
- Luns, 15 de maio, ás 20:30h– Inscrición aberta
- Obxectivo: conferencia no marco da “Semana sobre Especies Invasoras Portugal & España (SEI 2023)”, na que poñeremos en valor os cinco anos de esforzos investidos (2018-2022) na conservación do Espazo Natural de Interese Local – ENIL Torre de Hércules, e os avances na eliminación e control de especies exóticas invasoras nesta contorna.
- Información específica da xornada: acceso á noticia.
- Domingo, 7 de maio, ás 09:30h– Inscrición aberta
- Obxectivo: charla e saída de campo na zona de Feáns, para poñer en valor a biodiversidade ligada ás prácticas agrarias que se levan a cabo na periferia do municipio. Os compañeiros David Dopereiro e Ismael Espasandín, amosarannos o seu traballo coa herpetofauna no concello de A Coruña, e máis concretamente coa víbora de seoane (Vipera seoanei).
- Información específica da xornada: acceso á noticia.
- Luns, 1 de maio, ás 10h – Inscrición aberta
- Obxectivo: andaina ambiental pola contorna do ENIL Torre de Hércules.
Para participar nas diferentes actividades abertas ao público é imprescindible a inscrición previa a través do seguinte formulario (agás naquelas que conten cun apartado de “Información específica” e unha ligazón propia):
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!
O PROGRAMA “CUSTODIA DO TERRITORIO E VOLUNTARIADO”
Por sexto ano consecutivo, e superando xa o lustro de actividades a prol do patrimonio natural da cidade, a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña e o Grupo Naturalista Hábitat traballamos para retomar a nosa colaboración no marco do programa “Custodia do Territorio e Voluntariado”. Unha iniciativa que acubilla, en cada campaña, diversas actividades dirixidas ao estudo, a divulgación e a conservación das áreas de interese ambiental da cidade, con especial fincapé na contorna do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules.
Ao longo das campañas 2018/2022 deste programa, un total de 1787 persoas teñen participado nas diferentes accións organizadas polo G.N.Hábitat. Nenos e maiores de todas as idades, que comparten connosco tempo e esforzos nos eidos da divulgación e o voluntariado ambiental. Nesta liña, compre destacar os avances alcanzados no control da especie exótica invasora Carpobrotus sp. (coñecida como “Uña de gato” ou “herba do coitelo”), que se espalla pola contorna da Torre de Hércules, comprometendo e restrinxindo a diversidade biolóxica alí presente. Hoxe día, 60.448 kg foron xa retirados grazas aos 1.002 voluntari@s participantes nas actividades de eliminación desta planta invasora! Moito suor, e todo un exemplo de traballo colaborativo a prol do patrimonio natural. Tarefas que debemos retomar con forza para seguir mellorando a contorna deste ENIL, pois aínda queda moita superficie afectada. Polo tanto, a campaña 2023 continuará coa filosofía e obxectivos das pasadas edicións, promovendo novamente diferentes actividades ambientais, tanto na Torre coma noutros espazos da cidade.
Organizaranse de novo xornadas abertas ao público e de balde, mais as prazas serán limitadas en cada sesión, sendo precisa a inscrición previa para a participación a través dos formularios online que sexan habilitados na nosa web, segundo o avance do programa. Todos aqueles participantes confirmados contarán cun seguro de Accidentes e Responsabilidade Civil durante o desenvolvemento das actividades, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas. Así mesmo, o G.N.Hábitat poñerá a disposición os recursos necesarios para poder desenvolver axeitadamente cada xornada.
Contamos contigo!