O proxecto de ENDESA de modernizar os desaugadoiros do encoro da Capela, alonga a vulneración da lexislación hidrolóxica

EncoroCapelaO proxecto de “Modernización dos desaugadoiros de fondo da presa” presentado por Endesa Generación S.A. prolonga a vulneración da lexislación en materia hidrolóxica. Amosa tamén unha deficiente caracterización e cubicación dos sedimentos depositados no muro do encoro, logo de décadas de explotación da mina de As Pontes. ADEGA, FEG, Ríos con Vida-AEMS e Verdegaia instan á Administración a condicionar a aprobación da declaración de impacto ambiental a que se garanta o cumprimento do caudal ecolóxico preciso para o normal desenvolvemento da vida no río Eume, así como á completa caracterización cualitativa e cuantitativa dos sedimentos susceptíbeis de seren mobilizados para evitar o risco elevado de contaminacións no río Eume.

Os pasados días someteuse ao trámite de información ambiental o proxecto de “Modernización dos desaugadoiros de fondo da presa do Eume, situada nos concellos de Monfero, As Pontes e A Capela”. Aínda que este proxecto supón o recoñecemento tácito por parte de Endesa Generación S.A. do incumprimento reiterado da lexislación de augas e de pesca fluvial e, consecuentemente das condicións da concesión do aproveitamento hidroeléctrico, no proxecto afírmase que “o establecemento, revisión e control dos caudais ecolóxicos quedan fóra do ámbito do presente Estudo de Impacto Ambiental”, prolongando a vulneración da lexislación ambiental.

Despois de 38 anos cun treito do río Eume totalmente curtocircuitado, a actual concesionaria ten o imperativo legal de desaugar o caudal ecolóxico fixado na regulamentación vixente, e actualizalo segundo as novas determinacións de caudais ecolóxicos que Augas de Galiza está a elaborar para as bacías de Galiza-Costa. Por este motivo instamos á Administración a condicionar a aprobación da declaración de impacto ambiental ao cumprimento estrito por parte da concesionaria do caudal ecolóxico preciso para o normal desenvolvemento da vida no treito do Eume entre o encoro da Capela e a central hidroeléctrica.

Destacamos que os sedimentos depositados no muro do encoro, logo de décadas de explotación da mina de lignito pardo de As Pontes, non fican correctamente caracterizados na documentación achegada pola peticionaria. Ao longo de toda a vida útil da mina, Endesa verteu no Eume non só as augas de escorrentía da explotación mineira e as augas procedentes da estación depuradora, senón tamén unha serie de reactivos e substancias perigosas. Esta deficiente caracterización dos resíduos pode supoñer por un lado, que os resíduos mineiros extraídos do vaso do encoro sexan trasladados a un vertedoiro inadecuado; por outro, existe un risco elevado de mobilización, especialmente dos metais pesados, durante os labores de extracción dos sedimentos que poderían contaminar o río Eume.

Queremos manifestar tamén as nosas dúbidas sobre a correcta cubicación dos sedimentos a extraer (1200 m3 do vaso e 30-40 m3 dos condutos de desaugue do fondo).  A Administración debería considerar a posibilidade de que logo de “liberados” os desauges do fondo do encoro da masa de sedimentos que os atora, parte dos materiais presentes no vaso e non extraídos poderían remobilizarse polo efecto de arrastre causado polo fluxo de fondo.

Para evitar os riscos, a Administración debería esixir da peticionaria, con carácter previo a calquera autorización, unha completa caracterización cualitativa e cuantitativa dos sedimentos susceptíbeis de seren mobilizados unha vez estean operativas as válvulas de fondo.

adega

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s