150.000€ a dedo na Deputación da Coruña para unha entidade instrumental con 25 socios

0F-PPConvenio: Proxecto Experimental de Compostaxe Doméstica con AGADES (Asociación Galega de Desenvolvemento Social) entidade sen experiencia nen traxectoria ambiental

ADEGA vén de coñecer que A Deputación da Coruña aprobou a sinatura dun convenio de colaboración coa entidade AGADES (Asociación Galega de Desenvolvemento Social) por un importe total de 170.000€, achegando a entidade provincial 150.000€. O obxecto é desenvolver unha actividade denominadaProxecto experimental de compostaxe doméstica. Promoción, difusión e implantación”.

Unha entidade sen traxectoria ambiental e con estranos vencellos

A devandita entidade, AGADES, fundada en 2009 e con 25 socios, adícase segundo os seus estatutos á “xestión de servizos e recursos, promoción de estudos e realización de actividades”, isto é, á subcontrata de servizos mediante subvencións e convenios coas distintas administracións. A única actividade pública rexistrada desta entidade a adxudicación en 2012 dun contrato negociado sen publicidade de 40.760€ por parte da consellaría de Traballo para un “Servizo de asesoramento a xóvenes na creación de empresas e emprego comprendido na segunda fase do proxecto ‘EMPRENDE’, acollido á segunda convocatoria do programa de cooperación territorial España-Portugal (POCTEP)”. Nada se lle coñece no eido da educación ambiental, a ecoloxía e o medio ambiente.

Através das distintas bases de datos de información empresarial e contratos públicos, puidemos coñecer que a persoa que figura como tesoureira de AGADES actuou como apoderada da entidade FESAN, unha empresa (ao parecer vencellada ao Opus Dei, como denunciou recentemente a CIG) prestadora de servizos do máis variado, e que acaparou unha manchea de contratos de administracións públicas nos últimos anos, por un montante de varios millóns de €.

As advertencias da Intervención provincial, ignoradas

No tocante ás características deste convenio da Deputación da Coruña con AGADES, o informe da Intervención do ente provincial é demoledor. Entre outras cousas, sinala:
“A entidade manifesta que o número de socios é 25, polo que tendo en conta que o importe proposto da subvención ascende a 150.000€, o importe por socio sería de 6.000€”.
“O coeficiente da subvención é do 88,33%, polo que supera o límite do 80% na base 50 das que rexen os vixentes orzamentos, sen que se acrediten os motivos excepcionais de interese público que xustifiquen tal financiamento”.
“Dada a importancia do importe das prestacións así como a súa relevancia económica, podería valorarse que foran realizadas pola Deputación dentro do marco dunha experiencia piloto”.

Favoritismo descarado e uso fraudulento de cartos públicos

E sobre o contido do convenio, queriamos lembrar á Deputación da Coruña que o de “proxecto experimental” sobraría, pois o ente provincial vén realizando programas de compostaxe doméstica através de convenios con concellos, entidades ambientalistas e mesmo con SOGAMA. Se o que quere é darlle un pulo á compostaxe, por que non convoca un concurso público aberto, con bases obxectivas, para que todas as ONGs poidamos participar en pé de igualdade, experiencia e capacidade? Ou por que non desenvolve o programa a propia Deputación co seu proprio persoal técnico, como sinala o informe de intervención? Para ADEGA este convenio é un claro exemplo de uso discrecional e impropio de cartos públicos co obxectivo de favorecer a unha determinada entidade.

Por todo o país e dende hai anos, diversos colectivos vimos promovendo e realizando numerosas actividades de compostaxe caseira e comunitaria en colaboración con concellos, mancomunidades, deputacións, Xunta, universidades… Achegamos a nosa dilatada experiencia no eido da educación ambiental, unhas probadas metodoloxías, un seguemento “porta a porta” con controis de calidade validados polas universidades e uns resultados óptimos. Ignorar todas esas experiencias e traballo previo para beneficiar “a dedo” a unha entidade instrumental modelo “FEGAMA” di ben pouco do compromiso da Deputación da Coruña coa eficiencia e o bo uso dos recursos públicos.

Se a Deputación Provincial persiste en seguir adiante con este vergoñento convenio, poñeremos o caso en coñecemernto da Fiscalía Anticorrupción do TSXG para que depure as eventuais responsabilidades polo que consideramos un manexo espúreo, discrecional e fraudulento dos cartos públicos.

Descargas

adega

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s