A APDR esixe responsabilidades polo vertido no banco marisqueiro de Os Placeres

contaminacion.augas1Diante do vertido realizado o pasado mércores día 11 sobre o banco marisqueiro de Praceres, vertido que –de acordo coas informacións recollidas nos medios e comunicación- tivo a súa orixe no inicio das obras de reparación do emisario submarino que recolle as augas residuais da EDAR e das empresas ENCE e ELNOSA, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) quere expresar publicamente a súa opinión ao respecto:

1.- Ao longo dos últimos anos, a APDR veu denunciando diante da administración a situación do emisario que, de acordo con distintas informacións recibidas na asociación, atopábase partido en dous e, xa que logo, tiña deixado de funcionar correctamente provocando un importante impacto ambiental sobre a calidade das augas da Ría.

2.- O pasado mes de setembro a Xunta de Galicia recoñecía ter coñecemento da existencia da citada rotura desde os primeiros meses do 2014, asegurando que a parte final do emisario –a que corresponde á zona dos difusores e, xa que logo, a que ten a principal función no proceso de depuración desta infraestrutura- está separada do resto, polo que ten perdido toda a súa utilidade neste proceso.

3.- Na APDR somos conscientes da necesidade de acometer os traballos de reparación do emisario submarino, pero non podemos admitir o xeito en que se produce. En efecto, non se pode permitir que non se teñan tomado todas as medidas necesarias para evitar este vertido, un vertido que pode dar ao traste co traballo de moitas familias que teñen na explotación dos recursos marisqueiros o seu medio de vida.

4.- E non debemos esquecer que durante o tempo que teña estado o emisario inutilizado, o banco marisqueiro de Os Praceres ten estado recibindo os efluentes da depuradora e aqueles que proveñen de ENCE e ELNOSA que –tanto polo seu volume como pola súa composición- é enormemente daniño para o citado banco marisqueiro.

5.- Desde a Asociación Pola Defensa da Ría, que entende que con anterioridade ao inicio dos traballos de reparación do emisario se debería ter paralizado o funcionamento do complexo ENCE-ELNOSA e evitado a chegada á Ría dos vertidos da EDAR, esiximos responsabilidades da administración polo xeito de abordar o problema.

6.- A APDR estuda as accións legais que se poden levar adiante fronte a esta nova agresión á Ría e aos recursos naturais e non desbota a posibilidade de actuar pola vía xudicial contra os seus responsábeis, ben interpoñendo unha denuncia, ben sumándose á demanda anunciada hai uns días pola Confraría de mariscadoras de Os Praceres.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s