Verdegaia presenta Alegacións ao proxecto do Parque Eólico de Vilacova (Lousame)

Presentamos alegacións á solicitude de autorización administrativa previa, á declaración de utilidade pública, á autorización administrativa de construción, ao estudo de impacto ambiental (EIA) e ao proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Vilacova (Lousame).

Solicitamos que se arquive o procedemento, ou, subsidiariamente, que se proceda a ditar resolución denegando autorización administrativa previa, poñendo fin ao procedemento.

A solictude está baseada nas seguintes alegacións:

  1. O promotor non dispón dos permisos de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución segundo o disposto no art. 53.1.a da Ley 24/2013, de 26 de diciembre, del sector eléctrico polo que se determina a Imposibilidade de continuar co procedemento. A Administración non pode outorgar autorización administrativa de instalación de xeración ao PE Vilacoba de 23 MW por non ter obtido o promotor previamente os permisos de acceso e conexión á rede de transporte.
  2. Imposibilidade de continuar o trámite á vista do réxime de caducidades previsto no RDL 23/2020, de 23 de junio, por el que se aprueban medidas en materia de energía y en otros ámbitos para la reactivación económica. Determina a imposibilidade de tramitar o presente proxecto en ausencia de permiso de acceso, pois esta é condición necesaria e imprescindible para os restantes trámites e fitos administrativos.
  3. Nulidade do procedemento por prescindir total e absolutamente do procedemento de aprobación da autorización administrativa de instalación de xeración.
  4. Incapacidade técnica e económica do promotor. Proxecto especulativo incardinado na tentativa de venda de “activos”. Villar Mir é un empresa que leva tempo vendendo e desinvestindo na súa división enerxética.
  5. Tentativa de enriquecemento mediante accións por lucro cesante. É públicamente coñecida a estratexia das empresas do grupo matriz do promotor de procurar un enriquecemento a través de accións xudiciais contra as Administracións públicas por lucro cesante. Ilustran esta estratexia casos ben coñecidos pola Xunta de Galicia, como foron o dos saltos hidroelétricos do Xallas ou a mina de Serrabal.
  6. Nulidade de pleno dereito por infracción penal. posible delito de prevaricación administrativa e falsidade en documentos públicos dos funcionarios encargados de tramitar permisos sendo coñecedores da inexistencia de permisos de acceso.
  7. Vulneración dos dereitos de participación pública en materia de medio ambiente. O presente procedemento a Administración ven incumplindo de xeito sistemático os dereitos de participación e acceso á información en materia de medio ambiente que sustenta a Ley 27/2006, de 18 de julio, por la que se regulan los derechos de acceso a la información, de participación pública y de acceso a la justicia en materia de medio ambiente (incorpora las Directivas 2003/4/CE y 2003/35/CE), así como a Convención de Aarhus.
  8. Ausencia de aceptación social do proxecto. Aínda que recurrentemente obviado, é perceptivo realizar o trámite de aceptación social do proxecto, que resulta imprescindible de acordo co establecido no Convenio de Aarhus.
  9. Incorrecta identificación dos titulares de terrenos obxecto de expropiación forzosa ou ocupación temporal. O feito de non identificar aos titulares reais dos dereitos dos predios cuxa expropiación ou ocupación pretende, xera indefensión a eses titulares de bens e dereitos reais facendo que o procedemento incorra nas causas de nulidade ou, subsidiariamente, anulabilidade, previstas na LPACA,
  10. Situación de aeroxeradores fóra do ámbito das ADEs do Plan Sectorial Eólico. O PE Vilacoba é un proxecto de desenvolvemento eólico situado, polo menos en parte, fóra das Áreas de desenvolvemento eólico contempladas no Plan sectorial eólico de Galicia, instrumento obsoleto pero vixente.
  11. Ausencia de estudo hidrolóxico e impactos sobre traídas de auga. Entre a documentación presentada non consta un estudo hidrolóxico nin un estudo hidroxeolóxico que garanta a non afección aos acuíferos e á calidade das masas de auga tanto soterradas como superficiais. O proxecto omite a existencia de traídas de augas veciñais a escasos metros dos viais de acceso e das cimentacións dos aeroxeradores, que poderían quedar sen caudal polas alteracións hidromormolóxicas, deixando sen subministro de auga potable a dous núcleos de poboación. Non é posible autorizar un proxecto que non considere tan elementais impactos.
  12. Situación de aeroxeradores na proximidade de vivendas. O informe do Concello de Lousame relativo ao PE Vilacoba indica correctamente que varias poboacións se encontran a menos de 500 metros dos aeroxeradores. Aplicando o criterio de 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxe mais pala), os aeroxeradores propostos encontraríanse a distancia inferior dos lugares de Vilar de Reconco, Aguieira, Marselle e Afiosa. A proximidade dos aeroxeradores aos núcleos de poboación, dada a súa dimensión e potencial de contaminación acústica e lumínica, representa un grave prexuízo non só para o benestar e a saúde da poboación, senón tamén para o valor patrimonial dos inmobles, as actividades económicas, o reto demográfico ou o emprendemento. Nada disto está adecuadamente considerado na documentación presentada.
  13. Impacto acústico nas poboacións próximas. O proxecto inclúe un estudo de impacto acústico, que indica en plano os puntos de medida, máis sen identificar os nomes dos núcleos ou as concretas vivendas potencialmente afectadas. A falta destes datos implica que se propicia unha situación de indefensión dos particulares afectados, toda vez que o trámite de información pública debe realizarse, en boa lóxica, con indicación de afeccións.
  14. Inadecuada descrición da obra civil: imposibilidade de translado dos elementos materiais dos aeroxeradores pola rede viaria existente.
  15. Ausencia de avaliación do impacto do proxecto nos espazos da Rede Natura 2000 (LIC “Esteiro do Tambre”). O proxecto está situado a menos de 5 km en liña recta do LIC Esteiro do Tambre. Esta distancia é contraría ás recomendacións do estudo “Alcance de Estudio Ambiental de Proyecto de Parque Eólico Terrestre” (2020), elaborado pola Rede de Autoridades Ambientais constituida a proposta da Comisión Europea e coordenada polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Este documento indica a necesidade de evitar alternativas que incumpra criterios ambientais, que considera “Incompatibles con la planificación sectorial/ territorial de energía o con los instrumentos de ordenación del territorio y planificación del suelo”. Polo que non sería posible autorizar este proxecto sen que sexan avaliadas de xeito específico as afeccións á Rede Natura 2000.
  16. Omisión do impacto directo sobre a ICCA de Froxán, como espazo incluído na Base de Datos Mundial de Áreas Protexidas da ONU. Toda a documentación do proxecto omite que pretende executarse parcialmente sobre unha Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA) incluída na Base de Datos Mundial de Área Protexidas xestionada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e a UICN (https://www.protectedplanet.net/en) e no Rexistro Internacional de Indigenous and Community Conserved Areas (ICCA) do PNUMA World Conservation Monitoring Centre. Conforme a Base de Datos Mundial de Áreas Protexidas (WDPA) existen, o proxecto sobreponse coa ICCA correspondente á Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán.
  17. Inadecuada avaliación dos impactos acumulativos. Resulta imprescindible estudar para todos os posibles impactos ambientais a posible acumulación de impactos ou os efectos sinérxicos producidos como consecuencia da instalación de parques eólicos nunha envolvente de 25 km. Este tipo de impactos pódense producir sobre os niveis de ruido ambiental, a avifauna e a quiropterofauna, a paisaxe, etc. No entorno hai realizados ou proxectados outros case 20 parques eólicos.
  18. Ineficacia das medidas preventivas para a protección da fauna.
  19. Deficiencias nas propostas de seguimento e control. A documentación recoñece que o proxecto se sitúa nunha zona de alto impacto para diversas especies “catalogadas como Vulnerables (VU) por el CNEA o CCGEA, en el caso de murciélagos y por el Libro Rojo en caso de las aves, por lo que se considera una sensibilidad potencial muy alta y alta respectivamente”, o que contrasta co escaso alcance e indefinición das propostas de seguimento e control.
  20. Afección aos montes e ás explotacións forestais e agro-gandeiras. O Estudo de Impacto Ambiental non analiza o impacto, económico e social, sobre os montes e as zonas de pastos que serven de base territorial as explotacións gandeiras na área de afección do proxecto. Cómpre poner de manifesto que dita eiva resulta singularmente significativa e grave, toda vez que tanto a base territorial agraria como os rendementos madeireiros constitúen unha importante fonte de ingresos para as economías das familias locais, podendo conlevar a efectiva implantación do proxecto de parque eólico unha afección severa para moitas explotacións forestais e madeireiras.
  21. Impacto do parpadeo de sombras. Non foi posible analizar as conclusión do estudo de parpadeo de sombras, unha vez que os planos sometidos a exposición pública non teñen resolución suficiente para poder identificar os puntos e estes son indentificados apenas por unha lista de letras, sen indicar a afectacción potencial concreta dos núcleos de poboación ou vivendas máis próximos. Sen esta concreta identificación o estudo carece de significado.
  22. Omisións na avaliación do impacto paisaxístico e sobre o turismo. Impacto non contemplado sobre o oficializado Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia. Impacto non contemplado sobre os dous principais puntos de atracción turística do Concello de Lousame: o Museo Mineiro das Minas de San Finx e o Mirador da Muralla. Impacto sobre o Lugar de Especial Interese Paisaxístico (LEIP) do Val do río San Fins.
  23. Omisións e deficiencias do estudo de impacto arqueolóxico. Debe requirirse a realización dun novo e máis riguroso estudo arqueolóxico, sen que sexa posible a autorización do proxecto sen unha correcta avaliación do impacto sobre os elementos do patrimonio cultural: mámoas e outros elementos arqueolóxicos e etnográficossen catalogar.
  24. Inconsistencia do interese autonómico e Altenativa 0 do EIA. O auxe das renovables fai que xa se superase a potencia total indicada polo Plan Nacional Integrado de Energía y Clima (PNIEC) 2021-2030.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s