Temos que recoñecer que nos teñen chamado a atención as declaracións feitas onte polo Presidente da Xunta a propósito do tema ENCE; pero non porque teña apostado abertamente pola súa permanencia na Ría de Pontevedra, pois esta e non outra foi sempre a posición mantida polo Partido Popular por máis que a teñan defendido ás veces coa boca pequena.
Chama a atención que bote man do dato do paro na cidade de Pontevedra e que acuse, ademais, a quen defendemos a saída de ENCE de Lourizán de querer acabar coa industria forestal. E chama a atención porque a simple constatación desa realidade teríao que levar a entender que non existe unha relación entre a presenza de ENCE e a creación de emprego na cidade e comarca. A realidade é que, despois de 50 anos e da destrución dos recursos naturais e os postos de traballo do marisqueo, a pesca, o sector forestal e o turismo, ENCE non foi quen de crear os postos de traballo prometidos a cambio. Abonda con ver que –de acordo cos datos facilitados pola propia empresa- ENCE pasou dos 500 e pico postos de traballo iniciais, aos escasos 250 que ten hoxe. Quedou claro que ENCE –segundo o PP un motor económico na comarca comparábel coa CITROËN viguesa- non creou emprego nestes 50 anos, destruíno.
.
ENCE é un claro exemplo do fracaso da política industrial franquista, e o PP –lonxe de buscar alternativas- aférrase a este modelo trasnoitado e depredador da natureza e a calidade de vida nunha clara aposta pola defensa do interese privado fronte aos dereitos do conxunto da cidadanía; porque cando defenden a permanencia de ENCE na Ría están a defender os seus intereses directos, indirectos e inducidos fronte á defensa dos postos de traballo do marisqueo e dos sectores forestal e turístico.
E ao identificar –interesadamente- ENCE coa industria forestal, o Sr. Feijoó semella descoñecer que a industria forestal é algo de maior envergadura e diversificación; que dificilmente se pode xustificar que a madeira dos montes galegos teña como destino a súa transformación en pasta de papel, un destino insostíbel tanto desde o punto de vista ecolóxico como económico.
E, xa por último, unha chamada de atención; onte mesmo fíxose público un dato que pon en tela de xuízo esa falacia que de forma sistemática se vén defendendo desde os sectores afines a ENCE e que vincula á fábrica de pasta de papel coas saídas profesionais da Escola de Enxeñería Forestal. En efecto, dáse a circunstancia de que esta licenciatura non é quen de atraer alumnado sendo a única do campus de Pontevedra que apenas chega ao mínimo esixido pola Xunta. Non hai alumnado porque non hai saídas profesionais.