Será mañá, mércores 18 de marzo, no salón de graos da Facultade de Económicas e Empresariais, en cooperación coa Liga Estudantil de Santiago.
Esta longametraxe documental, estreada o 7 de febreiro en Carballo, está facendo unha ruta por toda Galicia, con pases abertos e gratuitos, acompañados dun coloquio coa súa directora, Cora Peña.
TESOURO DE CORCOESTO xira en torno ao recente caso da mina de ouro de Corcoesto, un proxecto que ten sido enormemente polémico, tanto dentro da comunidade científica como no entorno veciñal, na comarca de Bergantiños. Proxecto que se considera clave dentro do novo modelo de desenvolvemento que viu propoñer o goberno actual da Xunta de Galicia, baixo o lema “Galicia é unha mina”. O documental formula unha ampla investigación, que abrangue temas técnicos, empresariais, económicos e sociais, deténdose, especialmente, nun activismo cidadán que conseguiu o que non se prevía: parar a mina. Polo menos, de momento.
O documental, de produción independente, foi respaldado por unha exitosa campaña de micromecenado, na que participaron 180 persoas e colectivos. As promotoras deste traballo decidiron dende o inicio deixarlle vida libre unha vez rematado, é dicir, facelo baixo licenza libre, coa intención de levar o debate sobre o modelo de desenvolvemento e o uso do territorio a un público o máis amplo posible.
O guión e dirección corren a cargo de CORA PEÑA. Formada na Escuela de San Antonio de los Baños (Cuba), é unha realizadora e operadora dedicada profesionalmente ao xénero documental. Empezou a interesarse polo tema do extractivismo no seu anterior traballo como directora, Apash, los de fuera, rodado na Amazonía peruana e centrado no conflito dos indíxenas con goberno e multinacionais polo manexo da terra (Premio Ñirre da Muestra de Cine Polo Sur Latinoamericano).