O rexistro de catro lontras mortas en apenas un ano (xaneiro 2017 – xaneiro 2018) evidenciou a existencia dun punto negro de atropelos para esta especie na estrada que bordea o encoro de Abegondo-Cecebre (AC-221). Esta situación desencadenou unha resposta, que tivo como resultado o establecemento dun paso inferior para vertebrados (paso de lontras) na zona de incidencia, culminado a finais do 2020 froito do traballo colaborativo entre particulares, institucións públicas e entidades privadas. Unha travesía de máis de dous anos, cuxo resumo publicamos nesta web xa en decembro do 2020, e que pode consultarse na seguinte ligazón: acceso á nova.

Unha vez establecida e executada a solución construtiva (véxase a ligazón indicada anteriormente), resultaba imprescindible poñer en marcha un mínimo seguimento do paso recentemente instalado, a fin de avaliar a súa efectividade e uso por parte da especie. Con este obxectivo se levou a cabo un estudo mediante a técnica do fototrampeo, consistente na instalación de cámaras automáticas dotadas de luz infravermella e sensores de movemento, destinadas ao rexistro da fauna silvestre. Unha práctica eficaz e non invasiva, amplamente estendida en traballos de investigación con mamíferos, útil para analizar os patróns de actividade e uso do hábitat.
Os dispositivos utilizados, instalados tanto a carón dunha das bocas de entrada coma no interior do propio paso habilitado, foron configuradas para obter gravacións en vídeo de 35 segundos de duración durante as 24h del día, cun tempo de espera de 1 minuto entre rexistros consecutivos. As cámaras foron revisadas periodicamente para levar a cabo as tarefas de substitución de baterías e tarxetas de memoria.
Como resultado puido comprobarse que dos 98 días de mostraxe levados a cabo entre as datas do 13/01/2021 e o 22/08/2021, en 82 deles se obtiveron gravacións de lontra no seu interior, o que supón un 83,67% de días con rexistros positivos desta especie. Polo tanto, cabe inferir un uso habitual e recurrente deste paso de fauna por parte da lontra.
Os primeiros rexistros do seu uso pola lontra se obtiveron o 13/01/2021, na mesma data en que se instalaron as cámaras por primeira vez, e apenas tres semanas despois do remate das obras (un prazo prudencial que se agardou a fin de evitar o efecto chamada que a inauguración do paso pudiese ter provocado, minimizando así a posible alteración das cámaras por terceiros alleos ao proxecto). No momento da instalación das cámaras puido comprobarse que unha das bocas de entrada ao túnel presentaba xa o conspicuo marcaxe territorial desta especie, o que indicaba que, cando menos, a lontra xa tiña inspeccionado a contorna, mais esta circunstancia non permitía certificar o uso da estructura ata a confirmación coas gravacións obtidas.
Convén destacar que na data de publicación desta nova, case dous anos despois do remate das obras de instalación do paso de fauna, non se ten constancia de ningún atropelo máis de lontras no punto negro detectado, o que permite inferir o éxito da infraestrutura instalada. Un paso inferior que non soamente vese favorecido polo propio deseño adaptado do túnel, de sección rectangular e un espazo libre interior de 80 cm de ancho x 50 cm de alto (medidas que tiveron que ser axustadas para adaptarse aos diversos condicionantes do lugar), senón tamén polos elementos anexos que o acompañan e que conforman un peche perimetral que canaliza a traxectoria dos animais ata as entradas do paso, impedindo a súa vez o acceso destes á estrada nun longo treito xunto ao lugar de atropelos recurrentes.
Así e todo, o esforzo aplicado non deparou unicamente boas novas para a lontra. Da análise dos 314 vídeos obtidos durante o seguimiento deste paso de fauna nos que puido constatarse o rexistro dalgunha especie, puido extraerse que a infraestrutura está sendo utilizada por roedores, insectívoros e carnívoros, o que supón exemplares de cando menos tres ordes diferentes de mamíferos: Carnivora, Rodentia e Eulipotyphla. Entre eles cabe destacar a confirmación do uso por parte do teixugo (Meles meles), a xeneta (Genetta genetta), o ourizo cacho (Erinaceus europaeus), e micromamíferos tales como o rato do campo (Apodemus sylvaticus) e exemplares adscritos por diversas similitudes á familia Soricidae, mais sen confirmación a nivel específico dado que as características das gravacións nestes casos non permitiron chegar a esta determinación en detalle con seguridade. Finalmente, neste mesmo espazo de incertidume se enmarcaron outros rexistros que poderían corresponder co murgaño de cabrera (Neomys anomalus), a rata común (Rattus norvegicus) –aínda sen descartar a súa posible confusión coa rata de agua (Arvicola sapidus), de estrutura semellante, a pesar de non ter localizado evidencias desta última na contorna inmediata-, así como exemplares da Familia Cricetidae. A continuidade dos traballos, combinada coa aplicación doutras metodoloxías específicas, poderían con seguridade aportar máis luz ao respecto.
En definitiva, parece poder constatarse o éxito deste paso de fauna establecido nas inmediacións do encoro. A estructura, ademais de ter favorecido a permeabilidade da barreira existente (estrada AC-221), acadou minimizar igualmente o risco de atropelos sobre a fauna silvestre en xeral, e a lontra en particular. En consecuencia, o paso de lontras de Abegondo-Cecebre podería constituirse como un bo exemplo práctico (ou “modelo”) para outras iniciativas que se quixeran implantar noutros espazos naturais, de cara a resolver problemáticas semellantes.
Outros datos de interese
O paso de lontras do encoro de Abegondo-Cecebre conta a día de hoxe con diversos recoñecementos e difusión en medios de comunicación, aos que lles queremos mostrar o noso máis sincero agradecemento. Así e todo, destacamos que tivera sido:
- Práctica finalista na categoría de Fauna dos “III Premios a las Buenas Prácticas Locales por la Biodiversidad” (Federación Española de Municipios y Provincias – FEMP).
- Portada e artigo en páxinas interiores no Boletín nº40 (inverno 2021) do Comité Español da UICN: “Buenas Prácticas en Conservación de la Naturaleza”
Dedicatoria
O Grupo Naturalista Hábitat quere dedicar esta breve aportación á conservación das nosas benqueridas lontras á memoria e recoñecemento do recentemente falecido Rafael Romero Suances, compañeiro e experto nesta e noutras especies de mustélidos. Dende o primeiro momento, e ao longo de todo o proceso de toma de decisións que levaría finalmente ao establecemento deste paso de fauna, colaborou connosco de xeito desinteresado, compartindo os seus coñecementos e a súa paixón pola lontra. Estamos seguros de que agora comparte tamén a alegría destes resultados. Grazas de todo corazón.