Verdegaia apresenta a sétima edición do seu programa “Vai de roteiros!”

O domingo 25 realizarase o primeiro roteiro pola fraga de Catasós

VdR_7_Galicia dispón dunha riqueza natural, cultural e paisaxística só comparable ás barbaridades que tristemente tamén podemos atopar con certa facilidade: encoros, explotacións mineiras, etc. Co dobre obxectivo de coñecer o noso territorio e denunciar moitas das desfeitas que están a degradalo, Verdegaia pon en marcha unha nova edición, a sétima, do seu programa “Vai de roteiros!”.

Deste xeito, o vindeiro domingo 25 de xaneiro, Verdegaia colaborará na organización dun roteiro pola Fraga de Catasós. Desta volta sumarémonos a un roteiro preparado por Adega-Lugo e a plataforma Salvemos Catasós, organizando o transporte dende Compostela, xunto á asociación cultura A Gentalha do Pichel.

Distancia: 12 quilómetros.
Concellos: Lalín
Dificultade: media-baixa.
Prezo: 8 euros.
Comida e bebida: cadaquén levará a súa.
Roupa cómoda, calzado recomendado bota de montaña ou trekking, roupa axeitada a auga se existise a probabilidade de choiva.

Forma de inscrición: ver a información na páxina web de Verdegaia, escribir ao correo compostela@verdegaia.org ou chamar ao teléfono 622033665, antes do xoves 22 de xaneiro.

Entre os elementos de interese da Fraga de Catasós:

Se ben na comarca do Deza existen moitos espazos de gran valor ambiental, a fraga de Catasós ocupa entre eles un lugar importante. Neste caso non atoparemos, coma noutras zonas máis orientais, un souto de árbores baixas e retortas. Os castiñeiros de Catasós destacan pola contra pola súa taxa de crecemento. Hai por suposto aproveitamento de castañas, pero algunhas das árbores máis altas tiñan por finalidade un uso madeireiro, por exemplo para as trabes da casa dos Quiroga, na que morou por tempadas Emilia Pardo Bazán.

Xunto aos castiñeiros veremos outras árbores propias do bosque autóctono galego, por suposto carballos, pero tamén bidueiros, sabugueiro ou sobreiras (propias de climas máis suaves). Con sorte tamén poderemos atopármonos algunha vacaloura entre os restos dalgunha póla caída.

A pesares de contar cunha área declarada monumento natural, parte deste bosque autóctono, a coñecida como fraga de Casas Vellas, está ameazada no presente pola intención de Gas-Natural Fenosa de atravesala cun tendido eléctrico. Isto suporía a tala dunha enorme cantidade de árbores, unhas 200, e un corte á continuidade desta masa forestal, xa de por si moi afectada pola estrada que vai de Lalín a Ourense.

No tocante ó percorrido, o roteiro partirá do campo da feira de Catasós, nun percorrido circular que atravesará as fragas de Casas Vellas, Catasós (ou Quiroga) e Belelle.

En termos máis xerais, no programa “Vai de roteiros!” cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia será responsable da organización e realización dun roteiro no que divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de lecer máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Espazos litorais como os cantís de Loiba ou a costa de Cangas, treitos fluviais como as ribeiras do río Belelle, serras como a do Careón ou fragas como a de Catasós serán o marco natural no que poder observar a fauna, a flora, as formacións xeolóxicas ou os vestixios dunha cultura, a labrega, que no seu momento respectou os ciclos da natureza. Do mesmo xeito, será difícil non ver a ocupación urbanística no litoral, ou os impactos das infraestruturas hidráulicas nos ríos e das canteiras nas serras, entre outras mostras do actual modelo de “progreso”…

Os roteiros serán anunciados coa suficiente antelación na nosa páxina web (www.verdegaia.org), na que poderedes atopar tamén información máis detallada sobre cada un deles (desprazamentos, lonxitude, dificultade, etc.).

Programa 2015

  • Xaneiro: Fraga de Catasós (Nc de Compostela).
  • Febreiro: Cantís de Loiba (Nc de Ferrol).
  • Marzo: Costa de Cangas (Nc de Vigo).
  • Abril: Serra do Careón (Nc de Compostela).
  • Maio: Río Belelle (Nc de Ferrol).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s