A FEG alega contra a solicitude de captación de agua do proxecto Gama solicitado pola empresa Altri-Greenfiber

A FEG solicita a Augas de Galicia que denegue a concesión para unha captación de augas do encoro de Portodemouros que atinxe aos nos concellos de Agolada, Santiso e Palas de Rei (expediente
DH.A36.88645), solicitada por ALTRI para o “Proxecto Gama” e se arquive o expediente.

Os motivos para a alegación son:

Posíbel incumprimento da directiva 2011/92/UE e a Ley 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental por fraccionamento artificioso dos proxectos.

A tramitación do actual proxecto separado do de construción da factoría proposta polo peticionario
pode incorrer nun caso de fraccionamento xa que pode non ter sentido avaliar o impacto dunha
infraestrutura lineal, como é o caso da tubaxe proposta, separándoa do funcionamento da propia
fábrica. Deste xeito non poden avaliarse conxuntamente todos os impactos, eludindo aqueles sinérxicos provocados polas dúas actuacións (tubaxe e fatoría) imbricadas. A propia lei 21/2013, do 9 de decembro de avaliación ambiental, define o fraccionamento como un “mecanismo artificioso de división dun proxecto”, e neste caso pretenderíase minimizar ou ocultar os efectos acumulativos e sinérxicos do proxecto no seu conxunto.

O impacto socioeconómico do proxecto na zona e sobre as 381 parcelas con afección.

Afirmar do xeito tan contundente como se fai na documentación do proxecto de captación que este é beneficioso para a poboación da zona, resulta simplista e demagóxico. Grande parte da poboación dos concellos onde se pretende ubicar a fábrica viven da gandería, agricultura ou dos servizos asociados ao Camiño de Santiago. Situar unha megafactoría nunha zona eminentemente rural causará efectos contrarios aos agardados pola peticionaria, e máis se se impón a servidume de acueducto sobre a gran maioría das 381 parcelas de minifundio afectadas, que de por si xa son pequenas, quedando moitas delas totalmente inutilizadas.

Os impactos sobre o ecosistema fluvial

Non hai información sobre a magnitude, frecuencia ou estacionalidade do réxime de caudais do efluente, descoñecese o caudal que se consumirá nos diferentes procesos da fábrica, só se falade aproximacións. Ademais, tamén dependerá das limitacións que se reflectirán nunha
hipotética autorización ambiental integrada (AAI) segundo o establecido polas diferentes áreas
do Organismo de Bacía.

A peticionaria compara o volume da captación coas aportacións naturais acumuladas do SIMPA
que chegan ó encoro de Portodemouros, pero faino dun xeito errado porque non ten en conta
todos os usos acumulados da bacía no encoro de Portodemouros, tan só os usos do propio
encoro. Non se tiveron en conta os escenarios de cambio climático nunha concesión a 75 anos, e no anexo II do PHG-C afírmase que “Conforme aos requisitos deben de se estimar os efectos do cambio climático para un escenario que se fixa no ano 2039. O resultado, en xeral, prognostica unha redución de recursos hídricos que irá acentuándose conforme avance o século XXI, polo que será máis acusada no último período de impacto (2070-2100)”.

Por outra banda, hai que ter en conta que a concesión non se solicita no muro do encoro, senón que se solicita case no cabo deste e nunha zona na que soe ter moitos problemas de descenso de cota durante a estiaxe.

Incumprimento dos Obxectivos Medio Ambientais do Plan Hidrolóxico de Bacía

As actuacións previstas afectan ao encoro de Portodemouros, ao río Ulla, á zona de policía e á súa bacía vertente. Trátase dunha masa de auga que incumpre o potencial bó estado, e entre cuxos obxectivos medioambientais está precisamente a consecución deste no ano 2027.

Conforme ao criterio establecido no Real Decreto 47/2022, do 18 de xaneiro, sobre protección das
augas contra a contaminación difusa, o encoro de Portodemouros clasifícase como eutrófico, o
que significa que ten un exceso anormal de nutrientes, exceso que se reflicte ano tras ano no
crecemento de cianobacterias, en moitos casos tóxicas, como as microcystis, que leva á
prohibición dos usos recreativos (baño, piragüismo…etc.). Coa fin de preservar o seu estado
trófico, deberían de limitarse aquelas actividades que poidan supoñer un enriquecemento en
nutrientes, polo que non se debería de aceptar outra presión máis que supoña precisamente iso, e
menos un uso industrial, que modificará tanto a calidade das augas coma a totalidade dos
elementos do réxime hídrico.

O sistema de explotación No5 (Ulla – Ría de Arousa) é un sistema de por si moi espoliado, tal e
como recolle o Anexo III (Usos e Demandas) do PHG-C. Estas presións reflíctense non só no estado
desta masa de auga, senón en outras máis do río Ulla. A realidade amosa xa que todos os usos e demandas da bacía do río Ulla repercuten directamente sobre a calidade das augas, e se non foi posible mellorar o estado das masas de auga até o de agora, o feito de detraer caudais poderá degradar moito máis a bacía.Nun contexto de emerxencia climática, no que os eventos extremos cada vez son máis frecuentes considerando os recorrentes episodios de seca que mesmo provocaron as declaracións de prealerta por seca en toda a demarcación e por escaseza en varias bacías durante estes veráns; e tendo en conta que no plan de Secas da CHG-C proponse a mesma porcentaxe de diminución nas dotacións para abastecemento que para o uso industrial nos diferentes escenarios de seca; pódese afirmar que esta detracción do recurso hídrico no Encoro de Portodemouros pode comprometer non só a viabilidade ambiental do ecosistema senón tamén o abastecemento para consumo humano.

Falta de avaliación do proxecto no PHCG-C (ficha artigo 4.7 Directiva Marco da Auga)

Tanto as leis europeas e estatais de augas como o PHG-C, non permiten a degradación nin a afección das masas de auga nin ás súas zonas de protección. Un dos obxectivos clave da Directiva Marco da Auga (artigo 4, apartado 1) é o de evitar o deterioro do estado das masas de auga(“principio de non deterioro”). O artigo 4.7. trata sobre o feito de non acadar un bo potencial ecolóxico, ou de non evitar o deterioro do estado dunha masa de auga superficial debido a novas modificacións das súas características físicas, e de que os motivos das modificacións ou alteracións fiquen consignados e explicados especificamente no plano hidrolóxico de bacía.

Falla de avaliación no PHG-C dos requerimentos hídricos ambientais

Augas de Galicia, no vixente plan hidrolóxico, non estudou os requirimentos hídricos necesarios
para moitas das compoñentes do ecosistema fluvial.Entre todas as compoñentes dos caudais ecolóxicos que non se estudaron nin se concretaron no PHG-C atópanse os seguintes:

  • Caudais máximos e xeradores augas abaixo do encoro de Portodemouros.
  • Caudais ecolóxicos das masas de auga de transición.
  • Requirimentos hídricos en zonas protexidas da Rede Natura 2000 e da Lista de Humidais de
  • Importancia Internacional do Convenio de RAMSAR.

Moitas masas de auga do Ulla están en mal estado, e esta detracción do recurso no Encoro de Portodemouros pode comprometer a viabilidade ambiental do ecosistema. Ademais, o encoro de Portodemouros está en estado “moderado”, e pode empeorar debido a esta industria a “deficiente” ou “malo” o que afectará directamente aos ecosistemas dependentes da auga incluíndo a aqueles que sosteñen a economía da bacía do Ulla, como pode ser os recursos mariños que se explotan na ría de Arousa.

Polo tanto, sen coñecer as restrición aos usos existentes na bacía do Ulla, non se poden admitir
máis solicitudes de concesións para usos consuntivos a 75 anos sen poñer en perigo o estado de conservación destes e repercutir directamente na afección a espazos da Rede Natura próximos á
área como son “Sistema Fluvial Ulla -Deza” e “Sobreirais do Arnego” cos que conecta
ecoloxicamente a través da rede fluvial.

Outras deficiencias na avaliación de impacto ambiental sobre o medio hídrico da captación

O Artigo 3 da Directiva 2011/92/UE avaliación do impacto ambiental di que se identificará, describirá e avaliará de forma apropiada, en función de cada caso particular, os efectos directos e indirectos dun proxecto nos seguintes factores:
a) o ser humano, a fauna e a flora;
b) o chan, a auga, o aire, o clima e a paisaxe;
c) os bens materiais e o patrimonio cultural;
d) a interacción entre os factores contemplados nas letras a), b) e c).

No EIA non hai unha avaliación completa e xustificada de cada un destes puntos. Ademais, debería incorporar a análise doutros potenciais impactos/afeccións sobre o medio hídrico, tanto da obra de condución como de captación.

Ademais, deberíase avaliar dun xeito correcto se a modificación do réxime hidrolóxico que vai provocar a detracción é compatible cos obxectivos ambientais previstos para esta masa de auga e das zonas protexidas existentes.

O EIA non avalía correctamente as afeccións sobre a Rede Natura 2000 e as especies en perigo de extinción

O proxecto de captación omite que as tubaxes van seccionar a ZEC ES1110014 Serra do Careón por una zona considerada dentro da Zona 1 “Área de Protección” prevista no Plan Director da Rede Natura 2000 de 2012. Este Plan sinala o seguinte: “Considérase uso prohibido aquel contrario aos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000 e que, por conseguinte, leva consigo unha afección significativa sobre a integridade do espazo natural ou sobre o estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade (hábitats e especies protexidas)”.

O proxecto de captación de aguas do río Ulla para a factoría de Altri sepultaría numerosos afloramentos serpentiníticos con varias poboacións rexistradas de catro especies endémicas estritas. Todo isto, na inmediata proximidade das zonas onde se coñecen as maiores poboacións de ditas especies, zonas ameazadas a súa vez por potenciais cambios hidrolóxicos derivados da urbanización prevista e o déficit conseguinte de recarga dos acuíferos. Sen esquecer a problemática derivada da masiva e descontrolada eucaliptización das comarcas centrais de Galicia, que se vería potenciada pola citada instalación industrial, e que provocará a súa vez máis perda de hábitat desta flora ameazada. Compre citar taamén que o espazo delimitado como parcela industrial acolle tamén fauna catalogada como ameazada, nomeadamente moluscos terrestres, insectos, anfibios e aves de espazos abertos, grupos en recoñecido declive.

A peticionaria en absoluto considerou correctamente nin a presenza da maioría de taxóns
referidos nin a gravidade dos impactos potenciais sobre a súa conservación. Como exemplo citamos o caso dos tres endemismos serpentiníticos, Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis, os tres considerados “En Perigo de Extinción”. Na páx. 29 do EIA, recóllese que “En caso de ser necesario la eliminación de alguna zona para la construcción, se deberá valorar, en función de la superficie y la densidad, la posibilidad de trasplantar mediante el traslado con tepes de estas zonas a otras parcelas de la zona de estudio que también tengan suelos ultra básicos y se puedan dar unas condiciones mínimas de viabilidad”.

Sobre a degradación dunha zona de grande importancia edafolóxica a nivel mundial

A zona elixida para ubicar a factoría é un dos hábitats mais interesantes e raros de Galicia xa que se empraza directamente sobre afloramentos de rochas serpentiníticas. Trátase de rochas pouco frecuentes que se orixinan por alteración de rochas ultramáficas (ricas en minerais moi ricos en Fe e Mg). Esta especial orixe das serpentinitas e unha das causas da súa escasa presenza a nivel mundial.

Debido á intensa presión selectiva xerada por esas condicións edáficas tan particulares, os solos
serpentiníticos favorecen a especiación e a evolución de endemismos, contribuíndo a crear biotas
únicas a nivel mundial, tal e como sinalan numerosos estudos científicos.

Estes hábitats extremos, acapararon dende fai décadas a atención científica por ser importantes laboratorios de biodiversidade na natureza, exercendo grandes presións nas especies que as levan á selección evolutiva. Así, as plantas serpentinófilas están en equilibrio adaptativo a estas difíciles
condicións edáficas, as cales se engloban no termo “síndrome serpentinítico”. En xeral, estas especies mostran, tamén, un alto nivel de tolerancia á seca e de adaptacións a perturbacións meteorolóxicas extremas. Esta selección non é so sobre a vexetación, senón que outros organismos, como os fungos, líquenes e bacterias, tamén sofren a presión da selección, o que xustifica a alta riqueza xenética existente nestas áreas, as cales chegan a denominarse illas xeolóxicas/edáficas debido a este illamento litolóxico.

A implantación desta fábrica e as súas infraestruturas asociadas ignora totalmente moitas directrices ambientais, incluso a propia Lei de Protección da Paisaxe de Galicia, ou, entre outras, a Axenda 2030. Así, esta industria causará un impacto directo sobre o medio edáfico provocado pola construción das instalacións que precisa esta gran factoría, incluíndo a apertura de vías de comunicación, condutos de captación de auga, etc. Todo iso precisa de movementos de terra e ocupacións como desmontes, terrapléns, vertedoiros, zonas auxiliares… etc., provocando, obviamente, a destrución total dos solos sobre os que se pretenden asentar, principalmente por selado e erosión. Un dos principais e irreversibles impactos é a destrución do solo por selado (cementación) debido a construción das diferentes infraestruturas. Cando selamos o solo
para construír enciba, estamos perdendo de forma irreversible tódolos seus principais servizos
ecosistémicos, expoñendo a zona a inundacións mais graves e a efectos de illa térmica mais intensos.

Outro punto importante asociado a este proxecto de ALTRI é a utilización do eucalipto como materia prima da fábrica, xa que terá unhas connotacións ambientais e territoriais moi amplas xa que intensificará as plantacións desta especie exótica en Galicia. Dentro dos impactos importantes da alta proliferación de eucaliptos están os efectos sobre a dispoñibilidade de auga nos solos. Moitas recompilacións dos efectos medioambientais das especies de rápido crecemento sinalan a diminución da auga dispoñible tanto no solo coma na capa freática debido ás súas longas e amplas raíces, as cales permiten o seu rápido crecemento. Isto é mais acusado en primavera o que pode aumentar a seca edáfica da estación estival, afectando os caudais fluviais e ao réxime de incendios. Moitos destes traballos resaltan a importancia da proporción de bosque nativo na paisaxe para o mantemento axeitado dos réximes hídricos, recomendando o manexo en mosaico nos plans de ordenamento territorial.

Deficiente avaliación dos impactos do proxecto sobre a paisaxe e o patrimonio cultural

O proxecto afectaría gravemente o patrimonio cultural e paisaxístico da zona, polo tanto, consideramos que avaliación destes impactos non foi correcta debido ao impacto severo sobre algúns destes elementos como nos casos das mámoas do Monte Barazón polas que a entubaxe discorrerá xusto ao seu carón.

É fundamental subliñar tamén a proximidade ao Camiño de Santiago (Camiño Francés) fai que o
proxecto impacte directamente sobre este singular elemento (BIC e Patrimonio Inmaterial da UNESCO) nunha zona cun importante número de recursos turísticos asociados ao Camiño. Esa proximidade ten xerado unha relevante infraestrutura turística, cuxa continuidade pode poñerse en risco e afectar gravemente á economía local. A este respeito, o EIA non se pode por menos que considerar incompleto, xa que o Camiño de Santiago pasa a 2 km da ubicación prevista para a factoría e as súas infraestruturas asociadas.

Polo referido á paisaxe, tal e como recollen a día de hoxe as normativas aplicables na materia, esta é un elemento esencial no benestar e calidade de vida das persoas, formando parte do noso patrimonio natural e cultural. A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, que ordena aos poderes públicos velaren no ámbito da súa competencia e da natureza de cada territorio a que “se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe”, entendida dita protección da paisaxe como “todas aquelas accións que teñan como fin a preservación e conservación dos elementos máis significativos e característicos dunha paisaxe, xustificados polo seu valor patrimonial como resultante da súa configuración natural ou da intervención humana sobre o medio”.

As instalacións desta factoría serán visibles polas persoas que transcorran polo Camiño Francés, e
afectan claramente á paisaxe (existen varias as áreas de interese paisaxístico -AEIP- na contorna,
algunhas delas moi preto da área de afección, como son a AEIP Castelo de Pambre e a AEIP Mourazos e Monte San Xurxo, e á perspectiva que se percibe desde aquel, provocando un impacto directo. Mais tamén habería que salientar as afeccions indirectas provocadas pola factoría, asociadas ao cambio nos usos do solo (eucaliptización), perdéndose a harmonía da paisaxe do Camiño de Santiago e as características que conforman e aportan entidade ó territorio.

Alegacións completas

    Deixar un comentario