O Colectivo Ecoloxista do Salnés solitica a revisión do PXOM do Grove

O Colectivo Ecoloxista do Salnés presentou 17 alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Grove e ao Informe de Sostibilidade Ambiental asociado, que estivo a exposición pública ata hoxe.

De xeito xeral, neste documento de alegacións, o CES solicita ao Concello que refaga o PXOM, analizando as numerosas alegacións presentadas por veciños e asociacións, e que ese novo PXOM sexa exposto ao público de novo.

Dun xeito máis específico o CES alegou a:

– O cálculo de aumento de poboación está sobreestimado xa que, entre outros erros, inclúen as prazas hoteleiras e de cámping como poboación estacional con necesidades de vivenda. O aumento en máis de 4000 vivendas axústase máis aos intereses inmobiliarios que ás necesidades dos veciños.

– Na descritiva do medio non se fai referencia a elementos naturais moi destacables, como a duna rampante de Feáns, de grande interese xeomorfolóxico, nin se citan a dúas especies de plantas de distribución moi restrinxida (Cistanche phelipaea e Alyssum gallaecicum, esta última incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas). Tampouco se cita nin se cartografía a recen creada Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Espacio Marino de las Rías Baixas”.

– No tocante á afectación do PXOM ao espazo protexido Zona de Especial Conservación (ZEC) do Ons- O Grove (incluído na Rede Natura 20000 da Comunidade Europea) o CES alega en tres aspectos:
1.Con respecto á ampliación do paseo marítimo ata Ardia, dentro do espazo protexido na, afectaría á dinámica costeira, deterioraría os hábitats e provocaría perturbacións ás aves que descansan e se alimentan na marisma. Así a construción deste paseo incumpriría as directrices marcadas polo Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia que serven de marco normativo a todas as zonas ZEC galegas.

2.Cambio de uso do solo nunha parcela no lugar da Igrexa, situada dentro dos límites do ZEC nas inmediacións da lagoa Bodeira. Esta parcela, segundo a Lei do Solo Galega, debe ser cualificada como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais, e sen embargo aparece como Solo de Núcleo Rural Común,de máis posibilidades urbanísticas.

3.Con respecto á proxección de aparcadoiros nas inmediacións de tres praias situadas dentro do ZEC (Castiñeiro, Mexilloeira e de Con Negro) o CES considera que esta actuación está lonxe das políticas máis modernas de mobilidade sostible, que apostan polas medidas disuasorias ao uso de coche e en pro dos peóns e de transportes máis sostibles (autobuses, bicicletas…). Os espazos protexidos deben ser considerados zonas onde poñer en marcha medidas de xestión sostibles, unha oportunidade onde facer as cousas dun xeito mellor, tanto ambiental como socialmente.

– Con respecto á ampliación do paseo marítimo por Cantodorxo, o CES considera que pode realizarse paralelamente á mellora ambiental da costa, retranqueando o paseo proxectado máis cara o interior en todo o seu trazado, ata a chamada “Carretera do Conde”. Así o paseo pode integrarse dentro deste desenvolvemento urbanístico pero sen alterar ambientalmente a liña de costa, nin proxectalo sobre a lámina de auga, nin degradando zonas de arborado autóctono.

– Os fondos escénicos tras a urbanización de Pedras Negras e en Balea, deben ser consideradas solos rústicos de protección forestal ou paisaxística, e non solos urbanizables nin de protección ordinaria coma veñen recollidos no PXOM. Son zonas que o Plan de Ordenación do Litoral da Xunta as considera como zonas de adecuación paisaxística.

– Para o CES, en tres zonas de Meloxo, Hortos e O Con non debería haber planeamentos urbanísticos, nin apertura de vías, dentro da zona delimitada con liña amarela por ser zonas onde se rexistraron inundacións.

– A modo de anexo ás alegacións o CES achegou unha proposta e xustificación para que tres zonas do municipio se inclúan dentro da cartografía e que se cree a seguinte figura: Áreas candidatas a espazos naturais de interese local (ENIL) ou como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais. Estas tres zonas son:
– Área candidata a espazo natural de interese local “Costa norte do Grove”.
– Área candidata a espazo natural de interese local “Moreiras-Currelos”.
– Área candidata a espazo natural de interese local “San Vicente do Grove”.

O CES agarda que o Concello atenda tanto as nosas alegacións como as demais presentadas, e modifique o PXOM en pro dun plan con maiores acordos ambientais e sociais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s