Aberto expediente a ENCE por obras ilegais

Con data 2 de outubro do ano en curso, recibimos na Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) notificación dunha Resolución da Alcaldía do Concello de Pontevedra en relación con certas obras realizadas por ENCE no recinto industrial de Lourizán, obras que no seu día foran denunciadas pola APDR á Policía Local por entender que se estaban a realizar sen a preceptiva licenza municipal.

De acordo coa resolución adoptada pola Tenencia de Alcaldía, as obras consisten na substitución de depósitos soterrados e confírmase que ENCE está a realizar estas obras sen ter solicitado sequera o permiso correspondente ao Concello de Pontevedra, incumprindo así o disposto na Lei 9/2002 de ordenamento urbanístico e protección do medio rural de Galicia e no Decreto 28/99 polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia.

Na súa parte resolutiva o Concello ordénalle a ENCE a suspensión inmediata das obras e a retirada da maquinaria coa que se están a levar a cabo, advertíndolle que –de non facelo no prazo das 24 horas seguintes á da recepción da comunicación- disporá o precinto da obra e a retirada do material e maquinaria correspondente. Ao tempo, o Concello inicia a tramitación dun expediente de “reposición da legalidade urbanística” sen prexuízo da posíbel incoación do correspondente expediente sancionador polas citadas obras.

En calquera caso, o Concello –en base ás informacións recollidas pola Policía Local na fábrica de Lourizán- considera que as obras son legalizábeis por se tratar da substitución dunha fosa séptica, un extremo que está sen comprobar e que non concorda coa información achegada por terceiras persoas á APDR. De acordo coa información en poder da APDR –que foi facilitada con data 9/9/2014 ao Servizo de Disciplina Urbanística do Concello de Pontevedra- os depósitos substituídos –cando menos na súa totalidade- non están destinados á recollida de vertidos fecais, senón de vertidos de residuos industriais de natureza química, o que suporía a realización de obras non legalizábeis e, xa que logo, a apertura inmediata dun expediente sancionador contra ENCE.

Desde a APDR –e con independencia do curso dos acontecementos e das decisións que poidamos adoptar no que á interposición de recursos se refire- queremos chamar a atención sobre un feito que consideramos de enorme gravidade. Unha vez máis, a empresa ENCE actúa incumprindo a normativa legal coa prepotencia do que se sabe protexido pola administración, por unha administración coa que mantén relacións moi estreitas e da que agarda a concesión dunha prórroga da actividade por 50 anos máis na Ría. Por que ENCE despreza a Lei, despreza o medio ambiente e despreza á xente que ten o seu medio de vida na explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, do monte e do turismo. E as administracións, todas elas, teñen a obriga de impedir este comportamento. Desde a APDR esiximos ao Concello de Pontevedra a sanción drástica aos directivos de ENCE polo incumprimento da lexislación e aos gobernos autonómico e central que cumpran coa legalidade e impidan que ENCE continúe a destruír a nosa Ría, a nosa economía, e a nosa saúde e calidade de vida, negándolle calquera prórroga á súa actividade ilegal e contaminante. Pola nosa banda, seguiremos a loitar por todas as vías ao noso alcance contra este despróposito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s