Premios Semente e Cemento 2014-2015

Verdegaia concede o premio “Semente” a Manolita, Ramón e a súa familia e un simbólico “Cemento” á represión que as diversas administracións exercen contra os movementos sociais na súa defensa da natureza e os dereitos das persoas e colectivos.

carvalho-negraldesenhoCo gallo do Día Mundial do Ambiente, 5 de xuño, a asociación ecoloxista Verdegaia acordou outorgar este ano o premio “Semente”, relacionado coa mellor actuación ambiental, á familia de Manolita e Ramón Regueiro, pola súa crucial contribución na defensa e conservación da Fraga de Menáncaro localizada na parroquia ferrolá de Serantes e sobre a que se pretendía construír unha urbanización de luxo que destruiría irreversíbelmente esta valiosísima masa arbórea autóctona, na que se poden atopar algúns exemplares de carballos centenarios.

De non ser pola participación activa desta familia, que mesmo chegou a interpoñer un Recurso Contencioso perante o TSXG contra a aprobación do citado proxecto urbanístico, fallando a favor destes veciños, hoxe estaríamos a lamentar a perda dunha das últimas representacións de bosque atlántico que, con grande dificultade, sobreviven no concello de Ferrol polo severo proceso de eucaliptización ao que se ven sometendo este territorio desde hai décadas.

Con este simbólico premio Verdegaia, ademais de querer darlles publicamente as grazas, tamén quere facerlles unha merecida, aínda que modesta, homenaxe a estes veciños exemplares. O día 5 convidarémolos a un xantar nun restaurante de Ferrol, no transcurso do cal lles faremos entrega dun diploma conmemorativo en agradecemento.

Agardamos que o novo goberno local, unha vez constituído, tamén se comprometa a revisar o PXOM para recalificar os terreos onde se atopa a fraga de Menáncaro como Solo Rústico de Especial Protección, outorgándolle ao mesmo tempo unha figura de protección oficial de carácter local que garanta a conservación desta masa arbórea de xeito definitivo.

Por outra banda, acordouse conceder o premio “Cemento” á peor acción ambiental á represión que as diversas administracións exercen contra os movementos sociais na súa defensa da natureza e os dereitos das persoas e colectivos.

Nun momento no que o sistema capitalista industrial está a devorar unha das súas formas, á que nalgúns estados europeos foi denominada “Estado do Benestar”, os Estados liberais pretendidamente democráticos amosan a súa peor cara, a que deixa ao descuberto o seu funcionamento como mecanismos de acaparación de recursos en beneficio dunha parte reducida da poboación. Non é por casualidade que é nestes anos cando máis aumentan os niveis de represión sobre persoas e colectivos “molestos”. As mudanzas lexislativas e a práctica sancionadora evidencian esta reacción represiva.

Na desesperación por sobrevivir en contextos de crise económica e ecolóxica, mesmo se esta última está a ser silenciada, as elites do sistema están a artellar ferramentas de control e explotación dos minguantes recursos naturais, e é aí onde os movementos sociais, tamén dende logo os ecoloxistas, convertémonos nun incómodo obstáculo que algunhas persoas e institucións quixeran facer desaparecer. Pero, sentimos defraudar estas expectativas. Seguiremos por aquí mentres queden motivos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s