A FEG súmase á convocatoria realizada polo sector do mar na ría de Muros-Noia co apoio de confrarías de pescadores e mariscadores e outras organizacións do sector.
A FEG xunto con outras organizacións ecoloxistas e sociais veñen denunciando en reiteradas ocasións a situación da balsa de residuos mineiros da Mina de San Finx coa perigosidade que os materiais alí depositados poidan ter para o ambiente en caso de ser vertidos á Ría.
Augas de Galicia autorizou a principios de febreiro á empresa Tungsten San Finx, S.L. para baleirar un total de 889.885 metros cúbicos de “augas residuais depuradas” ao río Pesqueiras, o tamén coñecido como rego das Rabaceiras, cuxa corrente acaba chegando á ría de Muros e Noia. Trátase das augas acumuladas na mina de volframio de San Finx en Vilacova (Lousame), que a empresa quere poder volver explotar.
Estes vertidos afectarán ao val fluvial e acabarán irremiabelmente no mar. Os ecoloxistas denunciamos xa desde hai tempo o estado das balsas no que o material depositado é perigoso para a saúde humana e ambiental. Denunciamos tamén o estado de deterioro no que as balsas se atopan sendo necesario unha intervención inmediata nas mesmas, o que nunca debe implicar a liberación do seu contido ao ambiente. É necesario drenar as balsas e tratar corectamente os materiais alí depositados como debe especificar no Plan de recuperación mineira que a administración ten que aprovar para conceder os permisos de explotación.
As aguas residuais que a mineira pretende verter á bacía fluvial superan os límites fixados nas normas de calidade ambiental para cadmio, cobre e zinc, metais pesados bioacumulábeis, tal e como demostran as analíticas presentadas por Augas de Galicia. Ademais o estudo encargado pola Confraría de Noia, realizado polo doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, Steven H. Emerman, alerta das deficiencias no estudo dos niveis de contaminantes existentes e evidencia o fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas de mina aprobada, que non conseguiu controlar os niveis de cinc e que resultou en concentracións de cadmio e cobre, moi por cima dos valores máximos permitidos para estes metais pesados tóxicos.
O conselleiro de Industria, Francisco Conde, indica que a autorización deste vertido “se axusta á normativa” e que a empresa asegurou que cumpriría cos parámetros de calidade das augas. Desde cando é a empresa a que ten que “certificar” que cumpre os parámetros? Non é a administración quen o debe comprobar, máxime cando os informes de Augas de Galicia indican o contrario.
A FEG está actuando no proceso de alegacións aos vertidos desta mina, sendo o movemento mais recente con data do 7 de febreiro no que se interpuxo Recurso de alzada ante Augas de Galicia coa solicitude de nulidade ou anulabilidade da resolución ditada pola Diretora de Augas de Galicia.
A FEG solicita a suspensión inmediata da Resolución de autorización de vertedura á bacía da ría de Muros e Noia, e o vaciado e tratamento adecuado dos residuos mineiros alí depositados evitando que os metais pesados sexan liberados ao ambiente e poidan entrar en contacto co mar e a cadea trófica.
