Vai de Roteiros! pola serra do Xistral

Panorama_Cadramón1

O próximo domingo 15 de xuño terá lugar unha nova edición do noso programa VAI DE ROTEIROS!. Esta vez será un roteiro pola Serra do Xistral.

Datos principais:

Hora de saída: 09:00 h na escalinata de Correos en Ferrol para coller o bus

Hora de regreso: 20:30 h

Distancia: 13,9 km

Duración: 6,5 horas

Concellos: Muras, O Valadouro

Dificultade: media-alta

Prezo: aínda por determinar (en función do transporte)

Comida e bebida: cadaquén levará a súa

Roupa cómoda, bota de montaña ou trekking, bastóns

Teléfonos para inscribirse: 661636946 (Miguel) e 616039268 (Antom)

Prazo de inscrición: ata o 12 de xuño.

Elementos de interese:

Paisaxe de montaña, regos, brañas, turbeiras, fragas, gado salvaxe, fauna e flora peculiares.

Proteccións:

Rede Natura 2000, LIC “Serra do Xistral” (ES1120015), cunha superficie de 22.480,98 Ha. O estudo sobre a biodiversidade destas serras establece un total de 25 hábitats diferentes, agrupados en 6 apartados.

Ameazas e agrasións:

Parques eólicos, concentracións parcelarias, pistas asfaltadas, minería, eucaliptización, abandono do medio rural, feísmo arquitectónico, vehículos 4×4, falta dun plan de ordeación serio dos recursos naturais.

Percorrido:

Partindo do lugar dos Coruxos, na parroquia do Viveiró (Muras), atravesaremos o sector Norte do espazo natural en dirección Oeste-Leste, rematando na Capela de Santa Filomena (séculos IX-X), no lugar do Campo (parroquia de Cadramón, concello do Valadouro). No camiño subiremos ao pico Cadramón, o máis alto da serra con 1056 m (datos do Sigpac). Dende aquí o resto do percorrido será en descenso.

A Serra do Xistral permitiranos gozar dunha paisaxe de montaña relativamente ben conservada, se exceptuamos a instalación de varios parques eólicos, cuxo impacto máis evidente é o visual, aínda que ten outros de maior alcance como a apertura indiscriminada de pistas (moitas delas asfaltadas), con graves afeccións aos hátitats de turbeiras.

A importancia do espazo natural nos ámbitos xeomorfolóxico e botánico, sobre todo, é excepcional. Entre os grandes valores naturais do Xistral están os numerosos hábitats turbosos, entre os que destaca a maior concentración de turbeiras de cobertor da Península Ibérica. Numerosos ríos, algúns deles importantes, teñen o seu nacemento e cabeceira nestas montañas, como é o caso do Eume e os cantábricos Landro, Ouro e Masma.Durante o percorrido atravesaremos diferentes tipos de hábitats: fragas, piñeirais, uceiras, as citadas turbeiras, etc.

Fauna e flora

Entre a fauna destacan especies “relictas” como dúas especies de bolboretas do xénero Erebia (para as que se describiron subespecies endémicas do Xistral), o neverón (Chyonomis nivalis) ou a lagartixa das brañas (Lacerta vivipara), que ten nesta serra unha das poucas localidades de presenza en Galiza e que conforman o seu límite occidental de distribución mundial.

Posúe unha interesante herpetofauna, con poboacións de saramaganta (Chioglossa lusitanica), lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) ou lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), ademais da xa citada lagartixa das brañas. Constitúe, así mesmo, unha fronteira natural entre dúas subespecies de sacabeiras, a Salamandra salamandra gallaica e a S. s. bernardezi, que podemos atopar na serra nas súas formas típicas e híbridas.

Entre as aves, vense especies propias de zonas abertas como a curuxa das xunqueiras (Asio flammeus), as rapinas como tartarañas (Circus ssp.) e voitres leonado (Gyps fulvus) e negro (Aegypius monachus), ou de zonas húmidas, como a arcea (Gallinago gallinago). Outras especies destacábeis son o mío (Carduelis spinus), o picanzo vermello (Lanius collurio), o picanzo real (Lanius excubitor) e a papuxa montesa (Sylvia undata). Atópanse tamén interesantes especies de carnívoros como o lobo (Canis lupus), o gato bravo (Felis sylvestris), a algaria (Genetta genetta), a donicela (Mustela nivalis) ou o turón (Mustela putorius).

Como exemplo da fabulosa biodiversidade destas serras, baste citar un recente estudo da Universidade de Vigo, que cataloga 57 especies de coleópteros acuáticos. Outro estudo da Universidade de Valencia conclúe que a Serra do Xistral contén unha enorme diversidade de brións do xénero Sphagnum, entre os que deben resaltarse especies raras como Sphagnum molle (VU) e, sobre todo, S. pylaesii (incluído no Anexo II da Directiva Habitat), circunscrita ao cadrante NW da península.

verdegaia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s