ADEGA insta ao Concello a retomar o compromiso coa planta de compostaxe de Lugo

contedores_2En Lugo estamos a sufrir a visión pública do noso lixo. A folga dos traballadores/as debruzounos bruscamente perante os nosos residuos. ADEGA non formula o problema en termos do noxo que produce ver todo o que desbotamos da nosa vida, para as nosas rúas, mas si debemos facer fincapé na cantidade de lixo producimos. Canto e que caro nos sae! Caro en saúde, en estética, en recollida e en limpeza.

Se observamos o lixo que anda estrado pola cidade, veremos que, o que máis cheira e o de maior risco para a saúde é o de procedencia orgánica. Desde ADEGA consideramos que este lixo podería e debería ser reciclado para producir compostque se aproveitase no abono de terras e, por tanto, para cumprir co mandato da natureza: a circulación da materia e da enerxía. Nos ecosistemas, os residuos de calquera actividade viva resultan ser sempre aproveitables por outra actividade. Os humanos urbanos perdemos ese saber e tiñámolo non hai tanto tempo.

Camiñando cara á compostaxe

O lixo orgánico representa aproximadamente o 50% do conxunto de residuos que producimos. Temos na nosa man utilizalo como recurso, recolléndoo e tratándoo nunha planta de compostaxe. O Concello de Lugo aínda ten pendente por cumprir o compromiso que adoptou en pleno, no ano 2010, de construír unha planta de compostaxe para a comarca. Un compromiso similar ao que adoptou a Xunta de Galiza no actual Plan Galego de Residuos no que promove a construción de varias plantas de compostaxe por todo o territorio galego. Alén disto, xa están a aparecer iniciativas por parte doutros concellos galegos nesta dirección. Por exemplo, o concello de Pontevedra (BNG) e a Deputación provincial (PP) xa asinaron un acordo para impulsar a construción dunha planta para a xestión da materia orgánica da provincia. En Lugo, mesmo non caberían atrancos por mor de diferenzas políticas, polo que o camiño cara á compostaxe semella máis doado.

Desde hai varias décadas, ADEGA aposta pola reciclaxe e a compostaxe fronte a incineración. Pero a recente subida de Sogama do canon do lixo no 34%, facendo máis cara a súa recollida e tratamento, xunto coa ineficiente xestión dos residuos que se está levar a cabo na maior parte do país e que cada día é máis palpable, fixo que ADEGA relanzase de novo a súa campaña a prol da compostaxe propoñendo a adopción de cambios e de medidas en todos os concellos que teñan manifestado vontade na busca dunha solución.

No caso de Lugo, cremos que é o momento de apostar pola compostaxe e a todos os niveis, ben sexa para o tratamento da materia orgánica da comarca nunha planta de compostaxe, ben sexa para o tratamento do lixo orgánico domiciliario, a través da compostaxe caseira. Deste xeito, reduciríamos cando menos o 50% o volume do lixo que trasladamos a Sogama e poderíamos reutilizar o residuo como compost.

Máis postos de traballo!

Ademais disto, estamos certos de que a compostaxe dá moitos máis postos de traballo que a incineración, xa que se precisa dunha mellor recollida selectiva, máis que dunha tecnoloxía cara. En Galiza xa temos experiencias, como a da planta de Lousame do Barbanza, na que se conseguen taxas de recuperación de máis do 34% e onde fai falla un traballador/a por cada 380 Tm de lixo; mentres que en SOGAMA hai un empregado/a por cada 2.496 Tm. Estamos a perder a oportunidade de crear 2.300 empregos directos.

ADEGA non pode deixar de lembrar que o actual sistema de xestión de residuos de Lugo, que é o mesmo que o de Sogama, está a danar grandemente a nosa contorna, emitindo gases tóxicos e contaminando os acuíferos. Por iso instamos ao concello de Lugo a mudalo cara outro sistema máis rendible, eficaz, descentralizado e de proximidade que implique a reutilización efectiva dos nosos residuos, que xere postos de traballo na cidade e que leve aparelladas campañas eficaces de educación ambiental (ou de sensatez) para que reduzamos máis os nosos residuos.O mellor lixo é aquel que non se produce.

adega

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s