
Un ano máis xa están a voar as nosas queridas vacalouras e dende o G.N. Hábitat voltamos a animarvos a participar na toma de citas que comezamos a recabar o pasado ano 2016 coa proclamación da vacaloura como “Especie do ano 2016”. Levamos case 600 citas nas 4 provincias galegas que nos permitirán seguir afondando no coñecemento da abundancia e distribución da vacaloura.
Así mesmo, dende o grupo de colaboradores da entidade tamén seguiremos participando un ano máis no European Stag Beetle Monitoring Network, proxecto de ámbito internacional, no que baixo un protocolo científico definido realizamos transectos rexistrando resultados e observacións co gallo de poder aportar o noso gran de area a un proxecto de seguimento a nivel europeo.
Actualmente temos activos 10 transectos, se estas interesad@ en participar como voluntario nalgún deles, ou crear o teu propio, podes poñerte en contacto con nos en simpatizantes@gnhabitat.org e formarémoste para crear o teu propio transecto, ou se o prefires, acompañar aos voluntari@s dalgún dos existentes.
Toda a información sobre a especie e a iniciativa seguides téndoa dispoñible na sección da especie Lucanus cervus, Vacaloura.
Para aportar as vosas citas podedes cubrir o formulario online habilitado a tal efecto.
Aínda que poden verse de día, a meirande parte da súa actividade é maior ao solpor e á noite.
Como ocorre en moitos escaravellos, os adultos non son moi lonxevos: viven entre quince días e un mes. Pódense observar de xuño a setembro, tendo o seu pico de actividade en xullo.
Animadevos a transmitir as vosas observacións!!