A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admite a trámite a denuncia ecoloxista contra a política de residuos da Xunta-SOGAMA

A Presidenta da Comisión de Peticións do PE, Cecilia Wikström, vén de comunicar aos grupos da Plataforma Galega contra a Incineración, a admisión a trámite da denuncia contra a Xunta-SOGAMA por incumprir a lexislación comunitaria de residuos.

Logo de que en maio de 2013 o PP en solitario rexeitara debater a ILP pola reciclaxe e contra a incineración, a práctica totalidade do ecoloxismo galego acudimos a Europa para denunciar a política de residuos da Xunta-SOGAMA. Tras elevarmos a denuncia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, e tras case dous anos, a súa presidenta vén de nos comunicar a admisión a trámite da nosa petición solicitando ademáis á Comisión Eurpoea que abra unha investigación pola situación do tratamento de residuos en Galiza.

Para o ecoloxismo galego e a cidadanía en xeral trátase dun importante chanzo na loita por termos unha saúde e un ambiente máis limpos: A incineración e o vertido que practica SOGAMA, coa beizón da Xunta e o seu Plano de Residuos, alén de incumprir 3 Directivas europeas (de Vertido, de Envases e Marco de residuos), coloca a Galiza á cola da reciclaxe en Europa e está a supoñer unha enorme lousa económica para moitos concellos.

mani-incineracion-NONPetición ao PE: corrixir as ilegalidades da Xunta-SOGAMA. Nin un euro para a incineración!

Visto que a Xunta persiste en defender a incineración e o vertido de SOGAMA como opción prioritaria para o tratamento dos residuos, subvertindo a xerarquía de tratamento e incumprindo nada menos que 3 Directivas (de Vertido, de Envases e Marco de Residuos), as organizacións integradas na Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe pedimos, na nosa denuncia ao Parlamento Europeo:

Que avalíe negativamente o vixente PXRUG 2010-2020 (Plano de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza) por non ser conforme a xerarquía de residuos (Artigo 4 da Directiva 2008/98/CE), ao principio do poluidor-pagador (Artigo 14), e á promoción de medidas de prevención e preparación para reutilización e a reciclaxe (Artigos 9 e 11).

-Que cualifique as instalacións de SOGAMA (pretratamento, elaboración de combustíbel e incineración) como instalacións de eliminación e non de valorización, tendo en conta que a eficiencia enerxética está no rango de 0,25 a 0,32, portanto moi inferior ao valor mínimo de 0,6 establecido pola Directiva 2008/98/CE (Anexo II, R1).

Que rexeite unha nova planta incineradora e a notificación de que no ámbito de Galiza o cumprimento dos obxectivos de xestión da normativa europea requiren incrementar a prevención, a reutilización e a reciclaxe e reducir a incineración e o vertido (Artigos 11 da Directiva 2008/98/CE e Artigo 6 da Directiva 2004/12/CE).

Que rexeite calquera financiamento de medidas, actuacións ou instalacións relativas á xestión de residuos que non se correspondan estritamente aos obxectivos de prevención e preparación para a reutilización e a reciclaxe.

Que adopte medidas sancionadoras para a Xunta de Galiza polas actuacións en materias de residuos nos últimos anos desde a entrada en vigor das Directiva 94/62/CE, Directiva 1999/31/CE, Directiva 2004/12/CE e  Directiva 2008/98/CE contrarias aos obxectivos establecidos nestas directivas e polo uso de fondos comunitarios para financiar a eliminación de residuos.

Que esixa á Xunta revisar o modelo centralizado de xestión dos residuos en Galiza, habida conta da ineficiencia dos programas de recollida selectiva no ámbito SOGAMA, en particular do programa de recollida de residuos de envases, que presenta unha moi baixa eficiencia (7,4% de recuperación en 2011) e un moi elevado custo económico e consumo enerxético (de máis de 132 kg de gasóleo por t de residuos de envase recuperados, só na recollida e transporte). Reclámase tamén a aplicación da análise do ciclo de vida prevista no Artigo 4, punto 2, da Directiva 2008/98/CE.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s