A FEG considera imprescindible a presenza ecoloxista na Comisión de Calidade do aire de Galiza

Recentemente someteuse a trámite de audiencia o Proxecto de Decreto polo que se crea a Comisión de Calidade do Aire de Galicia, esta comisión instituirase coma órgano colexiado de asesoramento da Xunta de Galicia e ten como primeiro obxectivo traballar na mellora da calidade do aire de Galicia. Teoricamente “pretende ser un espazo transversal para promover a participación activa e responsable da cidadanía na prevención e control da calidade do aire, buscando atopar a complicidade da cidadanía e os axentes sociais que poden contribuír a conseguir unha mellora na calidade do aire e polo tanto na saúde das persoas e na calidade dos ecosistema”

Sen embargo, a Federación Ecoloxista Galega, ten atopado no Proxecto de Decreto importantes eivas que farán, si non se corrixen, que esta Comisión se converta, como xa ten ocorrido con outros órganos consultivos da Xunta de Galicia, nun convidado de pedra diante o que a Administración galega comunica as decisións sen realizar ningún tipo de consulta nin buscar ningunha opinión.

En primeiro lugar, non está garantida a presenza dos movementos de defensa ambiental na Comisión que, si ben reserva un bo número de vogalías para diversos representantes de órganos da administración so deixa dúas para representantes da sociedade civil sen precisar de que sector. Parece esquecer a administración que é o movemento ecoloxista o primeiro defensor da calidade do aire, que é consecuencia das mobilizacións, denuncias, protestas, alegacións e accións diversas que se teña conseguido eliminar importantes focos de contaminación atmosférica, mellorar a calidade do aire en xeral e dotarnos dunha normativa que limita as emisións e fixa obxectivos de calidade. Sen a actividade persistente durante moitos anos do movemento ecoloxista, e sen a vixilancia que segue a manter, non se entende que a mellora da calidade do aire sexa un obxectivo ao que son sensibles todos os gobernos.

A FEG, solicita que na CCAG se garanta a presencia suficiente de representantes do movemento ecoloxista e propón que se nomeen dúas vogalias para membros de grupos de defensa ambiental ao marxe dos “Dous representantes da sociedade civil/organizacións sociais” que poden estar destinados a persoas representantes de movementos sindicais, veciñais ou doutros sectores da sociedade civil. Solicita tamén que, para nomear aos representantes, se realice unha convocatoria a todos os grupos de defensa ambiental do rexistro da Administración a unha reunión centralizada e que se poña a disposición un local axeitado para celebrar a mesma na que se elixirían os dous representantes do movemento ecoloxista que formarán parte do CCAG polos dous anos de duración da súa membresía.

Ademais, a Federación Ecoloxista, fai aportacións ao Proxecto de Decreto no sentido de mellorar a eficiencia e axilidade da Comisión, propoñendo que a convocatoria das reunións podan ser solicitadas por un vogal sempre que sexa de forma xustificada, o que permitiría a convocatoria diante dun episodio concreto detectado ou diante dunha situación que esixa unha resposta da administración, evitando que se teñan que sumar máis do 50% dos vogais á solicitude.

Tamén se fai, por parte da FEG, a solicitude de que se dote á Comisión dun orzamento presupostario axeitado para poder realizar as funcións que lle encomenda o Decreto de creación. No Proxecto exposto a trámite de audiencia indícase que “As actuacións da Comisión de Calidade do Aire non xerarán incremento das consignacións orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”, sen embargo, recoñece que o impacto da contaminación do aire na saúde pública en España representa un 2,8% do PIB e que o 91% da poboación do mundo vive en lugares onde non se respectan as súas Directrices sobre a calidade do aire, o que provoca cada ano 4,2 millóns de defuncións prematuras. Parece razoable que, dada a funcionalidade que se propón para este órgano, mereza dun orzamento que permita e garanta o seu funcionamento.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s