Por un futuro de calidade; ENCE-ELNOSA fora da ría xa!

Como se da salvación das nosas vidas e da nosa economía se tratase, deu a coñecer Jacobo Moreira o seu apoio incondicional á permanencia de ENCE no irracional emprazamento que hoxe ocupa na Ría de Pontevedra; e, sinceramente, dubido moito que houbese alguén na comarca agardando outra posición que non fose a que, na práctica, veu defendendo sempre o PP: a defensa dos intereses da empresa por riba de calquera outra consideración. E queda claro que se trata dun “apoio incondicional” á empresa porque o Sr. Moreira non condiciona sequera a súa posición á creación de emprego ou ao cumprimento da lexislación ambiental. Porque a realidade é que –tal como teñen denunciado os sindicatos- ENCE segue a destruír emprego no complexo de Lourizán e –como se desprende da análise dos datos facilitados por Augas de Galicia- segue incumprindo a lexislación en materia de vertidos á Ría e ten unha responsabilidade fundamental na destrución dos recursos marisqueiros e pesqueiros e o PP non fai nada por reverter a situación.

É evidente que o sector forestal e o turismo na nosa comarca teñen na presenza de ENCE un freo, como é evidente tamén que a protección ambiental da illa de Tambo está condicionada pola presenza de ENCE e ELNOSA na Ría. E agás que se trate dun auténtico indocumentado –o que debera invalidalo para aspirar á alcaldía- Jacobo Moreira ten que coñecer esta situación, como ten que saber que ninguén no seu xuízo pode comparar a ENCE (unha empresa que non chega aos 250 postos de traballo directos) coa factoría CITROËN que, efectivamente, cuns 7.000 postos de traballo na planta de Vigo e un 23,3 % do total das exportacións de Galicia, é motor económico naquela comarca.

Trátase evidentemente dunha estratexia electoral coa que o Sr. Moreira pretende converter en votos o medo ao paro provocado pola situación de crise económica amplificada pola política de recortes imposta polo seu partido, unha política que se ten mostrado ineficaz e da que tiran proveito os poderosos a costa do empobrecemento das persoas con menos recursos. Pero trabúcase porque non é certo –como di interesadamente- que a situación actual verbo de ENCE teña mudado; o rexeitamento á presenza de ENCE-ELNOSA en Lourizán segue sendo maioritario, un sentir que ten o seu reflexo no feito de que todas as forzas políticas –agás o PP e aqueles grupos que como o de María Biempica ou Ciudadanos aspiran a rabuñarlle votos ao partido hexemónico da dereita- seguen apostando polo fin da actividade do complexo na Ría.

Pero é que, ademais, a aposta de Jacobo Moreira pola permanencia de ENCE na Ría forma parte do seu modelo económico trasnoitado, un modelo industrial que non só ten provocado un importante impacto ambiental senón que se ten demostrado incapaz de crear emprego e favorecer o desenvolvemento económico prometido nos anos 50 do pasado século. Neste sentido, Jacobo Moreira preséntase diante do electorado de Pontevedra como un político do pasado, como un candidato a gobernar unha Pontevedra que xa ninguén desexa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s