A Audiencia Nacional rexeita o contencioso administrativo interposto pola Federación Ecoloxista Galega contra a Autovía A-54

tg_carrusel_cabecera_grandeA pasada semana, a Audiencia Nacional (AN) ditou sentenza desestimando o contencioso-administrativo que a FEG presentou contra o trazado definitivo da autovía A-54, que no seu treito entre Arzúa e Palas de Rei, vai atravesar o corazón do espazo da Rede Natura 2000 Serra do Careón, afectando a tres especies vexetais en perigo crítico de extinción.

A base do contencioso parte do feito de que o estudo de impacto ambiental a partir do cal se escolleu un dos posíbeis trazados para esta infraestrutura contiña numerosos erros e imprecisións (como indicar a presenza na zona de plantas que non existen en Galiza) ou ausencias (non se mencionaba ningunha das 3 especies vexetais únicas no mundo que medran neste espazo), de xeito que todo o proceso de avaliación de impacto ambiental está viciado.

Como apoio ao contencioso, a FEG presentou un informe pericial onde investigadores da Universidade de Santiago de Compostela certifican que, de entre as tres alternativas de trazado consideradas polo Ministerio de Fomento, o escollido para a A-54 é o mais lesivo para a conservación da biodiversidade en Galiza, deixando en evidencia o escaso valor e calidade de todo o proceso que rodea a toma de decisións sobre esta infraestrutura.

Na súa sentenza, a AN recoñece a calidade deste informe pericial, mais asume outros argumentos, entre eles o económico, para desestimar o contencioso presentado pola FEG. Con esta sentenza, que tamén obriga á FEG a pagar as custas do proceso xudicial, a AN súmase a outros poderes da Comunidade Autónoma e do Estado que dan o visto bó a destruir un espazo único dentro da xa precaria Rede Natura 2000 galega para incrementar a hipertrofiada rede galega de vías de alta capacidade.

Tendo os poderes políticos e xudiciais esquecido o seu deber de protexer o ben común, os colectivos ecoloxistas e a sociedade civil da que fan parte fican sós na defensa da biodiversidade galega.

Pechadas todas as vías no estado, a FEG continuará na súa defensa da Serra do Careón, e buscará outros apoios para, se é viable, levar este caso até o Tribunal de Xustiza da UE, que nun caso similar recentemente botou abaixo unha autoestrada que afectaba á RN2000 en Holanda.

Algúns datos sobre a Serra do careon e a Autovía A-54

O LIC Serra do Careón ocupa arredor de 6500 Ha. O Plan Director da RN 2000, recentemente aprobado pola Xunta, determina que só o 22% do LIC está dentro da Área de Protección (zona 1), definida pola Xunta como “aquela que se estrutura sobre territorio cun valor de conservación moi alto”.

A alternativa escollida para a autovía A-54 secciona transversalmente o LIC nun treito de aproximadamente 3 Km, dos cales 1570 m afectan a zona 1. 1,7 Km do trazado escollido discorren pola área proposta pola Xunta para a ampliación da Rede Natura 2000 na zona.

Na Serra do Careón están presentes 6 especies vexetais catalogadas como En Perigo de Extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Tres destas especies (Santolina melidensis, Armeria merionoi e Leucanthemum gallaecicum) teñen na Serra do Careón a súa única localidade mundial.

A alternativa escollida para a autovía afecta directamente a 3 especies En Perigo de Extinción, ben por eliminación directa de exemplares, ben por efecto barreira que pon en perigo a pervivencia dun núcleo prioritario de conservación..

Unha das causas da elevada biodiversidade da Serra do Careón é a presenza dun tipo raro de rochas, coñecidas como serpentinitas, que dentro do Estado aparecen só na zona da Capelada, Careón (estas dúas en Galiza) e Sierra de Bermeja (Málaga).

O trazado escollido afecta a 4.5 km deste tipo de rochas, degradando un tipo de substrato que constitúe menos do 0,2% da superficie galega.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s