5 de xuño, Día mundial do Medio Ambiente

DMMA_bannerO vindeiro 5 de xuño as Nacións Unidas promoven a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente baixo o lema “Sete mil millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación”. O tema escollido salienta que para 2050, de continuar as actuais pautas de consumo e produción, xunto co aumento da poboación a 9,6 mil millóns, precisaremos tres planetas para manter o noso modo de vida e consumo. Os datos amosan que as persoas estamos a consumir máis recursos naturais dos que o planeta pode proporcionar de forma sostible.

Os colectivos integrantes da Federación Ecoloxista Galega* queremos sumarnos á esta celebración, a través das diferentes actividades que estamos a promover para estes días, e tamén á reivindicación da urxencia dunha xestión responsable dos recursos naturais baseada nos límites do planeta e no dereito ao benestar dos sete mil millóns de persoas que o habitamos. Salientamos tamén que o deterioro ambiental está ligado de xeito directo á inxustiza social: consumimos e poluimos máis do que o planeta pode aturar, pero á vez privamos a boa parte da humanidade dun mínimo de recursos para garantir a súa calidade de vida. O consumo excesivo promovido polo modelo capitalista provoca o acaparamento dos recursos, o empobrecemento das comunidades e ocasiona en moitos casos unha produción en situacións de evidente inxustiza e explotación. A iso súmase que boa parte da poboación mundial fica marxinada e excluída do consumo destes bens (alimentación, auga, enerxía, vivenda, etc.) ao non poder pagalos.

Consumir con responsabilidade supón consumir aquilo que necesitamos sen deixarnos levar pola publicidade ou polo estereotipo que asocia consumo co éxito e a felicidade. Para minimizar o impacto é necesario optar por produtos locais ou o máis achegados posible e favorecendo o pequeno comercio; coa mínima cantidade de intermediarios; de produción ecolóxica e de comercio xusto; libres de tóxicos e que minimicen a xeración de residuos.

No Día Mundial do Medio Ambiente é importante salientar que en Galicia estanse a desenvolver durante todo o ano un número importante de iniciativas de produción e consumo que recollen estas esixencias.

No referido á alimentación funcionan os chamados grupos de consumo, as asociación de consumidores (A Gradicela, Pontevedra; Semente, Ourense; Eco-Lóxico, Pontecaldelas, etc.) as tendas de produtos ecolóxicos e as hortas comunitarias en diferentes cidades e vilas.

Nos mercados e pequenas tendas de barrio tamén podemos atopar alimentos cultivados na localidade, e non hai que esquecer que un número importante de familias galegas seguen a producir nas súas hortas unha parte importante dos alimentos que consomen.

Destacamos os mercados e feiras para diferentes tipos de produtos: Mercado Caracol (Compostela), Mercado entre Lusco e Fusco (Compostela), Mercado de Mosteiro-Meis e Mercado de Redondela. Celébranse mercadiños periódicos de troco (Vigo, Coruña, Lugo, etc.), a Feira Come Ourense. Existen tendas de troco ou de segunda man ligadas ao téxtil.

Galicia conta tamén con proxectos de banca ética e de consumo de enerxías renovable ligadas ás necesidades da poboación e cunha compoñente básica de respeto ambiental.

Convén lembrar por último que as tendencias de consumo son o resultado da suma de milleiros e milleiros de comportamentos individuais que se desenvolven en sociedade. Todas estas iniciativas que recollemos contribúen a un consumo responsable ao facilitar alternativas sustentábeis e socialmente máis xustas.

* ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Guerrilleiros das Fragas, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Ríos con Vida-AEMS, Vaipolorío, Verdegaia e Xevale.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s