A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA PRESENTA SUXESTIÓNS AO ANTEPROXECTO DA NOVA LEI DO CLIMA DE GALICIA

“As emisións e absorcións de gases de efecto invernadoiro reguladas no Dereito da Unión estarán equilibradas dentro de la Unión a máis tardar en 2050, polo que nesa data as emisións netas deben terse reducido a cero e, a partir de entón, a Unión terá como obxectivo lograr unhas emisións negativas” Si, isto pide, no seu artigo 2, o Regulamento (UE) 2021/1119 do parlamento europeo e do consello polo que se establece o marco para lograr a neutralidade climática co obxectivo de dar cumprimento ao acordo de París. No mesmo artigo 2 indícase tamén que os estados membros adoptarán medidas á súa escala de cara a conseguir a neutralidade climática para o ano 2050. O estado xa aprobou a lei 7/2021, de cambio climático e transición enerxética e agora, a Xunta ven de someter á participación pública o Anteproxecto da lei do clima de Galicia.

Neste período de exposición, a Federación Ecoloxista Galega ven de solicitar a retirada deste Anteproxecto e a elaboración doutro novo, con participación cidadá e que sexa realmente eficaz de cara a acadar a neutralidade climática a través dun modelo sustentable de desenvolvemento. No seu escrito de suxestións, a FEG, apunta algunhas das deficiencias máis importantes do Anteproxecto e propón as modificacións que se deberían producir para acadar un texto legal que sexa verdadeiramente eficaz, en concordancia cos compromisos que Galicia ten asumido.

Antes que nada, dende a FEG indícase que o texto carece do grao de concreción necesario para que unha norma poda ser eficiente; en efecto, a pesar do intenso verniz pseudoambientalista que adorna o texto, en realidade, o contido normativo é moi escaso e con claridade insuficiente para cumprir coa parte de redución nas emisións que lle corresponde a Galicia para cumprir co Acordo de París do que somos asinantes. É certo que o compromiso do Consello da Xunta coa neutralidade climática non é precisamente forte, como asegurou o Conselleiro do Medio Rural: “Os requirimentos medioambientais están facendo que Europa se dispare un tiro no pe, así de claro. Estamos poñendo unhas exixencias medioambientais,tantas trabas aos nosos agricultores e gandeiros, que vamos acabar coa agricultura e a gandeiría en Galicia, en España e en Europa” e é certo tamén que todo indica que esta falla de fortaleza predomina no Anteproxecto de lei do clima de Galicia.

A Federación Ecoloxista, fai notar esta falla de concreción que se estende por todo o texto que ven a resultar así carente de funcionalidade de cara á redución efectiva das emisións de gases de efecto invernadoiro. O Anteproxecto da lei do clima de Galicia non concreta, nin como será a transición, nin as medidas necesarias para acadar a neutralidade, nin como contribuirán os diferentes sectores económicos ás reducións, nin como participa a sociedade nelas. A norma é moi pouco útil de cara ao cumprimento dos compromisos de redución e resultaría incongruente coa lexislación europea e estatal.

De acordo con este Anteproxecto, creanse instrumentos orgánicos e ferramentas burocráticas dando por feito que isto é suficiente para levar adiante as profundas transformacións que implica o desafío que supón a emerxencia climática nos modelos económicos, sociais e políticos. Por exemplo crease un Consello Galego polo Clima pouco delineado en canto á composición e función que pode quedar reducido a un órgano sen funcionalidade clara e unha Alianza Galega polo clima, en realidade xa existente e inoperante.

Dende a Federación Ecoloxista Galega proponse unha lei útil para enfrontar a tarefa que Galicia
ten que realizar para conseguir a redución necesaria, sen renunciar a un modelo sostible nin a
unha transición xusta. Un sistema para establecer de modo claro e fiable a situación de partida,
as cantidades de gases de invernadoiro en xogo, os cálculos de pegada de carbono que
permitan facer un análise realista das circunstancias e das posibilidades de mitigación en cada
sector, buscando aqueles sectores e empresas que teñan unha maior pegada ecolóxica eu
maiores posibilidades de redución efectiva de emisións, descarbonizando a economía. Pero a
mitigación non so consiste en reducir as emisións de gases de invernadoiro, tamén é necesario
estimular a absorción, fomentar os sumidoiros. Neste sentido, resulta fundamental favorecer a
absorción nos sistemas forestais, apostando por practicas que aumenten os depósitos orgánicos
en solos e en madeira coa que se elaboran produtos de longa vida. Nada disto se especifica no
Anteproxecto. A modificación do Plan Forestal vixente será fundamental para activar
efectivamente estes sumidoiros.

Tampouco se propoñen no Anteproxecto medidas para protexer e apoiar aos sectores máis
desfavorecidos da sociedade que serán os que máis sufran as consecuencias da emerxencia
climática, nin de que moda se vai conseguir que a transición sexa xusta e sostible, non se ten
en conta a dimensión social dos cambios.

Unha lei de emerxencia climática debe abordar tamén as ameazas, evidentes xa, que en forma
de riscos ensombrecen o noso futuro, pero non se establecen as medidas necesarias para
reducir a vulnerabilidade fronte aos incendios forestais, fronte á erosión e os rebases nas zonas
litorais ou fronte ao aumento dos fenómenos meteorolóxicos con potencialidade de risco.

Chama tamén a atención o feito de que a Administración pretende descargar unha parte
importante dos esforzos de mitigación sobre as administracións locais, concretamente sobre os
concellos de máis de 20.000 habitantes, aos que impón unha serie de obrigacións burocráticas,
como a elaboración de “Plans de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable” e o seu
cumprimento; iso si, non se precisan as dotacións económicas que permitan afrontar a
elaboración e execución deses plans; pero si se detallan con precisión as sancións que se lles
poden impoñer a eses concellos se non son dilixentes levando a cabo as obrigacións que se lle
impoñen.

Non cabe dúbida de que é necesario mellorar moito este Anteproxecto si a sociedade galega
quere dotarse dun instrumento legal para camiñar cara a neutralidade climática e ao
cumprimento do Acordo de París con eficacia e seguridade.

Compostela, 28 de xullo de 2023

Deixar un comentario