A Federación Ecoloxista Galega presenta reclamación formal ao certificado de xestión forestal sustentábel concedida a ENCE

A Federación Ecoloxista Galega ven de enviar á empresa auditora alamana GFA, autora das auditorías para a concesión do certificado FSC de xestión forestal sustentábel de ENCE, un informe solicitando a cancelación deste selo que lle concedeu á empresa. Este selo FSC de xestión forestal sustentábel certifica que calquera produto no que figura o anagrama do sistema procede de montes xestionados de forma sustentábel. No caso de ENCE, tal e como se evidencia no informe de solicitude de retirada, a sustentabilidade non existe e a xestión é fortemente impactante nas parcelas de ENCE.

Desde o ano 2005, no que se lle concede por primeira vez o selo, ENCE ten utilizado varias empresas certificadoras; dende o ano 2016 contratou a empresa con sede en Alemaña, GFA, unha multinacional da certificación que ven mantendo dende ese ano o certificado. A recertificación, que se debe realizar cada 5 anos levouse a cabo no ano 2021. A FEG pediu daquela aos certificadores que levaron a cabo o proceso de auditoría que presentasen, no resumo público do proceso de recertificación, evidencias de cumprimentos dos estándares de FSC, dez principios que se dividen en criterios e que se avalían a través de multitude de indicadores, pero, a pesar desa petición, nos resumos que GFA está obrigada a pór a disposición da sociedade, non aparece ningún feito que amose o cumprimento dos principios; por outra parte os danos que provocan as plantacións de ENCE son contundentes e evidentes, pódense identificar con claridade no campo e nas publicacións técnicas existentes. A conclusión é que o proceso de certificación levado a cabo está viciado, e xa que logo falseado, polo afán mutuo da empresa certificadora e da certificada de manter os beneficios asociados ao proceso, beneficios económicos para os auditores e de mercado para ENCE.

Preséntase esta solicitude debido a que, ao longo dos anos nos que a Federación Ecoloxista Galega ven seguindo as plantacións de eucalipto que a ENCE xestiona en Galicia, tense comprobado que o modelo de xestión que a empresa practica nas súas parcelas e naquelas contratadas con comunidades de montes ou particulares, está a provocar danos irreversíbeis nos solos, favorecendo a erosión, sendo prexudicial para a biodiversidade, para os recursos hídricos e para a paisaxe. A FEG aporta na súa solicitude evidencias claras de todos estes feitos que contradín os principios e criterios da certificación de xestión forestal sustentábel do sistema FSC.

Ademais desde a FEG facemos notar que as especies de eucalipto que ENCE planta en Galicia Eucalyptus globulus e E. nitens, son especies invasoras e pirófitas, é dicir que utilizan o lume como medio para propagarse e eliminar competidores e xa que logo o seu cultivo implica unha elevada perigosidade xa que producen elementos combustíbeis que favorecen a expansión do lume, como cada ano se demostra en Galicia. Non debemos esquecer que o cambio climático está a cambiar os modelos de lumes forestais que cada vez son máis frecuentes e cada vez acadan unha maior extensión, co que as grandes plantacións de eucalipto de ENCE poderían ser o instrumento para que se produza unha catástrofe de grandes dimensións.

No informe enviado solicitando a cancelación do selo, debúllanse as evidencias máis notorias de incumprimento dos estándares de certificación, explícase tamén que a actividade forestal de ENCE posúe unha elevada pegada de carbono, moi superior á que calcula a empresa, de 700.000 toneladas de CO2 ao ano, esta aínda así unha das máis altas de España e unha importante contribución á emerxencia climática global. Tamén evidencia o incumprimento da lexislación en materia de faixas de protección e seguridade laboral, a destrución da biodiversidade e dos recursos hídricos e os danos á sustentabilidade social.

A reclamación tense dirixido, seguindo o protocolo establecido polo sistema de certificación, á empresa certificadora GFC, ao órgano de dirección de FSC España, e á propia ENCE, agardando que no prazo dun mes, como obrigan os protocolos do procedemento de FSC se de unha resposta á solicitude.

Compostela, 24 de outubro de 2023