan revisado ven a substituír o aprobado no ano 1992, que constituía un instrumento orientado fundamentalmente a favorecer os intereses dos sectores produtivistas, máis concretamente os dedicados á produción de madeira. Un plan que nunca chegou a cumprirse mentres que o monte galego evolucionaba dun modo desordenado e respondendo ás demandas dun mercado e dunha industria que teñen amosado escasa responsabilidade co noso medio natural e nunca teñen contemplado a necesidade de atender aspectos ambientais fundamentais mantendo os servicios ecosistémicos e a propia capacidade produtiva do monte. Así, durante os anos que transcorreron dende a súa aprobación, a degradación que se produciu nos montes galegos adquiriu grandes dimensións, con centos de miles de hectáreas de montes queimados en incendios forestais, millóns de toneladas de solo fértil eliminadas por erosión coa conseguinte liberación de CO2, perda continua de superficie agrícola tradicional, de diversidade biolóxica, diminución da resiliencia na conservación dos recursos hídricos, desaparición de masas arbóreas autóctonas, ocupación do territorio con especies exóticas invasoras, perda de capacidade produtiva e grandes danos económicos cun aumento progresivo no gasto en extinción de incendios; unha factura que vén pagando a sociedade galega.
Os aspectos ambientais que agora destaca a propia Administración competente na materia, foron sinalados dende a Federación Ecoloxista Galega e os grupos de defensa ambiental e de defensa do monte, e foron desatendidos polos redactores da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia. Agora, a DAE insiste nunha cuestión fundamental, a necesidade de conservación da biodiversidade e dos ecosistemas protexidos, algo esquecido no Plan Forestal e que, de acordo coa lexislación de procedemento administrativo debe incluírse no mesmo.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental fai referencia tamén a aspectos tan importantes como a necesidade dunha maior redución da superficie ocupada polo eucalipto, ou conservación dos solos para poder manter os servizos ecosistémicos forestais a longo prazo, ou a conservación das masas arbóreas para conservar e incrementar o papel de sumidoiro de carbono. A estas cuestións non atendeu o Plan Forestal, porén agora debe integralas na súa redacción.
É longa a lista de aspectos que a 1ª revisión do Plan Forestal esquecía e que agora debe incluír, como unha maior ambición á hora de frear a expansión das especies exóticas invasoras e a previsión de novas invasións, a necesidade do respecto e o coidado da paisaxe en cumprimento das Directrices da paisaxe de Galicia, e outros. Para evitar a erosión dos solos sinálase a necesidade de controlar causas fundamentais como os cultivos forestais intensivos ou o exceso de pistas forestais.
A Declaración Ambiental Estratéxica é a última fase no proceso de tramitación do novo Plan Forestal de Galicia. O problema é que existe unha clara contradición entre os aspectos ambientais que a DAE indica que deben ser incluídos e o fundamento do Plan orientado ao beneficio de grandes empresas e industria contaminante, desprezando a atención ás necesidades ambientais, á conservación da biodiversidade asociada aos ecosistemas forestais e a súa paisaxe.
A Federación Ecoloxista Galega avoga pola necesidade de elaborar con urxencia un plan forestal que respecte a participación social, que se enfronte ao despoboamento rural, que contribúa á redución das emisións de gases de invernadoiro grazas á conservación das masas arbóreas autóctonas, e, sobre todo, que free a degradación e destrución irreversibles que se está a producir nos nosos montes e nos nosos ecosistemas. A evidencia de que non estamos nese escenario é o que vimos de denunciar nesta nota: case un mes despois de ser emitida a DAE, non constan realizadas as modificacións solicitadas para a nova redacción da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia, tal e como esixe a propia Declaración. Agardamos que dunha vez a Administración tome en serio o que son mesmo as súas propias indicacións e normas e poña ao medio natural no plano de prioridades que corresponde.