A FEG informa negativamente o Documento de Inicio do Proxecto do Parque Eólico Mariño Flotante “NORDES”

En resposta á solicitude da Subdirección General de Evaluación Ambiental do MITECO, a Federación Ecoloxista Galega ven de enviar un informe relativo ó proxecto de construción dun parque eólico mariño flotante cunha potencia instalada de 1,2GW diante das costas da Coruña e Ferrol. Solicita a paralización do proxecto, dadas as profundas deficiencias do Documento de Inicio presentado. Solicita no mesmo informe que no futuro tampouco poidan chegar a trámite os proxectos nos que, coma neste caso, o Documento de Inicio non cumpra as condicións elementais que esixe a Lei.

O proxecto implica unha área de ocupación de 268km2 para a instalación de 80 aeroxeneradores de 261m de altura sobre plataformas flotantes. As plataformas mantéñense na súa posición por medio dun sistema de ancoraxes de grandes dimensións que van a transformar de forma radical a superficie do fondo, os depósitos de sedimentos alí acumulados e as características dinámicas, físicas e químicas da columna de auga sobre elas. Estes cambios afectarán sen dúbida aos ecosistemas, diminuirán a produción fotosintética, farán que desaparezan especies da columna de auga e dos fondos e empobrecerán esta zona do océano. Estes cambios terán tamén unha repercusión negativa nos recursos pesqueiros.

Pero o Documento de Inicio presentado polos promotores, Blue Float Energy e SENER Renewable Investments, posúe á xuízo da FEG serias deficiencias de contido e método polo que non resposta ás esixencias do artigo 34 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental que pide que calquera documento de inicio conteña “Un diagnóstico territorial e do medio ambiente afectado por el proxecto”, porén, o que agora se atopa sometido á fase de consultas carece de calquera análise realista do territorio e queda claro que esta ausencia non é froito do esquecemento senón máis ben da intención de disimular e mesmo ocultar os graves danos ambientais, económicos e sociais que provocaría a construción do PEMF Nordés. Non se realiza un diagnóstico territorial elemental nin se planifica a análise para a realización dun futuro Estudo de Impacto Ambiental que permita caracterizar o impacto que unhas instalacións da magnitude das que se pretenden instalar vai provocar. Si se realizan comentarios non xustificados dunha suposta inocuidade das instalacións que non se demostra e resulta incrible.

O Documento de Inicio debería realizar un diagnóstico do medio oceánico ocupado e da zona do continente á que chegarán as liñas de evacuación da electricidade producida. O diagnóstico do medio mariño requiriría o estudo dos fondos para cartografar dunha forma detallada a diversidade de tipos e subtipos de substratos, un estudo da biota bentónica (do fondo) e planctónica e nectónica (da columna de auga); tamén sería fundamental estudar os diversos parámetros oceanográficos e a súa distribución en profundidade así como a velocidade e os factores de control das correntes a diferentes profundidades. Pero ningún destes estudos figura no Documento de Inicio.

Xa que na zona existen importantes ecosistemas, e facilmente previsible que o dano á biodiversidade que se produciría sería incompatible co proxecto. É necesario resaltar que tamén se verán afectadas especies de interese pesqueiro que, si ben é certo que os caladoiros da zona atópanse sobreexplotados, non cabe dúbida de que permitindo a súa recuperación e xestionados de modo sostible poden ser unha importante fonte de alimento e recursos económicos para o futuro.

Xa que logo, dadas as profundas deficiencias, a falla de concreción e análise e mesmo o afán de enganar que transmite o Documento de Inicio, a Federación Ecoloxista Galega ven de solicitar que se poña fin da tramitación ambiental do proxecto deste parque eólico mariño. En todo caso, os promotores deberán iniciar un novo trámite elaborando un documento que conteña un diagnóstico territorial e do medio ambiente afectado polo proxecto que se pretende construír e unha previsión do dano que se vai causar, dano que, evidentemente, é incompatible coa conservación da biodiversidade e dos recursos naturais da zona onde se instalaría o parque e onde se pretende construír a liña de evacuación da electricidade producida.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s