A Xunta de Galicia amosa a súa incompetencia e irresponsabilidade no documento inicial do PRUX das Fragas do Eume

Foto_fragas-1A Federación Ecoloxista Galega e Verdegaia manifestan que, despois de 18 anos como parque natural, o documento inicial do PRUX da Fragas do Eume presenta graves deficiencias de modo que, de aprobarse nos termos actuais, non vai supoñer un avance na conservación dos ecosistemas e na mellora da calidade de vida da poboación local. Carece de apartados básicos como un diagnóstico da problemática ambiental que afecta ao espazo; unha partida orzamentaria, calendarios de traballo ou criterios para avaliar o cumprimento dos obxectivos durante os cinco anos de vixencia. Así mesmo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas esquece de xeito premeditado aos propietarios/as dos terreos e nega a posibilidade de concertar con eles as medidas de conservación a través de compensacións.

A Federación Ecoloxista Galega e a asociación Verdegaia, integrada tamén na Federación, presentaron alegacións comúns ao documento inicial do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural das Fragas do Eume. Este documento foi publicado no DOG para cumprir co trámite de información pública sen mediar un proceso participativo, ignorando as reivindicacións dos/as propietarios/as, dos ecoloxistas, etc. e cun atraso de 16 anos sobre o prazo indicado pola lei. Este documento é un “corta e pega” dun borrador anterior presentado en 2011 na Xunta Consultiva do Parque Natural e mantén as graves deficiencias entón detectadas.

Sorprende que, terminado o prazo de alegacións, a propia conselleira, Ethel Vázquez, anuncie “a elaboración da nova versión do plan”, o que fai máis incomprensible aínda que se optase por publicar un documento falto de consenso. A isto súmase que a “nova versión” correrá a cargo dun “grupo de traballo multidisciplinar”, no que darán cabida a “propietarios e produtores e que se formará preto do verán”, pero no que parece que os colectivos ecoloxistas non estarán convidados. Este “grupo de traballo” supón novamente paralizar e ignorar a Xunta Consultiva do parque como órgano de consulta e traballo para avanzar na xestión. Convén preguntarse se o feito de demorar o “grupo de traballo” ata o verán está condicionado polos intereses partidistas e as eleccións municipais.

Con independencia das supostas melloras anunciadas pola conselleira, o PRUX presentado pola Xunta de Galicia carece de apartados básicos como un diagnóstico da problemática ambiental que afecta ao espazo, entre as que destacamos a presenza crecente de especies invasoras, a destrución de ecosistemas singulares, o incumprimento da normativa ambiental en canto ao caudal ecolóxico do río Eume, o fomento de actividades pouco respectuosas co medio, a afluencia masiva de vehículos privados, a presenza de vertedoiros, etc.

O apartado titulado “Programa económico-financieiro” é unha declaración de intencións sen que exista unha distribución orzamentaria concreta que garanta a viabilidade das medidas de xestión propostas. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas esquece de xeito premeditado aos propietarios/as dos terreos e nega a posibilidade de concertar con eles as medidas de conservación a través de compensacións ou contratos por servizos ambientais, facendo recaer nas economías familiares os posibles cambios de uso, as medidas de conservación ou as limitacións derivadas da figura de protección como parque natural.

Chama a atención tamén a inexistencia de calendarios de traballo nos diferentes programas ou de criterios para avaliar a consecución dos obxectivos durante os cinco anos de vixencia do Plan. Sen embargo, si atopamos unha aposta decidida da Xunta de Galicia por converter aínda máis as Fragas do Eume nun reclamo turístico e para a caza, en detrimento de actividades agropecuarias tradicionais.

No apartado de medidas e usos permitidos, a calculada ambigüidade e as contradicións do texto poñen de manifesto que a Xunta de Galicia podería autorizar o introdución de especies transxénicas, as fumigacións aéreas con tóxicos, o uso de lodos de depuradoras como abono, novas explotacións mineiras ou novos aproveitamentos de enerxía eléctrica (eólicos, hidroeléctricos, etc).

Despois de 18 anos dende que As Fragas do Eume foran declaradas parque natural, a Xunta de Galicia segue a amosar a súa incompetencia e irresponsabilidade no documento inicial do PRUX. A Federación Ecoloxista Galega e Verdegaia entenden que, de aprobarse nos termos actuais, non vai supoñer avances na conservación dos ecosistemas e na mellora da calidade de vida da poboación local.

Por último quéreselle lembrar ás responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que a elaboración e aprobación do PRUX non é unha obriga imposta pola Unión Europea, senón que está establecida pola lexislación autonómica e estatal. E se os propietarios/as entenden como un problema e non unha vantaxe a existencia do parque natural é debido á nefasta política ambiental da Xunta de Galicia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s