Hábitat presenta alegacións ao PRUX do Parque Natural Fragas do Eume

Xa no pasado mes de maio de 2022, diferentes entidades conservacionistas galegas asinábamos un escrito onde expoñíamos a nosa preocupación polo estado de conservación do Parque Natural Fragas do Eume, afeando á Xunta o xeito de convocar ás entidades ambientais para a valoración do denominado Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), do que a Administración levaba 25 anos de demora.

Chegado xa decembro, a primeiros de mes e nun novo esforzo das entidades ambientais, redactamos e asinamos unha nota de prensa conxunta, logo de constatarse o desleixo da Administración pola conservación deste emblemático espazo natural. A redacción do PRUX presentado (obrigatorio por lei para cada espazo protexido, e que debería ter sido aprobado no prazo de dous anos logo da declaración do parque, isto é, en 1999) defraudaba notablemente, ficando moi lonxe de garantir a conservación e mellora dos valores naturais das Fragas.

Porén, unha vez máis, e como parte interesada na preservación futura desta contorna, dende o Grupo Naturalista Hábitat, profundamente preocupados polas eivas e a falta de ambición do recollido no PRUX, vimos de presentar un escrito de alegacións ao documento proposto pola Administración, no seu prazo de exposición pública.

Dende o G.N.Hábitat queremos agradecer non soamente tódalas aportacións recibidas, tanto de particulares como de organizacións compañeiras, que viñeron a enriquecer sen dúbida as nosas achegas, senón tamén salientar o gran esforzo que supón facer fronte a este tipo de argumentacións. Horas grises de moit@s compañeir@s que invisten tempo e recursos a prol dun Ben Común como é a paisaxe, a natureza e a propia biodiversidade. Dende aquí o noso recoñecemento e o máis sincero agradecemento a todas estas persoas implicadas, e nomeadamente nesta loita á Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, REBINXE (Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural), Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Colectivo Terra, Grupo Lobo, Morcegos de Galicia e Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA).

Agardamos agora á resposta da Xunta ás demandas enviadas. Ogallá a súa consideración redunde nunha mellora do documento presentado, e que Fragas do Eume goce finalmente dunha ferramenta de conservación efectiva á altura do recoñecemento que ostenta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s