A Federación Ecoloxista Galega demanda medidas urxentes de control dunha nova planta con grande potencial de invasión, o Xenxibre do Himalaia

A Federación Ecoloxista Galega vén de dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería do Medio ambiente solicitando a posta en marcha de actuacións destinadas á erradicación dunha nova planta invasora que se atopa aínda nas primeiras fases de establecemento en Galicia pero que xa está presente en varios concellos do litoral e que podería atoparse en espazos protexidos como nas Fragas do Eume. Trátese de Hedychium gardnerianum, coñecida como Xenxibre do Himalaia, falso xenxibre, xenxibre branco, xenxibre hawaiano, edichio ou kahili, e é unha especie universalmente recoñecida como invasora moi perigosa pola súa capacidade de adaptación a diferentes condicións ambientais e a rapidez do seu crecemento e da súa expansión desprazando as especies autóctonas e provocando graves danos á biodiversidade. Está considerada oficialmente como especie invasora dende o ano 2013 en que se publica o Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras no que figura, e xa que logo está prohibida a súa introdución no medio natural, a posesión, transporte, tráfico e comercio.

Cando se publicou o “Plan Estratéxico Galego de xestión das EEI e para o Desenvolvemento dun sistema estandarizado de análise de riscos para as especies exóticas en Galicia”, en 2012, a especie xa estaba presente no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e nas proximidades do Parque Natural das Fragas do Eume. Hoxe en día tense comprobado tamén a súa presenza naturalizada polo menos nos concellos de Cedeira, Cariño, Ortigueira, Pontedeume, Valdoviño, Corcubión, Miño, Sada, Carnota, Cee, A Coruña, Muros, Malpica, Ribeira (nas proximidades do PN de Corrubedo) e Porto do Son na provincia da Coruña; Poio, Covelo, Gondomar, Redondela e Bueu na de Pontevedra e Foz e Viveiro na de Lugo e seguramente o estexa en bastantes máis. Neste Plan considérase a H. gardnerianum como “especie invasora de alto impacto sobre a biodiversidade en Galicia” e situase na lista de “EEI de maior impacto rexistradas nas áreas protexidas”.

Dado o perigo que supón para o medio ambiente esta especie, e a pesar do desleixo que a Administración galega vén amosando polo control da proliferación de especies invasoras no noso territorio, mesmo protexendo e subvencionando a unha das máis destrutivas, o eucalipto, a FEG solicita que se actúe de cara a evitar o establecemento do xenxibre do Himalaia, xa que se atopa aínda nas primeiras fases deste proceso e resulta fácil a súa erradicación.

A FEG solicita que se realice a eliminación manual dos exemplares naturalizados que se poidan atopar, tanto nas proximidades de espazos protexidos como en calquera outro lugar onde a especie se teña naturalizado, que se establezan as medidas de control necesarias para a eliminación dos exemplares da especie presentes en parques, xardíns e en calquera espazo público ou privado onde se atope e que se realicen campañas de educación ambiental promovendo a eliminación da especie dos xardíns particulares xa que é esta a principal vía para a naturalización.

Deixar un comentario