O Eucalipto do Maná, primeira árbore senlleira en ser descatalogada?

comparativa_reducA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Federación Rural Galega (FRUGA) veñen de denunciar ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o SEPRONA e o concello de Castro de Rei a poda salvaxe e indiscriminada do “Eucalipto das Lombas” ou “Eucalipto do Maná” da Casa de Ordax, situado na parroquia de Santo Estevo de Loentia, Castro de Rei. Este exemplar está protexido e forma parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras ao abeiro Decreto 67/2007. No pasado mes de decembro, o eucalipto sufriu unha das podas máis drásticas das que se teñen practicado en árbores singulares, que rebaixou en máis da metade a súa altura, porte e envergadura, afectando así os valores singulares polos cales foi catalogado como exemplar protexido.

Os danos causados e a perda dos seus valores singulares poderían supoñer non só que puidera converterse na primeira árbore galega descatalogada como árbore senlleira, senón mesmo a morte do exemplar. Esta drástica mutilación contravén o ditado polo Decreto de Árbores Senlleiras que prohibe calquera actuación que afecte de xeito negativo ou que poida ameazar os valores destes exemplares, sen a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Neste senso ADEGA e a FRUGA solicitaron á D.X. de Conservación que investigue o acontecido para determinar a responsabilidade desta desfeita, así como avaliar os danos producidos neste monumento natural, e de proceder, iniciar un expediente descatalogación como árbore senlleira en base á normativa vixente.

ADEGA lembra que previa a execución deste tipo de accións sobre un ben natural protexido deben existir por parte dos organismos competentes unhas directrices específicas, coa dirección de obra correspondente, e un seguimento das actuacións para evitar accións que comprometan a preservación do exemplar. Por outra parte, como membro do Comité Asesor das Árbores Senlleiras, ADEGA non ten constancia de que se emitise ningún informe nin autorización por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que aconsellase a realización desta poda salvaxe ao Eucalipto das Lombas.

A singularidade do Eucalipto das Lombas

O “Eucalipto do Maná” (Eucalyptus viminalis) é un dos máis sobranceiros do país. Ao longo dos dous últimos séculos acadou unha corpulencia descomunal que lle ten valido todo tipo de recoñecementos canto ás súas características estéticas con dimensións que acadan os 45 m de altura e os 35 m de diámetro das pólas, facendo que esta árbore domine a paisaxe da Terra Chá en varios quilómetros ao redor. Estas cualidades vense reforzadas pola excepcionalidade do seu perímetro e dendrometría troncal próxima aos 9 metros, unha cifra que se agranda deica alcanzar os 11 metros na base do seu portentoso tocón de pata de elefante. Son xustamente estes trazos únicos, peculiaridades e atributos relativos ao seu porte, fisonomía e monumentalidade, así como o seu valor estético e histórico, os responsábeis de que forme parte do Catálogo galego de árbores senlleiras desde o momento mesmo da súa constitución en 2007.

A constante ameaza: O aeródromo privado de Rozas

O Eucalipto bicentenario das Lombas mantense en pé case de milagre logo dos reiterados ataques que tivo que enfrontar por mor da instalación nos seus arredores do aeródromo de Rozas en 1943. Durante a II Guerra Mundial, o mando militar interpretaba que o enorme eucalipto de Loentia podería interferir na actividade do aeródromo de Rozas, ao ser tomado como referencia pola aviación inimiga. Con todo, as pretensións de abater esta árbore monumental sempre foron afrontadas con valentía polos seus donos, actitude que permitiu conservala no tempo e gozar da súa beleza e integridade.

Así e todo, a maior ameaza para o Eucalipto das Lombas foi unha entidade con ánimo de lucro, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, xestora do uso privado do aeródromo de Rozas. Esta entidade solicitou en 2008 ao Ministerio de Defensa a tala desta árbore por entender que dificultaba as manobra de despegue e aterraxe dos avións. Na denuncia omitiuse toda referencia á calidade de árbore singular do Eucalipto das Lombas integrada no Catálogo galego de árbores senlleiras e mesmo se esaxerou a súa dimensión duplicando a súa altura en metros.

Como consecuencia, Defensa trasladoulle en 2008 á Axencia Estatal de Seguridade Aérea a denuncia, que resolveu en setembro de 2009 a súa tala, e no seu defecto, o rebaixe da súa altura. Este ditame prodúcese sen a autorización do organismo competente na protección das árbores senlleiras. Daquela, a orde da Axencia Estatal de Seguridade Aérea non foi acatada polos propietarios da árbore, mais o ditame establecía que no caso de que os donos non procedesen a súa tala ou poda, executaríase de xeito subsidiario por parte da Administración.

ADEGA e a FRUGA descoñecen se os feitos agora denunciados son a consumación deste mandato da Axencia Estatal de Serguridade Aérea e cales foron os executores. Sería lamentábel que a Xunta, responsábel da preservación e tutela destes bens protexidos, tivese autorizado ou mirado para outro lado fronte a tal agresión contra o noso patrimonio.

A protección das árbores senlleiras, rebaixada pola Xunta

Curiosamente, este feito coincide no tempo coa modificación promovida pola Xunta do Decreto 67/2007polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e tamén coa primeira exposición sobre árbores senlleiras da Terra Chá, aberta ao público no Auditorio de Vilalba, impulsada polo estudoso Ricardo Polín e o Instituto de Estudos Chairegos co apoio de Cultura da Deputación de Lugo.

Na recente modificación legal perpetrada pola Xunta (DOG deste 6 de febreiro) do decreto 67/2007 e coa escusa dunha “simplificación administrativa”, a administración traslada na práctica a xestión das árbores senlleiras (podas, tratamentos fitosanitarios, etc.) a “provincias”, quedando ao abeiro das xefaturas de servizo. Alén disto, elimínase a protección preventiva dos exemplares incursos en expedientes de catalogación e baléirase de contido ao organismo consultivo, o Comité das Árbores Senlleiras, con presenza de universidades, centros de investigación e asociacións conservacionistas.

A Xunta decidiu modificar unilateralmente este decreto en contra do criterio expresado por algúns representantes de organismos científicos, universidades e colectivos ecoloxistas integrantes do Comité das Árbores, incumprindo ademais o seu compromiso de debater esta proposta no Observatorio Galego da Biodiversidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s