Autovía A-76: Monumento á irracionalidade e ao desbaldimento de cartos públicos

Cartaz_A-76A cantidade de tráfico recomendada pola Unión Europea para realizar un desdobramento de estrada de 2 a 4 carrís é de 10.000 a 15.000 vehículos diarios (IMD). Ningún dos treitos do trazado entre Ourense e Ponferrada acada o tráfico mínimo necesario para proxectar un desdobramento de calzada.

Porén, no Estudo de Impacto Ambientel (EIA) non aparece dato algún referente á intensidade do tráfico pola actual estrada que xustifique o seu desdobramento en autovía. Perante esta flagrante ocultación de datos, ADEGA procurou información de fontes oficiais por outras vías. Así despois de navegar pola web do Ministerio de Fomento, atopamos información sobre a densidade do tráfico nesta ligazón.

Os dados de densidade de veículos entre Ourense e Ponferrada están moi por baixo do recomendado pola UE e reforzan a falta absoluta de xustificación do proxecto de autovia A-76 (ver táboa).  É máis, no actual marco de crise económica a densidade de tráfico nos 4 puntos de control dos que hai datos, descendeu un 10%, a metade no último ano analisado (2012). A tendencia, polo tanto, é á baixa.

A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, en risco

Ninguén dubida da tremenda importancia da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, proposta apoiada por institucións, entidades sociais, colectivos ecoloxistas, cidadanía… Mais o que non resulta tan coñecido (ou non se quere ver) é que os proxectos que danan o Patrimonio Cultural, a Paisaxe e máis ao Patrimonio Natural poden ocasionar a non concesión da declaración ou a retirada desta logo de ser concedida.

Neste senso, a UNESCO é taxativa: “Os materiais físicos do ben e/ou as súas características significativas deben encontrarse en bo estado e o impacto dos procesos de deterioro debe estar controlado” (Directriz 89). Polo que atinxe aos valores naturais, para a UNESCO “os procesos biofísicos e as características da terra deberán estar relativamente intactos”, e as actividades que no espazo se desenvolvan deben “estaren en harmonía co Valor Universal Excepcional da área e seren sustentábels dende o punto de vista ecolóxico” (Directriz 90).

Deficiencias ambientais: Un estudo de impacto incompleto e sesgado

As eivas detectadas por ADEGA no EIA foron as sequintes: -Falta de estudo da incidencia nos espazos propostos para formar parte da Rede Natura 2000, entre os que se atopan territorios susceptíbeis de formar parte do Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra.
-Carencia absoluta de datos de especies protexidas fóra dos espazos da Rede Natura 2000 apesar de que se sinalan probas da súa existencia.
-Carencia de mostraxes, transectos e da aplicación doutras ferramentas utilizadas amplamente neste tipo de estudos para detectar a presenza de vexetación prioritaria e especies de flora protexida.
-Carencia de todo tipo de mostraxes sobre fauna protexida e estudo da súa afección polo proxecto.
-Falta de estudo específico dos pasos de fauna
-Disconformidade coa baremación da natureza dos impactos ambientais xerados en treitos específicos de alto valor ambiental, para os que os estudo recoñece afeccións severas, como no treito de Biobra.

Os postos de traballo como excusa: Outra falacia

Estas infraestruturas inúteis véndense como xeradoras de portos de traballo sen datos que o xustifiquen. Na maioría dos casos provocan unha incidencia negativa nas comunidades atravesadas polo trazado. No caso da A-76, non só non se contabilizou a redución da actividade económica nos sectores da hostalería, servizos ou talleres, tampouco se contabilizaou o lucro cesante provocado na Ribeira Sacra pola eventual denegación por parte da UNESCO da declaración de Patrimonio da Humanidade.

As obras públicas innecesarias: Un paraíso para a corrupción

Nas obras públicas, a corrupción e a política de sobrecustes son o xeito normal de funcionamento. A “gran corrupción” está directamente relacionada coas obras públicas demostradamente innecesarias ou sen xustificación da súa necesidade.

Ademáis do gasto na súa construción (neste caso máis de 1200 millóns de €) e mantemento (de entre 20.000 e 45.000€ por km e ano, máis de 3 millóns de € cada ano), cómpre ter en conta que os recurtes nos servizos públicos están intimamente ligados ao desbaldimento nas obras públicas innecesarias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s