PRUX das Fragas do Eume: 19 agardando por un plano desfasado e sen compromisos concretos

ADEGA vén de apresentar alegacións ao Plano Reitor de Uso e Xestión das Fragas do Eume que a Xunta está a elaborar con 19 anos de retraso. É o parto dos montes: tanto tempo agardando por un PRUX que nace morto, sen medidas concretas e sen orzamentos

Un PRUX baseado en normativa desfasada

O Parque Natural das Fragas do Eume foi declarado mediante Decreto 218/1997, sendo aprobado o seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) a través do Decreto 211/1996. Transcorridos 19 anos ningún destes documentos legais foi modificado ou adaptado de modo que na actualidade o seu contido resulta contraditorio con normas legais de rango superior como as Directivas de Aves, de Hábitats, Marco da Auga, así como coa Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

A Xunta elabora un PRUX 19 anos despois sen ter adaptado a súa anticuada normativa o que incrementará a inseguridade xurídica sobre as determinacións e actos que se leven a cabo no P. N. das Fragas do Eume. O razoábel sería acometer previamente unha actualización do PORN e encadeada con esta a tramitación do conseguinte PRUX.

Unha memoria descritiva obsoleta, incompleta e de autoría anónima

encoro-eumeUn PRUX debería ser redactado por un equipo de técnicos e profesionais de distintas disciplinas, e neste caso atopámonos cun documento de autoría anónima e sen bibliografía algunha.

Algúns dos seus capítulos inclúen datos de máis de 7 anos de antigüidade mentres que noutros non existe ningunha referencia temporal, como acontece nos apartados socio-económicos, feito que invalida a información achegada.

Na memoria a análise dos compoñentes da xeodiversidade resulta exigua, apesar de que na área declarada como Parque Natural existen elementos singulares tanto a nivel xeolóxico, xeomorfolóxico e edáfico.

Por outra banda, a información relativa á biodiversidade está anticuada, xa que non se inclúen datos obtidos a partir de traballos publicados nos últimos cinco anos, algúns dos cais resultan fundamentais no momento de establecer a presenza e características de distintos hábitats naturais e de especies protexidas.

Tamén resulta criticábel a ausencia dunha diagnose do estado de conservación dos hábitats naturais de interese comunitario así como do estado de conservación das distintas especies protexidas (Directiva Habitat, Directiva Aves, Lei 42/2007, Catálogo Galego de Especies Ameazadas, etc), malia a que no apartado de medidas de xestión faise en numerosas ocasións fincapé na necesidade de restablecer ou mellorar o estado de conservación dos hábitats e das especies.

Resulta censurábel tamén que no documento non se inclúa ningunha referencia ao último grande incendio que devastou unha importante superficie das Fragas do Eume, e aos efectos que a acción do lume causou sobre os ecosistemas, os hábitats e as especies protexidas. Neste mesmo sentido, non existe ningunha referencia ao estado ecolóxico das masas de auga (augas de transición, ríos, encoros), existentes dentro do Parque Natural acorde cos criterios establecidos pola Directiva Marco da Auga e pola propia Directiva Hábitats, a pesar de que o espazo natural sufriu graves efectos contaminantes e soporta unha irracional xestión do seu nível hidrolóxico derivado da regulación artificial do caudal do Eume.

Unha memoria descritiva do Parque Natural das Fragas do Eume debería abordar o estado de conservación dos hábitats e das súas especies, comparando a situación previa á declaración, coa situación actual, coa fin de poder avaliar a eficiencia das medidas de xestión aplicadas e establecer de forma racional medidas que aseguren un estado de conservación favorable da biodiversidade e xeodiversidade. Esta análise debería tamén complementarse cunha diagnose da situación socio-económica, que inclúa a percepción e demandas das persoas e entidades que viven e/ou desenvolven a súa actividade no territorio do espazo natural, para poder avaliar e dar cabida a aquelas reivindicacións xustas e compatibles cos obxectivos do PRUX.

Uns obxectivos inconcretos e unha zonificación desenfocada

A relación de obxectivos formulouse dun xeito demasiado xeral, máis propio dunha lei estatal ou dunha directiva que dun documento de planificación con implicacións territoriais concretas e definidas. Os obxectivos deberían ser pois totalmente reformulados acorde co marco normativo e coas necesidades de xestión específicas do Parque Natural.

Entre os novos obxectivos deberíanse incluír referencias concretas a evitar a eucaliptización do territorio do Parque Natural e das áreas periféricas nas que se atopen elementos de especial interese para a conservación da biodiversidade e da xeodiversidade. E xa que logo, formular as medidas compensatorias ou de apoio aos distintos propietarios.

Segundo o artigo 34 da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, a zonificación do espazo deberíase realizar “de acordo co contido do plan de ordenación dos recursos naturais, delimitando as áreas de diferentes usos”. Dado a antigüidade do PORN, e dado que este na súa redacción non tivo en conta os criterios, obxectivos e propostas de xestión formuladas na Directiva de Hábitats e na Lei de Conservación da Biodiversidade, atopámonos cunha zonificación anticuada e desenfocada que non garante en ningún caso a conservación e protección dos compoñentes da xeodiversidade e biodiversidade existentes no Parque Natural.

Un programa de actividades inconcreto e un orzamento inexistente

O programa de actividades redactouse de forma xenérica. É esixible unha redacción máis concreta, establecendo prioridades, áreas concretas de actuación, custo das actuacións, temporalidade, etc.

Polo que respeita ao programa económico-financeiro incluído no borrador do PRUX das Fragas do Eume, este redúcese a dúas páxinas (155-156). Na primeira inclúese un conciso texto de 3 parágrafos onde se indican as fontes de financiamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sen establecer ningún tipo de orzamento, e menos aínda de asignar cantidades para desenvolver os programas e proxectos necesarios para a conservación das Fragas. Na segunda páxina inclúese unha táboa sen ningunha cantidade ou referenza temporal algunha.

A información económica presentada no borrador do PRUX dificilmente cumpre os mínimos para considerala como un “programa económico-financeiro”, ao non achegar ningunha fonte concreta de financiamento, e menos aínda unha cifra concreta de investimento ou custos dos distintos programas.

Unha planificación pouco participativa

O documento sometido a exposición pública (anuncio do 8 de xaneiro de 2015), é o mesmo, con pequenos cambios, que o presentado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza na reunión da Xunta Consultiva do ano 2011. Neste tempo (4 anos) non se convocou á Xunta Consultiva para analizar a necesidade de incorporar modificacións ou cambios no documento. A participación pública neste proceso foi portanto, meramente instrumental.

Logo do inicio do proceso de exposición pública, a D. X. de Conservación da Natureza mantivo reunións parciais con algúns dos axentes sociais e políticos implicados no Parque Natural, mais en ningún caso convocou ás asociacións conservacionistas, nen aos grupos de investigación das universidades e organismos científicos galegos.

Consideracións finais e propostas de ADEGA

O desleixo histórico da administración polo desenvolvemento dos instrumentos de xestión dos espazos protexidos provocou que o Parque Natural das Fragas do Eume teña, tras 19 anos da súa declaración, un PORN anticuado que entra en aberta contradición coa Directiva Hábitat, a Directiva Aves, a Directiva Marco da Auga e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Carecía até o de agora, do preceptivo e obrigatorio Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) establecido na Lei 9/2001.

O documento de PRUX presentado a exposición pública amosa graves deficiencias no seu contido, incumpre a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, ao carecer dun apartado de previsión de usos e aproveitamentos, e formular medidas de xestión e non incluír un programa económico-financeiro cun calendario definido e investimentos concretos para cada un dos programas e liñas de actuación.

O procedemento seguido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza para a elaboración do documento do PRUX evidencia unha pésima organización e unha deficiente participación pública.

Dende ADEGA pedimos retirada do actual documento do PRUX das Fragas do Eume e propomos a apertura dun novo proceso, baseado na participación pública e na incorporación da máis actual e mellor información científico-técnica. Isto permitiría que permita de xeito simultáneo e no menor de tempo posíbel, adaptar por unha banda o PORN ao marco normativo actual e formular un PRUX que sexa quen de resolver os graves problemas de xestión que sofre este espazo natural.

Ambos os dous documentos deberán contar con medidas concretas, así como cun programa económico-financeiro realista que asegure a conservación da xeodiversidade e biodiversidade e que apoie ás comunidades locais e entidades que viven e traballan no ámbito do Parque Natural.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s