¿Qué intereses defenden os clubes de vela da ría de Pontevedra?

Na Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), tivemos coñecemento hai uns días de que o Grupo de Interclubes da Ría de Pontevedra, que organiza a chamada “I Regata Interclubes de la Ría-Premio Deputación de Pontevedra” e do que forman parte o RO YACHT CLUB de Combarro, o Real Club del Mar de Aguete, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo, a Comisión Naval de Regatas da Escuela Naval Militar de Marín e o Club Náutico de Beluso remitiu un escrito a Juan Carlos Pérez Olmedo –patrón de iates facéndolle saber que non poderá participar na regata baixo o nome “NO A CELULOSAS”, con independencia de que a Federación de Vela lle teña permitido levar esa publicidade.

E resulta lamentábel que a empresa DESMARQUE S.L. –encargada da organización técnica do evento- tente xustificar tal decisión en base ao punto 7 do Anuncio de Regata que di:

“Os participantes poderán exhibir publicidade de categoría C de acordo coa regulamentación 20 da ISAF”, engadindo logo “O Comité Organizador poderá rexeitar calquera inscrición dun barco cuxo nome e/ou publicidade vaia en contra dos intereses propios da organización e o bo nome da Regata, non admitíndose reclamacións ao respecto”.

As normas da ISAF só falan de que non se permitirá a publicidade que discrimine por razón de sexo, relixión, raza,… polo que queda claro que o motivo da prohibición fai referencia única e exclusivamente ao feito de que –para os organizadores- a publicidade NO A CELULOSAS vai contra os intereses da organización e o bo nome da Regata.

Quérese dicir, xa que logo, que os clubs organizadores, a empresa DESMARQUE SL ou a Deputación de Pontevedra teñen intereses nas CELULOSAS? Quizais na CELULOSA que a empresa ENCE ten en Lourizán e que desde hai máis de 50 anos vén estragando a calidade das augas da Ría que –entre outras cousas- debera acadar as condicións óptimas para poder acoller un maior número de regatas coma a que hoxe nos ocupa? Sen comentarios!

Trátase dun atropelo intolerábel, antidemocrático e mesmo denunciábel pola vía xudicial, e todo indica que –unha vez máis- ENCE pretende impoñer a súa lei en contra do máis elemental dereito á libre expresión, botando man para elo dos seus estómagos agradecidos.

Desde a APDR agardamos que se impoña a cordura, que desde a organización se reconsidere a decisión e que, polo ben da democracia e a liberdade de expresión, poidamos ver como a embarcación NO A CELULOSAS toma a saída na regata en Combarro o próximo sábado día 24.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s