O río Gafos declarado Espazo Natural de Interese Local

foto_2010

DOG Núm. 236Mércores, 11 de decembro de 2013

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 25 de novembro de 2013 pola que se declara de xeito provisional como espazo natural de interese local o Río Gafos, no concello de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra propuxo, á consellería con competencias en materia de conservación da natureza, a declaración como espazo natural de interese local (ENIL en diante) da paraxe denominada Río Gafos, no termo municipal de Pontevedra. O Concello acompañou a súa solicitude dunha memoria e do Acordo do Concello. A memoria cumpre e axústase ao establecido no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, e o Acordo do Concello presentado o 1.4.2011 contén o compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e elaborar o plan de conservación.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 258, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro), (LRXAP-PAC) e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece o ENIL como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que por petición do Concello e logo de informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non significa a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería con competencias en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, e deben presentar dentro deste prazo os promotores, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL, o plan de conservación deste espazo.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, a S.X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a entidade pública empresarial Augas de Galicia, a S.X. de Medio Rural e Montes; de igual xeito, e de acordo co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedeuse a notificar o procedemento aos seguintes interesados:

– Notificación Comunidade de Usuarios Igrexa-Salcedo (28.2.2012).

– Notificación Comunidade de Usuarios Veiga da Fonte (10.4.2012).

– Notificación a Victoriano Barcala Cortés (28.2.2012).

– Notificación á Asociación Vaipolorío (10.4.2012).

Dos informes recibidos resulta que:

– O espazo é merecente da protección dos seus valores naturais, conforme di o informe preceptivo do 21.7.2011, do Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, pola presenza de hábitats de interese natural e de especies asociadas a eles.

– O informe favorable do 25.1.2012, da S.X. de Medio Rural e Montes, certifica que a zona de declaración non afecta ningún monte veciñal en man común nin catalogado como de utilidade pública.

– O informe preceptivo da S.X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.1.2012, pon de manifesto que o ámbito da zona de declaración que figura na memoria está asociado a solos coa condición de solo rústico de protección de augas, contida no Plan xeral de ordenación municipal de Pontevedra, e incluídos no dominio público hidráulico, nun corredor ecolóxico. Por outra banda, e de acordo co Plan de ordenación do litoral de Galicia (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro) resultan uns usos e actividades permitidas de acordo cos artigos 56 e 57.

– O informe da entidade pública empresarial Augas de Galicia, rexistrado o 20.2.2012, fai as seguintes consideracións, que serán tidas en conta na planificación e xestión do espazo:

1. A zona de servidume e a zona de policía teranse en conta á hora de planificar calquera actuación no espazo, de acordo coa Lei de augas e o RDPH.

2. Na zona onde se pretende declarar o ENIL, existen as seguintes concesións administrativas de auga:

• Comunidade de Usuarios Igrexa-Salcedo.

• Comunidade de Usuarios Veiga da Fonte.

• Victoriano Barcala Cortés.

3. Calquera actuación nas marxes, ribeiras e leito, así coma calquera tipo de vertedura, requirirá a autorización da Administración hidráulica.

Con data do 5 de novembro de 2012 (DOG núm. 210) publícase a Resolución do 17 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Río Gafos, pertencente ao concello de Pontevedra.

No período de información pública, rexístranse dúas alegacións, unha da Comunidade de Usuarios de Veiga da Fonte e outra da Asociación Vaipolorío.

Unha vez notificadas ao Concello de Pontevedra, este tenas en conta e presenta con data do 8 de outubro de 2013 uns novos límites do ENIL.

A presente orde ten por obxecto declarar, de xeito provisional, o lugar Río Gafos, no concello de Pontevedra, como ENIL, unha vez constatadas as singularidades que presenta e que o fan merecente da protección dos seus valores naturais.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Declaración provisional

Declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local o espazo Río Gafos, no termo municipal de Pontevedra, por proposta do Concello de Pontevedra.

Artigo 2. Plan de conservación

Durante o prazo da declaración provisional de Río Gafos como ENIL e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello de Pontevedra deberá achegar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza o plan de conservación deste espazo.

O plan de conservación que se elabore deberá ter en conta as consideracións feitas pola S.X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, recollidas na parte expositiva desta orde. Deste xeito, considerarase a normativa anteriormente referida.

No caso de que o Concello de Pontevedra non achegue o Plan de conservación do espazo natural Río Gafos no prazo sinalado, terase por desistido da súa solicitude de declaración e producirase desde ese momento a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

Artigo 3. Límites

A extensión e límites do espazo natural de interese local Río Gafos, son os sinalados no anexo desta orde.

Artigo 4. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do ENIL Río Gafos suporá a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL Río Gafos levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 5. Xestión

1. Será responsabilidade e competencia do concello de Pontevedra a xestión do espazo natural Río Gafos.

2. O concello comprométese a consignar con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e emprender as medidas de xestión necesarias.

Artigo 6. Efectos

1. A declaración provisional do Río Gafos como ENIL non leva implícita a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisional do Río Gafos como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A zona obxecto desa declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

Artigo 7. Extinción

1. Mediante orde do conselleiro con competencias en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración provisional do Río Gafos como ENIL se desaparecesen as causas que motivaron a protección deste espazo e non fosen susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional do Río Gafos como ENIL no suposto recollido no punto segundo desta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

logovpr

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s