A Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia denunciaron que hai cans sen control na Frouxeira, en Valdoviño. Isto fai perigar e provoca o abandono de aves migratorias.
A presenza diaria de numerosos cans soltos e sen control na praia, sistema dunar e na lagoa da Frouxeira, no municipio de Valdoviño, está provocando “graves efectos nas aves migratorias”, segundo denunciamos os dous colectivo. Esiximos “unha aplicación rigorosa” da lexislación vixente e que se empregue unha “interpretación coherente” co espírito do plan de conservación da zona húmida, elaborado pola Consellería de Medio Ambiente.
A través dun comunicado, ambas as dúas entidades advirten de que desde que a presenza canina se fixo regular, algunhas especies “foron abandonando o areal”, como o “playero común (calidris alpina) ou o “ostrero (Haematopus ostralegus)”. Outras aves limícolas que aínda manteñen poboaciósn invernantes “tiveron que mudar os seus hábitos de alimentación e descanso”.
Deste xeito, as “permanentes molestias” que sofren dos cans “foron cambiando progresivamente” os seus reposadoiros de preamar na praia de Lago e agora vense obrigadas a voar cara á costa próxima ou ao illote da Percebelleira, onde encontran “a tranquilidade necesaria para o repouso”.
Na baixamar, período de alimentación nos intermareais da Frouxeira, as aves soportan tamén “un constante acoso” dos cans, o que lles “xera unha molestia grave, que incluso pode afectarlle á súa supervivencia, polo constante gasto enerxético que necesitan para voar para fuxir dos ataques sen apenas alimentarse”.
Un ornitólogo da SGHN comprobou o pasado domingo a situación que viven estas aves, o que acreditou con fotos. Indica que hai cans que chegaron a dedicar “media hora” a perseguir especies e chegando a afastarse ata un quilómetro do seu dono.
Neste contexto, as entidades ecoloxistas critican a “desidia” das autoridades no apartado informativo, concienciador e sancionador, o que fai que os ornitólogos “se vexan obrigados a informar os propietarios das mascotas que deben levar os cans coa correa” e que teñen que “impedir que espanten as aves”.
